Galeuropa

imaxe galeuropa 2022

Orde, do 10 de agosto de 2022, pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións individuais destinadas ao programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa dirixido as persoas
mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil con cargo ao Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS324A).

QUE É GALEUROPA?

Esta orde, dotada con 550.000 euros e cofinanciada polo Fondo Social Europeo nunha porcentaxe do 80%, ten por obxecto establecer o procedemento de concesión de subvencións individuais para o programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa, para a realización de prácticas formativas non laborais por persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil (en adiante SNGX) en entidades ou empresas públicas ou privadas en países europeos, co fin de mellorar as súas habilidades e competencias, enriquecer o currículum vitae e outorgar máis ferramentas de cara á futura inserción laboral.

O procedemento de concesión das subvencións será en réxime de concorrencia competitiva e conforme aos principios de publicidade, transparencia, igualdade e non discriminación.

MÁIS COMPETENCIAS PARA FOMENTAR A EMPREGABILIDADE

A finalidade do programa é fomentar a empregabilidade e as competencias profesionais das persoas mozas inscritas no SNGX, contribuíndo á mellora da súa formación e á adquisición da experiencia profesional necesaria para a súa incorporación ao mercado de traballo dunha maneira duradeira no tempo. Ademais, a mobilidade transnacional apoia a adquisición de competencias en idiomas estranxeiros que contribúen a aumentar a empregabilidade das persoas mozas.

As subvencións establecidas nesta orde regularanse a través do procedemento BS324A: subvencións individuais de mobilidade para a mocidade galega.

QUEN PODE SER BENEFICIARIO/A?

Poderán solicitar as axudas as persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude:

a) Ter cumpridos os 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do SNGX, de conformidade co disposto no artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.

c) Estar inscritas no SNGX e figurar como beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia na data de presentación da solicitude.

COMO PRESENTAR A SOLICITUDE?

Prazo de presentación

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Deste xeito, o prazo rematará o 30 de setembro (incluído).

Lugar e forma de presentación

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Documentación a presentar

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Currículum vitae modelo europeo en calquera dos idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Anexo III, cos datos da empresa/entidade pública ou privada onde se realizarán as prácticas formativas non laborais.

No caso de non presentar este anexo coa solicitude, deberá ser remitido no prazo establecido no artigo 18.1.

c) Se procede, acreditación de violencia de xénero, por calquera dos medios recoñecidos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

d) Se procede, acreditación da situación de discapacidade cando non fose expedido na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Se procede, informe acreditativo da situación de risco de exclusión social emitido polo Sistema galego dos servizos sociais.

f) O/os certificado/s de empadroamento histórico que acredite/n a antigüidade mínima exixida no artigo 4, no caso de que a última variación do padrón sexa inferior a un ano.

PRECISAS ASESORAMENTO? 

Se tes dúbidas sobre este programa podes contactarnos a través das seguintes vías:

- Teléfonos: 881-999567; 981-545822; 981-545937

- Correo electrónico: galeuropain-garantiaxuvenil@xunta.gal

- Oficina de asesoramento virtual para a xuventude 

Ademais, podemos poñerte en contacto con persoas mozas participantes en pasadas edicións de Galeuropa para que poidas consultar dúbidas prácticas, intercambiar contactos de interese ou coñecer posibles oportunidades nos diferentes países. Para iso, contacta con nós a través das vías anteriormente descritas e solicita contactar cos EMBAIXADORES GALEUROPA.

Moi Importante!

Como é habitual en todas as convocatorias públicas, a presentación das solicitudes e tramitación da subvención non conleva ningún custo. A Consellería de Política Social e Xuventude NON colabora con ningunha entidade ou organización para a tramitación destas axudas.

DURACIÓN DAS MOBILIDADES

O período de realización de prácticas formativas non laborais nas empresas ou entidades de países europeos será como mínimo de 2 meses, agás causa xustificada motivada por escrito. Os meses non naturais (cando non comezan no primeiro día do mes) contaranse desde o día de inicio das prácticas do mes en curso ata o mesmo día do mes seguinte.

As prácticas poderán comezar a partir do día seguinte á notificación da resolución sempre que as persoas beneficiarias presenten o anexo II de aceptación da subvención e entreguen o anexo III de aceptación da empresa de prácticas.

As horas formativas terán unha duración mínima de 100 horas mensuais e un mínimo de catro días semanais de prácticas.

Data límite para rematar as prácticas formativas

A data límite para rematar as prácticas formativas será o 22 de decembro de 2022. Prazo ampliado no DOG do 29 de setembro.

CONTÍA DA SUBVENCIÓN

As contías das subvencións contemplan dous tipos de custos, que son os seguintes:

a) Gastos de mobilidade das persoas mozas participantes desde o día de inicio ata o día de remate das prácticas. Inclúe: o aloxamento e a manutención, os gastos de desprazamento e transporte
local no país de destino, o seguro de accidentes e responsabilidade civil, así como o seguro médico.

Este custos varían en función do lugar de realización das prácticas:

Paises Custo mes/participante Custo día/participante*   Paises Custo mes/participante Custo día/participante*
Alemaña   1.226€ 40,31€   Irlanda 1.464€ 48,13€
Austria   1.278€ 42,02€   Italia 1.350€ 44,38€
Bélxica     1.200€ 39,45€   Letonia 920€ 30,25€
Bulgaria   1.002€ 32,94€   Lituania 906€ 29,79€
Chipre  1.096€ 36,03€    Luxemburgo 1.200€ 39,45€
Croacia    1.041€ 34,98€   Malta 1.088€ 35,77€
Dinamarca   1.654€  54,38€   P. Baixos 1.322€ 43,46€
Eslovaquia   1.058€ 34,78€   Polonia 1.320€ 43,40€
Eslovenia   1.042€ 34,26€   Portugal 1.102€ 36,23€
Estonia    954€ 31,36€   Azores e Madeira 1.670€ 54,90€
Finlandia    1.400€ 46,03€   R. Checa 1.024€ 33,67€
Francia     1.418€ 46,62€   R. Unido 1.672€ 54,97€

Grecia    

1.120€ 36,82€   Romanía 1.008€ 33,14€
Hungría     914€ 30,05€   Suecia 1.378€ 45,30€

 

(*)Os custos por día só se aplicarán nos casos excepcionais nos que a duración das prácticas non comprenda meses completos, ou no caso no que haxa que aplicar descontos.

b) Apoio lingüístico: custo unitario de 150 euros por persoa moza solicitante.

Comprende os custos relacionados co apoio ás persoas mozas beneficiarias (antes da súa partida ou durante a súa estadía), co fin de mellorar o seu coñecemento da lingua que utilizarán para a  realización da estadía formativa.

O apoio lingüístico refírese a unha formación en lingua estranxeira que require dun mínimo de 10 horas acreditadas por profesionais, con indicación do nivel ao que correspondan os contidos impartidos respecto do Marco Común Europeo de referencia das linguas, en adiante MCERL. O dito apoio require petición expresa por parte da persoa moza solicitante marcando o cadro correspondente do anexo I.

Cómpre lembrar que, para os efectos da subvención, non son subvencionables os días de viaxe (ida e volta) da persoa moza participante.

ANTICIPO

Poderá solicitarse un anticipo do 80% do importe da contía da subvención concedida, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á actividade subvencionada. O anticipo solicitarase unha vez que se sexa beneficiario coa presentación do anexo II de aceptación da axuda marcando o recadro previsto no mesmo.

RESOLUCIÓN

A resolución definitiva coa relación de persoas mozas beneficiarias, excluídas, desestimadas, lista de agarda e renuncias será notificada mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e será obxecto de publicidade, con carácter complementario, na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado (http://xuventude.xunta.es).

Tras a notificación da resolución porase a disposición das persoas mozas beneficiarias, a través da aplicación informática Participa 1420, un cuestionario en formato electrónico para cubrir os datos relativos aos indicadores de produtividade que require o Fondo Social Europeo establecido no anexo I do Regulamento (UE) 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

A resolución comprenderá o acto de outorgamento da subvención que será efectiva desde o día seguinte ao da súa notificación. Malia isto, a efectividade da resolución estará condicionada a que a persoa beneficiaria a acepte expresamente e concrete a entidade ou empresa de realización da práctica (se non o fixo antes), mediante a entrega da seguinte documentación, no prazo de 10 días hábiles contados desde a recepción da notificación:

a) Anexo II cuberto aceptando ou renunciando á subvención no que se incluirá:

1o. En caso de aceptar a subvención, o número de conta bancaria co código IBAN da que sexa titular a persoa beneficiaria.

2o. Se é o caso, a solicitude do anticipo previsto no artigo 21, marcando o recadro previsto para o efecto.

b) Sempre que non o presentaran xa con anterioridade, anexo III ou compromiso da empresa ou entidade de prácticas, asinado por unha persoa responsable da dita empresa ou entidade prevista para
a realización destas.

O país de destino que se elixa na solicitude só poderá ser modificado logo de solicitude por escrito motivado, por outro que teña asignadas contías iguais ou inferiores. Excepcionalmente, poderá realizarse o cambio para outro país que teña asignada unha contía superior sempre e cando se reduza a duración da mobilidade (respectando o período medio de 2 meses) de tal maneira que o cambio non supoña un incremento da axuda concedida.

COMO XUSTIFICAR A SUBVENCIÓN?

Segundo a orde de convocatoria, a xustificación da subvención presentarase con data límite do 30 de decembro de 2022. Prazo ampliado no DOG do 29 de setembro.

Deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou das entidades vinculadas ou dependentes (anexo VI)

b) Certificado emitido pola empresa ou entidade de prácticas no cal constará a efectiva realización das prácticas formativas non laborais da persoa beneficiaria, así como o período en que se desenvolveron, o número de horas formativas mensuais e as actividades levadas a cabo. Deberá estar debidamente asinado pola/s persoa/s da empresa ou entidade que exerceu a titoría das prácticas e mais a persoa que as realizou (anexo IV).

c) Proba documental de asistencia diaria ás prácticas, asinada pola/s persoa/s da empresa ou entidade que exerceu a titoría das prácticas e a persoa beneficiaria (anexo IV-bis).

d) Memoria de actividades, na que conste unha breve análise dos resultados obtidos respecto dos obxectivos perseguidos, resumo da experiencia na estadía formativa, destacando os aspectos socioculturais e lingüísticos, as destrezas e habilidades adquiridas, os atrancos atopados, o proveito obtido para a vida laboral e persoal e outras cuestións que se consideren de interese. Do mesmo xeito, de ser o caso, unha indicación das modificacións producidas nas estadías, se as houber, en canto á duración da mobilidade e posibles cambios de empresas ou entidades de prácticas, así como as causas que as motivaron (anexo V)

e) Se é o caso, a documentación que acredite o motivo xustificado que causou o abandono ou interrupción das prácticas ou a non realización do período mínimo establecido nesta convocatoria.

f) Se é o caso, documentación que acredite a lingua na cal se recibiu o apoio lingüístico, con indicación do nivel ao que correspondan os contidos impartidos respecto do MCERL. Deberá acreditar un  mínimo de 10 horas, mediante documento asinado pola persoa profesional que impartiu o curso e pola persoa beneficiaria deste.

g) Unha reportaxe fotográfica que evidencie o lugar de realización das prácticas. Cada foto debe ir acompañada dunha breve memoria descritiva.

PAGAMENTO DA SUBVENCIÓN

Unha vez recibida e comprobada a documentación xustificativa poderase proceder ao pagamento da subvención concedida. No caso de que o gasto xustificado sexa inferior ao orzamento da subvención e no caso de incumprimento de obrigas, a contía da subvención será minorada de maneira proporcional.

Se a persoa solicitou o pagamento anticipado do 80% da subvención concedida, o pago do 20% restante do importe concedido realizarase tras a presentación da xustificación final da subvención.

OUTRA INFORMACIÓN DE INTERESE (PDF

Velaquí unha relación de entidades, organizacións e asociacións de ámbito xuvenil en varios países especializadas en proxectos europeos Erasmus+ Xuventude ou Cuerpo Europeo de Solidariedade, que poden ser de utilidade para as persoas participantes en Galeuropa co fin de planificar a súa estadía.

 

Programa de mobilidade trasnacional xuvenil 2019

Programa de mobilidade trasnacional xuvenil 2018

Programa de mobilidade trasnacional xuvenil 2017 

Programa de mobilidade trasnacional xuvenil 2016

Programa de mobilidade trasnacional xuvenil 2015

Galeuropa 2014

Galeuropa 2013

Segundo a orde de convocatoria, a xustificación da subvención presentarase con data límite do 30 de decembro de 2022. Prazo ampliado no DOG do 29 de setembro.