Foro de Innovación Agroalimentaria en Santiago FEUGA

02 Mar 2023

FEUGA (Fundación Empresa Universidade Galega) organiza o vindeiro xoves día 9 de marzo, na súa sede de Santiago de Compostela, un evento centrado en innovación e a transformación tecnolóxica do sector agroalimentario. O programa inclúe presentacións dos principais resultados e conclusións de diferentes proxectos de innovación que teñen como último obxectivo o benestar animal e humano.

Presentaranse proxectos de innovación como TIRAC, enfocado na redución de antibióticos fronte a problemas dixestivos nos coellos de cebo a través de diferentes estratexias nutricionais como o equilibrio no nivel de fibra solúbel/insolúbel ademais da incorporación de algas e extractos de algas, ou Micoalga, que acolleu o desenvolvemento de pensos complementados con fungos e microalgas con efecto antimicrobiano, inmunomodulador e antiinflamatorio, e avaliado como alimentación en gandería avícola.Doutra banda, tamén achegarán resultados os socios do proxecto ProteinLeg, logo do seu traballo para dar forma a proteínas alimentarias de alta calidade mediante a produción e procesamento sostibles de cultivo de leguminosas.

Tamén se contará, durante o foro, con relatorios de relevancia no sector: Begoña Pascual, xefa de Área da SG. de Innovación e dixitalización do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; Bruno González, director da Unidade de Resistencia Antimicrobiana da Universidade Complutense de Madrid e Sheila Alves, responsábel de investigación en Teagasc, Irlanda.

O foro, segundo explica FEUGA, “permitirá aos asistentes, ademais de coñecer estas iniciativas innovadoras, manterse ao día das oportunidades e políticas en materia de innovación así como contactar e interactuar cun amplo número de entidades para explorar posibilidades de colaboración conxuntas que conduzan a novos proxectos e iniciativas”. Ofrecerase a posibilidade de conexión online para aqueles interesados que non puidesen acudir ao evento de maneira presencial.

 

Máis información e inscricións en: www.feuga.es/foro