A Federación de Libreiros de Galicia renova a súa adhesión ao programa Carné Xove da Xunta

12 Abr 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Ramón Manuel Domínguez López, renovaron o compromiso de adhesión da entidade ao programa Carné xove da Xunta de Galicia. O obxectivo é fomentar a lectura entre as mozas e mozos que sexan titulares devandito carné, os cales seguirán tendo descontos do 5% en libros e do 10% tanto en papelería como en material escolar nos establecementos asociados que forman parte do acordo: preto de 110 librarías que se poden consultar en librarías adheridas e nesta web.

Cómpre destacar que, en virtude deste acordo, e a maiores de aplicar os descontos, tamén se realizará un sorteo mensual dun vale de 50 euros entre as persoas usuarias do Carné xove. Este sorteo farase a través das redes sociais de Xuventude e a persoa gañadora poderá gastalo en calquera das librarías asociadas ao programa.

Así mesmo, a Consellería de Política Social e Xuventude e a Federación, comprométense a establecer sinerxías nas feiras do libro no marco do programa Carné xove. Con este fin, realizaranse actuacións como a promoción de artistas noveis ou participantes no certame Xuventude Crea nas especialidades relacionadas, como as de Novela curta e Poesía.