Comité Galego de Políticas de Xuventude

Comité Galego de Políticas de Xuventude


O Comité Galego de Políticas de Xuventude creouse pola Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia e constituíse en sesión plenaria do día 22/01/2014. Configúrase como órgano colexiado de coordinación interdepartamental e interinstitucional adscrito á consellaría competente en materia de xuventude, na actualidade a Consellería de Política Social.

Funcións


As funcións específicas do Comité Galego de Políticas de Xuventude son:

  1. Estudar, analizar e informar dos problemas da mocidade galega e presentarlle, de ser o caso, propostas de medidas concretas ao Consello da Xunta de Galicia.
  2. Establecer as directrices que lle servirán de base ao Plan estratéxico de xuventude de Galicia.
  3. Coordinar e darlles prioridade aos obxectivos das políticas transversais de xuventude coas distintas consellerías da Xunta de Galicia.
  4. Avaliar os resultados das citadas políticas transversais de xuventude e do Plan estratéxico de xuventude de Galicia, así como do cumprimento dos obxectivos e das finalidades dos programas que se executen no marco do dito plan.

Organización


O Comité Galego de Políticas de Xuventude está composto polos seguintes membros:

  • Presidencia: a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.
  • Vicepresidencia: a persoa titular da consellería competente en materia de xuventude.
  • Secretaría: un funcionario ou funcionaria con nivel orgánico de subdirección xeral adscrito ao órgano directivo competente en materia de xuventude.
  • Vogalías, onde deberá existir a seguinte representación:
    1. Consellerías da Xunta de Galicia, nos seguintes termos:
      • Os ou as titulares das secretarías xerais dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.
      • O órgano directivo competente en materia de xuventude.
      • Tres representantes, con nivel orgánico de secretario ou secretaria xeral técnico ou director ou directora xeral, de cada unha das consellerías da Xunta de Galicia, designados pola persoa titular da consellaría respectiva.
    2. Un ou unha representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.
    3. Un ou unha representante do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

Para cada unha das vogalías anteriores deberase nomear unha suplencia.

Funcionamento


De acordo co artigo 42 da Lei de xuventude de Galicia, o Comité Galego de Políticas de Xuventude actuará en pleno ou en comisións especializadas. O pleno está formado por todos os membros do Comité e está prevista a reunión ordinaria de xeito semestral e de xeito extraordinario cando o solicite o seu presidente ou presidenta.