O xurado do concurso Lingua de namorar 2018 reuniuse o martes 6 de febreiro para elixir, de entre as 50 mensaxes máis votadas en cada unha das categorías, as mensaxes gañadoras desta edición, que son as seguintes:

 

Mensaxes gañadoras da categoría A

 

1º Premio:Muiñeira, de Nee Barros Fernández (Marín, Pontevedra)

 

"Amarte hei, Carolina, como o lagarto á saia, coma as ferreñas á pandeireta e coma as cunchas ás panxoliñas; para fundírmonos xuntos nun aturuxo indecente dunha tenra foliada."

 

2º Premio:Tes lume?, de Ania Ferreira Longueira (Vigo, Pontevedra)

 

"Tes lume?, preguntei.

El tendeume un chisqueiro.
Eu ante a súa mirada comecei
por dentro a arder.
Creo que nunca chegamos a falar no mesmo sentido."

 

3º Premio: Amor adiantado, de Uxía Martínez Cabadas (Vigo, Pontevedra)

 

"Se importa máis etiquetar nunha foto dun "Quérote", en vez de dicilo; se importa máis unha cariña sorrinte, que un aloumiño na mesma face; se o que importa é contestar rápido ás mensaxes... Eu négome! Volvamos poñer os escritos de moda, as cancións dedicadas e os bicos baixo a choiva. Namoremos. Seica non necesitamos tanto adianto."

 

Mensaxes gañadoras da categoría B

 

1º Premio: Infinito, de Teresa Pérez Lousame (Lousame, A Coruña)

 

"Somos a colisión

das liñas de fuga;

a converxencia

das variables ti e eu

na constante nós."

 

2º Premio:Fagamos melodía, de Aitana Iglesias Márquez (Narón, A Coruña)

 

"Róubaslle a Freddie o poder de reinar. Déixate de Rolling, o teu swing faime rabiar. Non preciso a ACDC, ti xa es a miña star. Se es Quinta Sinfonía, pelexo con Beethoven por te tocar. Fagamos melodía, non deixemos de soar. Porque a vida, sen ti, é un Sinistro Total."

 

3º Premio: Terroristas, de Iria Carreira Pazos (Arzúa, A Coruña)

 

"Dino tódolos poetas:

cando ti me bicas

párase o mundo.

 

A Terra frea o seu xiro,

a Lúa muda a súa órbita,

invírtense os polos magnéticos.

 

Vannos acusar de terrorismo

porque lle descontrolamos tódolos satélites ós yankis."

 

O obxectivo principal de Lingua de namorar, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, é dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea.


bases


 

categoriaAcategoriaB