Emprende

EmprendeO programa “Emprende” desenvolverase durante este ano 2011 e 2012, e ten como obxectivo principal apoiar á mocidade emprendedora de Galicia e do norte de Portugal. Para conseguilo, a iniciativa disporá dun conxunto de mecanismos destinados ao asesoramento aos emprendedores na posta en marcha dos seus proxecto, “co fin de dinamizar a economía e emprego neste territorio”.

Así o adiantou conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, durante o acto de presentación deste proxecto, que tivo lugar en Tui e no que tamén participaron o director do Instituto da Juventude da zona norte de Portugal, Vitor Días, e a Secretaria de Estado de Juventude e Desporto, Pedro Vaz.

Na súa intervención, a conselleira lembrou que este novo programa vén a dar o relevo ao que se coñecía anteriormente como “Espazo Xuvenil” e que "tivo importantes resultados" coa creación de 10 empresas por parte de mozos. Ademais, mostrou a súa confianza en que este proxecto constituirá “un respaldo moi importante, especialmente nos tempos actuais, para os mozos e mozas portugueses e galegos”.

Mato inscribiu esta nova iniciativa, da que se poderán beneficiar ata 20.000 persoas, no apoio que está a prestar a Xunta a distintos eidos de actuación dirixidos a dinamizar a economía: o apoio aos emprendedores e a difusión dos valores do emprendemento; o fomento da internacionalización das empresas e da mellora da súa competitividade; a formación continua das persoas; e, moi especialmente, “a confianza e o estímulo á xuventude como capital de futuro”.

Este programa, que conta cun orzamento de máis de 720.000 euros, forma parte do programa de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal, da Unión Europea.

Con respecto ao contido proxecto “Emprende”, a titular do departamento autonómico concretou algunha das actuacións máis destacadas que se levarán a cabo ao abeiro da iniciativa. Entre outras, referiuse á creación do “Gabinete de iniciativas xuvenís emprendedoras transfronteirizas”, que constituirá unha “estrutura de xestión e apoio básico á creación de empresas e emprego”.

Neste sentido, apuntou tamén que este Gabinete conformará, xunto aos informadores xuvenís, o “Observatorio de emprego xuvenil”, desde o que se realizarán informes e estudos da situación.

Ademais, dentro do programa “Emprende”, desenvolverase tamén o “Emprega Talento”. Trátase dunha iniciativa para abrir “novas vías de cooperación entre os mozos e mozas e as empresas”. En concreto, facilitará formación, habilidades e contactos aos mozos e mozas que teñan iniciativas; ao tempo que servirá tamén aos empresarios que busquen persoal “novo, preparado e con ideas”.

Mato salientou tamén o “Servizo de Mobilidade Xuvenil”, que fomentará o intercambio de experiencias entre as empresas mozas de Galicia e do norte de Portugal, así como promoverá a colaboración profesional con empresas na creación de novos produtos e servizos.

A todos estes proxectos, engadiranse –segundo precisou a titular do departamento autonómico- unha serie de accións formativas, tanto presenciais como en liña a través da plataforma de e-learning “Emprendemento Xuventude”. En total, serán 10 cursos de formación en liña, 12 presenciais e 8 xornadas e paneis de experiencia.

Neste ámbito de actuación, crearanse tamén dous foros de empresarios e asociacións xuvenís, que se celebrarán respectivamente en Galicia e no norte de Portugal. O obxectivo destas actuacións é servir de “vehículo de intercambio” para a posta en común de proxectos e iniciativas, ademais de que, deste xeito, os emprendedores poderán coñecer “de primeira man” as necesidades da xuventude”.

Por último, a conselleira amosou o seu convencemento de que “Galicia e o norte de Portugal conforman un dos territorios con máis posibilidades por explotar e con máis opcións de crecemento futuro”. Ademais, apostou por “impulsar á xuventude, na que está o futuro” e por dotar á mocidade “das ferramentas para que poidan desenvolver os seus proxectos e as súas iniciativas, e para que poidan continuar formándose profesional e laboralmente”.

Máis información en http://www.emprendementoxuventude-galicianorte.com/missao