A Xunta de Galicia convoca un fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, ESO e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2023/24.
Fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO.
- En 4º e 6º de EP e 2º e 4º da ESO permitirase a substitución dos libros de texto.
- No resto dos cursos manteranse os libros de texto do curso 2022/23.
Axudas para adquirir libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de EP e en educación especial.
Axudas para adquirir material escolar destinadas ao alumnado matriculado en EP, ESO e EE.
A asignación de libros farase:
a) Ao alumnado que participe no fondo solidario, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar, ata que se esgoten as existencias.
b) Terá preferencia para esta adxudicación o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, con independencia da renda.
A contía das axudas para adquirir libros de texto será:
a) Para o alumnado de 1º e 2º de EP:
- Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: 240 €.
- Renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: 160 €.
b) Para o alumnado matriculado en EE, en centros específicos ou en unidades de EE de centros ordinarios, ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, a contía das axudas será de 300 € con independencia da renda per cápita da unidade familiar.
c) Para o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o importe da axuda será o maior correspondente ao ensino e curso en que estea matriculado, con independencia da renda per cápita da unidade familiar.
d) Para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo:
Alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de EP:
- Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: 240 €.
- Renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: 160 €.
Alumnado de ESO:
- Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: 270 €.
- Renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: 180 €.
A contía da axuda para adquirir material escolar destinado a alumnado matriculado en EP e en ESO con renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 € será de 75 € e con renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: 60 €.
O alumnado que estea en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de EE ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 % será beneficiario desta axuda con independencia da renda.
O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o día 19 de xuño de 2023.
As solicitudes poden tramitarse dende https://sede.xunta.es co procedemento ED330B.
Máis información no DOG do 19 de maio de 2023 e en https://www.edu.xunta.es/fondolibros
A Xunta de Galicia convoca os premios Ángela Ruiz Robles á excelencia académica para o alumnado de grao universitario oficial que obtivese as mellores cualificacións no curso 2021/22 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.
Concederase un premio por cada un dos cursos en que se estruturan os plans de estudos das titulacións oficiais de grao, agás no derradeiro curso, e en cada un dos centros en que se impartan.
Para poder ser premiado o alumnado deberá cumprir os seguintes requisitos:
- Non estar en posesión dunha titulación universitaria oficial.
- Ter no curso académico 2021/22 unha nota media igual ou superior a 8 puntos.
- Ter superado no curso académico 2021/22, con aproveitamento excelente, a totalidade dos créditos matriculados, que como mínimo serán 60, excluídos os créditos recoñecidos, validados ou adaptados.
- Estar matriculado da mesma titulación no curso 2022/23
Cada persoa premiada recibirá unha dotación económica de 1.100 euros e un diploma acreditativo desta distinción.
Os premios outorgaranse de oficio por proposta das universidades de Galicia.
Máis información no DOG do 16 de maio de 2023 e en www.edu.xunta.gal
A Xunta de Galicia convoca subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Voluntariado sénior, que realicen proxectos do dito programa desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2023
O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia persoas maiores de 55 anos para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado
Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan persoas maiores de 55 anos.
Estes proxectos que se realicen en Galicia desenvolveranse preferentemente nalgunha das seguintes actividades:
a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.
b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.
c) Actividades orientadas á conservación e mellora da natureza e creación de contornas sustentables.
d) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero.
e) Actividades orientadas á innovación e investigación en relación co benestar das persoas maiores.
f) Actividades orientadas á humanización das contornas rurais e urbanas partindo da experiencia e da realidade en que se moven de xeito habitual.
g) Actividades relacionadas co fomento da utilización das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) por e para este colectivo.
h) Actividades orientadas á catalogación de necesidades comunitarias destinadas a recoller iniciativas de mellora dos servizos comunitarios.
i) Actividades orientadas a eliminar estereotipos sobre as persoas maiores e a crear unha imaxe máis social e dinámica deste colectivo.
j) Actividades orientadas a fomentar a cooperación interxeracional entre persoas mozas e persoas maiores, como xeito de aprendizaxe mutua.
Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de outubro de 2023. As xornadas diarias serán de 3 horas e, se son inferiores, sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 3 horas.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal co formulario BS508C
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 12 de xuño de 2023.
Máis información no DOG do 10 de maio de 2023 e en https://politicasocial.xunta.gal/
A Xunta de Galicia convoca axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio.
Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia
Cada persoa beneficiaria disporá dun único bono, que poderá ser usado nun ou varios dos comercios retallistas adheridos ao programa.
Cada bono terá un valor de ata 30 €. En función do importe das compras, poderán obterse os seguintes descontos:
– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 20 € e inferiores a 30 €.
– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.
– Desconto de 15 € en compras iguais ou superiores a 50 €.
A descarga dos bonos polas persoas usuarias realizarase na web www.bonosactivacomercio.gal. Os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha APP que permita realizar pagamentos (Wallet ou similar).
Os bonos estarán dispoñibles na web www.bonosactivacomercio.gal para a súa descarga polas persoas usuarias desde o 15 de maio ata o 15 de setembro de 2023
O programa bonos Activa comercio estará vixente ata o 31 de decembro de 2023.
Mási información no DOG do 8 de maio de 2023
A Xunta de Galicia convoca subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas.
Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas maiores de idade empadroadas nun municipio de Galicia.
No caso de axudas para a adquisición de bicicletas de man, a persoa solicitante deberá xustificar un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.
Contía das axudas:
- Axuda por bicicleta de pedais nova con pedaleo asistido: 500 euros; non obstante, no caso de persoas beneficiarias integrantes dunha familia numerosa, o dito importe será de 600 euros, e de 700 euros no caso de que a familia numerosa sexa de categoría especial.
- Axuda por bicicletas de man híbridas ou eléctricas: 700 euros.
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará ás 10.00 horas do día 1 de xuño de 2023 e finalizará o 15 de novembro de 2024 ou cando se esgoten os fondos.
A tramitación da solicitude de axuda (código de procedemento IF319B) realizarase a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na listaxe que se publique na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade, https://ebici.xunta.gal
Máis información no DOG do 5 de maio de 2023 e en https://ebici.xunta.gal
A Xunta de Galicia convoca axudas e subvencións para organizar obradoiros duais de emprego
Os obradoiros duais de emprego configúranse como programa mixto de emprego e formación que ten por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de 18 ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co devandito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.
Persoas beneficiarias participantes:
Persoas desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, maiores de 18 anos.
Beneficiarias da subvención, entidades promotoras:
Concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este, así como entidades sen ánimo de lucro do sector forestal constituídas e rexistradas como asociacións.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 5 de xuño de 2023.
As solicitudes tramitaranse en https://sede.xunta.es co procedemento TR353A
Máis información no DOG do 4 de maio de 2023
A Xunta de Galicia convoca subvencións a proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos por entidades recoñecidas como axentes de cooperación:
– Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento.
– As universidades do Sistema universitario galego e as súas entidades dependentes e centros de investigación públicos.
– As cooperativas, empresas e asociacións empresariais.
– As organizacións sindicais.
– Comunidades galegas no exterior.
– Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.
O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 2 de xuño de 2023
Os trámites faranse obrigatoriamente en http://sede.xunta.es co procedemento PR803D
Máis información no DOG do 2 de maio de 2023 e en https://cooperacion.xunta.gal
O Ministerio de Educación convoca axudas para alumnado con necesidade específica de apoio educativo para o curso académico 2023-2024.
Convócanse as seguintes axudas individualizadas:
a) Axudas directas para os alumnos, incluíndo ao alumnado con TDAH (Trastorno por déficit de atención por hiperactividade) e o alumnado con TEA (Trastorno do espectro autista), que requiran por un período da súa escolarización ou ao longo de toda ela, determinados apoios e atencións educativas específicas derivadas de discapacidade, de trastornos graves de conduta ou de trastornos graves da comunicación e da linguaxe asociados a necesidades educativas especiais.
b) Subsidios por necesidades educativas especiais derivadas de discapacidade ou trastornos graves de conduta ou trastornos graves da comunicación e da linguaxe asociada a necesidades educativas especiais para familias numerosas.
Tamén poderán ser beneficiarios destes subsidios os alumnos con TEA, pertencentes a familias numerosas.
c) Axudas para programas específicos complementarios á educación regrada para alumnado con necesidade específica de apoio educativo asociado a altas capacidades intelectuais.
d) Subsidio de contía fixa para gastos adicionais de carácter xeral derivados da escolarización dos alumnos con necesidade específica de apoio educativo asociada a discapacidade, trastornos graves de conduta ou trastornos graves da comunicación e da linguaxe.
Tamén poderá ser beneficiario o alumnado con TEA que requira estes apoios e atencións educativas específicas e o alumnado con necesidade específica de apoio educativo asociado a altas capacidades intelectuais.
Poderán solicitar as axudas o alumnado que non superen unha determinada renda e/o patrimonio familiar e que presenten necesidade específica de apoio educativo derivada de discapacidade ou trastornos graves de conduta ou trastornos graves da comunicación e da linguaxe asociada a necesidades educativas especiais e que se atopen cursando en centro específico, en unidade de educación especial de centro ordinario ou en centro ordinario que escolarice alumnos que presentan necesidades educativas especiais, algún dos niveis educativos non universitarios.
Así mesmo, poderán solicitar as axudas os alumnos con TEA e os alumnos con necesidade específica de apoio educativo asociado a altas capacidades.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 8 de maio e o 20 de setembro de 2023 inclusive.
Máis información no BOE do 26 de abril de 2023 e na web do Ministerio de Educación
A Secretaría Xeral da Emigración convoca subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora en Galicia das persoas galegas retornadas, subvencionando os gastos que supón o seu establecemento como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, ou como socias traballadoras de sociedades laborais ou cooperativas de traballo.
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega:
1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.
2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as fillos/as das persoas galegas e nacidas en Galicia.
A contía da subvención é de 6.000 euros.
O importe da subvención incrementarase no caso de concorreren as seguintes situacións e nos seguintes importes, que serán acumulables:
a) No caso de que a persoa solicitante sexa muller: 1.000 euros.
b) No caso de que o centro de traballo estea situado nun concello rural: 3.000 euros
O prazo para presentar a solicitudes estará aberto ata o 29 de setembro de 2023 e tramitaranse en https://sede.xunta.gal co código de procedemento PR937A.
Máis información no DOG do 13 de abril de 2023
A Secretaría Xeral da Emigración convoca axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas que carezan dos recursos suficientes, para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.
O prazo estará aberto ata o 29 de setembro de 2023.
As solicitude podense tramitar na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal co procedemento PR905A
Máis información no DOG do 10 de abril de 2023 e en https://emigracion.xunta.gal/es/la-secretaria/transparencia/ayudas-y-subvenciones