Catro alumnas, de 3º de ESO do IES Laxeiro de Lalín, da materia de Oratoria que imparte Lara Rodríguez falan para Radio Lalín do seu traballo como as “Informantes do Laxeiro” dentro do programa Correspondentes Xuvenís.
Elas son Iria Hermida, Yusra Bouchaila, Alba Rodríguez e Bárbara Aragón.
Podedes seguir ao equipo de Correspondentes Xuvenís do IES Laxeiro de Lalín na súa conta de Instagram: https://www.instagram.com/informantes_laxeiro/
O IES Fernando Blanco de Cee envía unha foto do equipo de Correspondentes Xuvenís.
Equipazo formado por alumnado dos ciclos formativos básicos en Electricidade e Electrónica e Mantemento de Vehículos que veñen de preparar e organizar o 20 de Novembro, o Día internacional dos Dereitos da Infancia para concienciar a Comunidade Educativa de que é un día para chamar a atención sobre a situación das nenas e nenos máis desfavorecidos, dar a coñecer os dereitos da infancia e concienciar ás persoas da importancia de traballar día a día polo seu benestar e desenvolvemento.
E por isto aproveitan o momento actual que estamos a vivir para pór en marcha a Campaña de Recollida de Alimentos da Infancia CEE - 2023.
A Campaña de Alimentos faise baixo o formato de “LUNS SOLIDARIOS”, de tal xeito que unicamente son os LUNS os días habilitados para levar os alimentos e produtos de primeira necesidade, comezando o 27 de Novembro e rematando o 18 de Decembro. Dentro dos alimentos e produtos de primeira necesidade infantís que máis escasean e teñen unha grande demanda son leite, potitos, galletas, cereais, cueiros, xabón, produtos de limpeza...
Esta Campaña forma parte das actividades que está a realizar o alumnado da Formación Profesional Básica dentro do PROXECTO ACADIX (Actividade, Convivencia, Aprendizaxe, Diversidade, Igualdade e Xénero) que xorde coa idea de constituir unha experiencia enriquecedora, creativa e práctica, empregando recursos motivadores e que supón unha oportunidade marabillosa para levar á practica os aspectos transversais en actividades conxuntas entre o alumnado de 1º e 2º curso.
Queren agraceder a toda a Comunidade Educativa a súa colaboración e axuda.
Parabéns pola iniciativa!
Os/as Correspondentes Xuvenís do IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa xa empezaron a desenvolver o seu labor neste curso con varias actividades vencelladas á celebración do Samaín:
-Un grupo colaborou con Tegra Gómez, Dinamizadora Cultural no Espazo Xove de Vilagarcía, na organización dun Escape Room que fixo pasar moito moito medo aos/ás participantes. Ademais de axudar no deseño das probas, publicitaron o evento entre a rapazada e colaboraron activamente nese día.
-Outro grupo organizou no día 31 de novembro unha festa para mostrar unha parte da nosa cultura que é común a todas as outras que están presentes no IES Castro Alobre e da única que non podemos escapar: A MORTE. Este feito súfrese e celébrase de maneira moi diferente nas distintas culturas e os/as correspondentes aproveitaron este feito, a súa parte festiva, para convidar a todo o alumnado doutras comunidades culturais a expoñer as súas tradicións e a que coñezan as nosas. Froito deste encontro elaboraron un vídeo que recolle aspectos moi interesantes sobre a morte noutras comunidades culturais.
A Consellería de Política Social e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convoca un curso máis o programa Correspondentes Xuvenís coa pretensión de contar cunha antena informativa en cada centro educativo.
O equipo de Correspondentes Xuvenís será alumnado que se responsabilice de recoller a información que se lles envíe desde a Dirección Xeral de Xuventude, Espazo Xove ou OMIX do seu concello e de difundila entre o resto do alumnado do centro, contando co apoio do persoal do Servizo de Información Xuvenil e co profesorado participante no programa.
Os/as correspondentes terán as seguintes funcións:
- Difundir a información que reciban a través dos medios ao seu alcance: taboleiro informativo, redes sociais, wahtsapp, podcast...
- Manter actualizado e ordeado o taboleiro informativo do centro
- Remitir a Xuventude información do seu centro que poida ser de interés para correspondentes doutros puntos de Galicia.
- Participar nas sesións de formacións e/ou intercambio de experiencias que se porpoñan dende a DXXPV.
- Elaborar un podcast propio de correspondentes xuvenís. Durante o curso, os centros deberán traballar o contido do que se nutra o podcast.
Beneficios para os/as correspondentes:
- Poderán participar nos Encontros de Correspondentes Xuvenís que se organicen ao longo do curso.
- Recoñeceráselles a súa particapción cun Certificado de experiencias: Educación non formal en materia de Xuventude.
- Contarán con asesoramento para a posta en marcha do programa no seu centro educativo..
Beneficios para o profesorado colaborador:
O profesorado que participe a través do Plan Proxecta recibirá unha certificación da Consellería de Educación.
O programa Correspondentes Xuvenís pode solicitarse de dúas formas:
1. A través do Plan Proxecta da Consellería de Educación, ata o 29 de setembro de 2023.
2. Directamente coa Dirección Xeral de Xuventude, a través do Centro Coordinador de información xuvenil.
Máis información no teléfono 881 997 606 e 881 997 602 e en https://www.edu.xunta.gal/portal/node/9626
Iago, Aroa, Teo, Aroa, Juan Sebastián, Jonathan Manuel, Gabriela, Samuel, Gilary Elianny, Carlos, Valerie Victoria, Emma, Christopher Andrés, Gabriel, Alejandro Abrahán, Erik e Jiagi forman o equipo de Correspondnetes Xuvenís do IES Sardiñeira da Coruña.
Parabéns polo traballo desenvolvido!!
Nabila, Uxía, Christian, Candela, Omar, Ángela Cristina e Carla forman o equipo de Correspondentes Xuvenís do IES Illa de Sarón de Xove.
Podedes ver o labor que desenvolven na web do seu instituto: http://www.edu.xunta.gal/centros/iesilladesaronxove/taxonomy/term/165
E tamén podedes coñecelas no seu vídeo de presentación
Prabéns polo traballo desenvolvido!!!
Yasir, Joel, Raúl, Batista, Álex, Lucas, Francisco, Brais, Javiño, Kevin, Iria e Borja, Correspondentes Xuvenís no IES Campo de San Alberto de Noia, están a participar no PROXECTO ACADIX (Actividade, Convivencia, Aprendizaxe, Diversidade, Igualdade e Xénero) que xorde coa idea de constituir unha experiencia enriquecedora, creativa e práctica, empregando recursos motivadores entre o alumnado do ciclo formativo básico de Electrónica e Electricidade e o alumnado do ciclo formativo de grao medio en xestión administrativa.
O PROXECTO ACADIX supón unha oportunidade para levar á practica os aspectos transversais en actividades conxuntas entre o alumnado de 1º e 2º curso. Exemplos de actividades conxuntas: actualización do taboleiro de Correspondentes Xuvenís 3.0, creación do grupo lector "Libros con café" do Club de lectura , realización de dinámicas de grupo e obradoiros de intelixencia emocional ou preparación e organización do MECO-Entroido 2023.
Parabéns polo traballo realizado!!
Os/as correspondentes do IES Castro Alobre tiveron un encontro o pasado luns con Sonia, Dinamizadora da Dirección Xeral de Xuventude e Mercedes, Coordinadora da Casa da Xuventude de Vilagarcía de Arousa.
As dúas profesionais achegáronse ata o centro educativo para informar o alumnado dos programas que oferta Xuventude e para mostrarlles as diversas opcións de ocio saudable que poden atopar nun espazo próximo ao instituto como é a Casa da Xuventude.
Os/as correspondentes transmitíronlles as actividades que ata o momento se desenvolveron e as que se están proxectando para o futuro e presentáronlles o novo logo, deseñado por unha das correspondentes, Noa Comendador.
Instagram: @correspondentescastro
O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e o técnico de Xuventude da Xunta, Fernando Rodríguez desprazáronse ata o Centro Público Plurilingüe Integrado Os Dices para felicitar persoalmente a tres alumnas de ESO. Trátase de Carmen Romarís, Carolina Martínez González e Sabela Becerra, quen integra o equipo de Correspondentes Xuvenís do centro, encargadas de difundir a información que lles facilite a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e o Concello de Rois en materia de mocidade entre o resto do alumnado polos medios que teñan ao seu alcance.
A xestión do programa no CPI Os Dices desenvólvese a través de Anayansi Singh, responsable da Oficina Municipal de Información Xuvenil de Rois.
No acto de recoñecemento tamén estiveron presentes a directora do centro educativo, Ana Lamela, e a xefa de estudos, Mireia Pamies.
Os/as correspondentes do IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa (alumnado de 3º da ESO de Proxecto Competencial) recibiron no día 10 de xaneiro unha formación sobre Voluntariado da man de dous membros de "Ecos do Sur", unha ONG que reúne as persoas á volta dun propósito: facer que as migracións fructifiquen nunha sociedade máis próspera, máis xusta e orgullosa da súa diversidade. Este mesmo obxectivo é o que se persegue coa creación do "Voluntariado Lingüístico" no IES Castro Alobre e esa é a razón pola que os/as nosos/as correspondentes tiveron dúas horas de encontro con Said e Javi.
Said, mediador en "Ecos do Sur", para alén de artista fotógrafo e activista dos dereitos humanos, expuxo a súa experiencia en España tras saír do seu país, Arxelia, a consecuencia da súa loita a favor da liberdade de expresión.
Javi Galego, responsable do Voluntariado en "Ecos do Sur", explicou o proceso de acollida que levan a cabo desde a ONG e deunos as claves necesarias para arrincar co noso Voluntariado. O alumnado tivo a oportunidade de traballar en grupo e propor ideas que se intentarán materializar ao longo do curso.
No instagram @correspondentescastro e no Blog da Biblioteca http://bibliocastroalobre.blogspot.com/, cuxa colaboración é fundamental para desenvolver estas actividades, pódense ver fotos do Obradoiro.