Novas e actividades

  1. Destacadas
  2. Actividades

Formación

  1. Cursos da DXXPV
  2. Cursos de Tempo Libre
  3. Outros cursos

Bolsas e axudas

  1. Convocatoria xeral
  2. Idiomas
  3. Formación práctica
  4. Mobilidade
  5. Outras

Premios e concursos

  1. Premios e concursos
  2. Exposicións, certames e concertos

26 11 2022 XC22 Danza 206

XUVENTUDE CREA

A Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da
xuventude galega, convoca anualmente o programa Xuventude Crea, un certame de creadores novos que pretende estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación. Este certame  comezou a súa andaina en 2010 coa denominación Xuventude Crea, polo que neste ano 2023 cumpre catorce anos.

Xuventude Crea pretende actuar como estímulo económico para a mocidade, pero ante todo quere ser un trampolín para mostrar as propostas da mocidade galega, un escaparate no que o público poida coñecer a estes novos talentos e ás súas obras nun amplo abano de especialidades, e tamén ofrecerlles a oportunidade de dar a coñecer o que fan, actuar como a canle de divulgación das inquietudes artísticas individuais e colectivas da xuventude galega, e fomentar entre os mozos/as actividades de ocio e tempo libre saudable. As obras e artistas máis recentes de Xuventude Crea poden consultarse no museo web do programa: https://www.museoxuventudecrea.gal/

Vai dirixido aos mozos ou mozas galegos/as ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano de cada convocatoria, agás o establecido na parte específica de cada especialidade.

Enténdese por profesional aquela persoa que mantén unha relación contractual permanente ou ocasional con algunha empresa vinculada á especialidade concreta na que solicita participar levando a cabo traballos directamente relacionados con ela, ou que está dada de alta como autónomo/a nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade.

A participación será sempre a título individual, salvo no caso das especialidades de cociña, creación de videoxogos, danza moderna, música, teatro e videocreación (esta última, novidade con respecto a  anos anteriores).

A dotación económica dos premios por cada unha das especialidades é:

1º premio: 3.000 euros

2º premio: 1.500 euros

3º premio: 1.000 euros

Un premio especial de 1.000€ para a modalidade de música clásica da especialidade de música.

Aquelas persoas que gañasen o primeiro premio dunha especialidade das convocadas na edición do ano anterior, non poderán participar na mesma especialidade na presente convocatoria.

Ademais dos premios, a convocatoria prevé axudas económicas para as persoas participantes que accedan á fase final de determinadas especialidades e, o que é máis importante, as obras finalistas e premiadas terán a vantaxe de ser obxecto de difusión e promoción de forma que se fará visible o talento e a creatividade das súa persoas autoras.

Por todo o anterior, desde o 2010 ata a presente edición de 2023, neste programa participaron máis de 4.400 mozos e mozas, con 3.254 obras e proxectos creativos. Temos repartido 540 premios, por  importe total de 795.500 euros, e 72 mencións de honra.

CONVOCATORIA XUVENTUDE CREA 2023

A convocatoria do programa Xuventude Crea 2023 publícase no Diario Oficial de Galicia o día 1 de setembro coas seguintes principais novidades:

  • Na especialidade de música, a obra gañadora do primeiro premio poderá ser proposta para participar en festivais de música de Galicia cos que colabore a Dirección Xeral competente en materia de xuventude así como en eventos de similar natureza.
  • Na especialidade de teatro, poderase ofertar ás persoas ou grupos das obras gañadoras a posibilidade de entrar na selección dun programa de formación e mentorizaxe para poñer en marcha unha compañía teatral. Este novo programa contará co apoio do departamento competente en materia de emprendemento e cultura.
  • Increméntanse, de 6 a 8, as obras que poden chegar á fase final na especialidade de Danza Moderna; e non se limita o número máximo de integrantes do grupo (ata agora fixado en 5) en Creación de Videoxogos.

O prazo de solicitude estará aberto ata o día 2 de outubro.

Así, as 14 especialidades artísticas que se convocan son as seguintes:

Artes plásticas: Coas modalidades de pintura e escultura. As obras serán orixinais e o tema e as técnicas serán libres.

Arte urbana: As obras serán orixinais, inéditas e, de ter texto, este estará en galego. O tema e a técnica serán libres.

Banda deseñada: As obras serán orixinais e inéditas, de temática libre e con textos en galego. A técnica pode ser calquera, en branco e negro ou en cor. A obra presentarase en formato dixital (A4 ou A3) e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas.

Cociña: As receitas poderán ser individuais ou en parella, admitíndose unha receita por participante (sexa individual ou en parella). Pode tratarse dun prato salgado ou doce, e a base do mesmo deberá contar con denominación de orixe de Galicia ou ben pola Federación de Prazas de Abastos de Galicia.

Creación de videoxogos: As obras poderán ser individuais ou en grupo. Un 25% dos participantes poderá superar os 30 anos de idade. Serán orixinais, inéditas e os textos e o audible en galego, agás a banda sonora, que poderá estar en calquera lingua. A temática será libre. Os videoxogos deberán dispoñer, como mínimo, de versións para Windows ou Mac Os e deberán ser manexables con teclado e rato.

Danza moderna: Coas disciplinas de danza contemporánea, danza urbana, jazz-lírico e danza experimental. De forma individual ou en grupo (mínimo de 2 persoas e máximo de 30). A duración da actuación non pode superar os cinco minutos e a coreografía debe ser inédita.

Deseño de xoias: A colección, que poderá ser tanto para home como para muller, debe ser orixinal e estará composta por 3 xoias. O remate das pezas debe traballarse en metal con pezas de xoiería, excluíndo a utilización de fornituras compradas.

Fotografía: As obras serán orixinais, o tema e as técnicas serán libres. Unha ou varias fotografías, ata un máximo de 6, en cor ou branco e negro. As obras orixinais serán requiridas ás persoas  participantes, só no caso de que fosen seleccionadas para a exposición final ou se a comisión de selección o estima necesario.

Moda: As coleccións deben ser orixinais e coherentes, con 5 modelos de home ou muller. Será necesario definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas de formato DIN A-3 (297 mm x 420 mm), con deseño de fronte e de costas.

Música: Solistas e grupos de pop, folk, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea, así como solistas e grupos de música clásica que serán os que poidan optar, ademais, ao premio especial de 1.000 euros. Admitirase que ata un 25% das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos.

Novela curta: A obra será orixinal, inédita e en galego. O tema será libre. A ordenador, en tamaño 12, tipografía arial e a dobre espazo. Terá unha extensión mínima de 80 páxinas e máxima de 200 e as follas estarán numeradas.

Poesía: A obra será orixinal, inédita e en galego. O tema e a técnica serán libres. A obra realizarase a ordenador, en tamaño 12 e a dobre espazo. Terá unha extensión mínima de 50 versos e máxima  de 100 e as follas estarán numeradas.

Teatro: Persoas individualmente ou grupos teatrais, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2023. Admitirase que ata un 25% das persoas compoñentes do grupo superen os 30 anos ou teñan entre 14 e 16. As representacións serán en lingua galega, maila que as obras poderán ser de autoría galega, española ou estranxeira. Poderanse presentar obras orixinais. A duración da representación de cada obra será de mínimo 30 minutos e máximo 1 hora e media.

Videocreación: As obras serán orixinais, inéditas e en galego. O tema será libre, mais deberá dar prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental (é dicir, que se sitúa fóra dos códigos convencionais, que aposta por fórmulas audiovisuais onde se dá prioridade á subxectividade). A duración de cada obra será dun mínimo de 2 minutos e dun máximo de 8 minutos  e a súa realización das obras debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2023.

 

 

 

MÁIS INFORMACIÓN:

981 541 689 / 981 545 702

xuventudecrea.cps@xunta.gal

 


Histórico de Premios


Certame 2023

Certame 2022

Certame 2021

Certame 2020

Certame 2019

Certame 2018

Certame 2017

Certame 2016

Certame 2015

Certame 2014

Certame 2013

Certame 2012

Certame 2010

Certame 2009

Certame 2008

Certame 2007

 

Máis información e consultas:

Teléfono: 981 544 645 e 981 544 854 , e-mail: xuventude@xunta.es