Novas e actividades (1308)

Tes unha frente de Apolo,        
i uns ollos tes verde mar;        
na miña vida vin outros        
de máis hermoso mirar,        
pero con eles non fico,        
galán, de me namorar.        

Que choras... galán, a moitos        
cal ora a ti vin chorar;        
que morres por min...        
a cantos lle oín o mesmo cantar        
e inda están vívo-los probes        
defuntos que así falar.        

Gústanme os teus ollos verdes.        
¡Como non me han de gustar!        
Gústame, galán, miralos        
cando me veñen mirar.        
Mais n'hei de ser en quen deles        
nin d'outros se namorar.

A proba da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) estruturarase en dúas partes: parte obrigatoria e parte voluntaria.

A parte obrigatoria da proba versará sobre as materias xerais do bloque das materias troncais da modalidade elixida e sobre a materia de Lingua Galega e Literatura II, todas elas correspondentes ao segundo curso de bacharelato:

bobrigatoria

O alumnado que queira mellorar a súa cualificación de admisión poderá examinarse dun máximo de catro materias, que elixirá entre as materias de opción do bloque de troncais de segundo curso de calquera modalidade e as materias xerais troncais específicas de modalidade distintas daquela da que se examinen na parte obrigatoria da proba. Así mesmo, os estudantes poderán examinarse dunha das opcións lingüísticas (alemán, francés, inglés, italiano ou portugués) da Segunda Lingua Estranxeira II distinta da que cursasen como materia xeral do bloque de materias troncais.

bvoluntaria

 

As probas:

- Farase unha proba por cada unha das materias obxecto de avaliación. Cada proba constará dun mínimo de 2 e un máximo de 15 preguntas.
- O exercicio de cada materia será único e determinado por sorteo público pola CiUG.
- Os exercicios adecuaranse ao currículo do bacharelato, e versarán sobre as materias do segundo curso.
- En cada proba, o alumnado disporá dunha única proposta de exame con varias preguntas.
- Para a realización dos exercicios, o alumnado poderá empregar, á súa elección, calquera das linguas oficiais de Galicia. Non obstante, os exercicios correspondentes a Lingua Castelá e Literatura II, Lingua Galega e Literatura II e Primeira e Segunda Lingua Estranxeira II deberán realizarse nos seus respectivos idiomas.
- Cada unha das probas da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade terá unha duración de 90 minutos. Haberá un descanso entre probas consecutivas de, como mínimo, 30 minutos.
- A ABAU terá unha duración de tres días.
- Preferentemente, as probas contextualizaranse en contornos próximos á vida do alumnado: situacións persoais, familiares, escolares e sociais, ademais de contornos científicos e humanísticos.
- Cada unha das probas conterá preguntas abertas e semiabertas que requirirán do alumnado capacidade de pensamento crítico, reflexión e madurez. Ademais destes tipos de preguntas, poderanse utilizar tamén preguntas de opción múltiple, sempre que en cada unha das probas a puntuación asignada ao total de preguntas abertas e semiabertas alcance, como mínimo, o 50 %:

1. De opción múltiple: preguntas cunha soa resposta correcta inequívoca e que non exixen construción por parte do alumno ou da alumna, xa que este/a se limitará a elixir unha de entre as opcións propostas.
2. Semiabertas: preguntas con resposta correcta inequívoca e que exixen construción por parte do alumno ou da alumna. Esta construción será breve, por exemplo un número que dea resposta a un problema matemático, ou unha palabra que complete unha frase ou dea resposta a unha cuestión sempre que non se facilite unha lista de posibles respostas.
3. Abertas: preguntas que exixen construción por parte do alumno ou da alumna e que non teñen unha soa resposta correcta inequívoca. Englóbanse neste tipo as producións escritas e as composicións plásticas.

Realizaranse dúas convocatorias da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU), unha ordinaria e outra extraordinaria.

Procedemento de revisión das cualificacións obtidas
O alumnado e, se é o caso, os pais, as nais ou os titores/as legais poderán solicitar ante a presidencia do tribunal cualificador a revisión da cualificación obtida nunha ou varias das probas que compoñen a avaliación. O prazo de presentación destas solicitudes será de tres días hábiles, contados a partir da data de publicación das cualificacións.

Datas ABAU 2023
Convocatoria ordinaria: 6, 7 e 8 de xuño de 2023.
Convocatoria extraordinaria: 11, 12 e 13 de xullo de 2023.

Exames de cursos pasados: https://ciug.gal/gal/abau/exames
Notas de corte da última convocatoria: https://ciug.gal/PDF/ACCESO2022/notas_corte.pdf
Máis información: https://ciug.gal/gal/abau

A Xunta de Galicia convoca as probas para a obtención do título de graduado en ESO para maiores de 18 anos, nas convocatorias de maio e setembro.

Requisitos das persoas aspirantes:
Ter cumpridos os 18 anos o día anterior á data de realización da proba.
Non estar en posesión do título de graduado en educación secundaria.
Non estar nin ter estado matriculadas no curso 2022/23 nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria nin nas de formación profesional básica.

Os prazos de matrícula serán:
– Convocatoria de maio: 6 de marzo ao 16 de marzo de 2023, ambos os dous incluídos.
– Convocatoria de setembro: 3 de xullo ao 10 de xullo de 2023, ambos os dous incluídos.

Lugares de inscrición:
a) A Coruña:
- Centro EPA Eduardo Pondal, rúa da Educación, 3-2º andar, 15011 A Coruña.
b) Ferrol:
- Centro EPA Santa María de Caranza, rúa Luis de Requeséns, s/n, 15406 Ferrol.
c) Santiago de Compostela:
- Alumnado co primeiro apelido entre a letra «A» e a letra «L»: IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.
- Alumnado co primeiro apelido entre a letra «M» e a letra «Z»: IES Rosalía de Castro, rúa San Clemente, 3, 15705 Santiago de Compostela.
d) Carballo:
IES Isidro Parga Pondal, rúa Muíño da Pintura, 15100 Carballo.
e) Lugo:
– Centro EPA Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, 27003 Lugo.
f) Ourense:
– Centro EPA de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4, 32002 Ourense.
g) Pontevedra:
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra «A» e a letra «L»: Centro EPA Río Lérez, avenida de Buenos Aires, 26, 36002 Pontevedra.
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra «M» e a letra «Z»: IES Frei Martín Sarmiento, avenida de Vigo, 23, 36003 Pontevedra.
h) Vigo:
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra «A» e a letra «L»: Centro EPA Berbés, rúa Marqués de Valterra, 8-1º, 36202 Vigo.
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra «M» e a letra «Z»: IES Santa Irene, praza de América, 7, 36211 Vigo.
i) O Porriño:
– IES Ribeira do Louro, rúa Ribeira, s/n (Torneiros), 36410 O Porriño.
j) Tui:
– IES Indalecio Pérez Tizón, avenida da Concordia, s/n, 36700 Tui.
k) Vilagarcía de Arousa:
– IES Armando Cotarelo Valledor, rúa Armando Cotarelo Valledor, 4-6, 36611 Vilagarcía de Arousa.

Realización das probas
As probas celebraranse en sesións de mañá e tarde os días 19 de maio e 1 de setembro de 2023 para as respectivas convocatorias.

As solicitudes poden descargarse en https://sede.xunta.es co procedemento ED540A
Máis información e exames de anos anteriores en http://www.edu.xunta.gal/portal/node/1238
Publicado no DOG do 13 de febreiro de 2023

A Consellería de Emprego e Igualdade convoca o Programa Aprol-Economía Social con axudas para fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras temporais a cooperativas e sociedades laborais.

Programa I: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (procedemento TR802G).
Este programa busca fomentar a incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo en cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido ou en proba.
Poderán acollerse a estes incentivos as cooperativas e sociedades laborais que incorporen en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, como persoas socias traballadoras ou de traballo a proba, entre outros colectivos a persoas menores de 30 anos (ou menores de 35 anos cando se trate de persoas con discapacidade) que no momento da incorporación estean desempregadas e inscritas como demandantes de emprego.
Por cada persoa que se incorpore con carácter indefinido e a xornada completa, a subvención ascenderá a 6.000 €
Por cada mozo ou moza incorporada como persoa socia traballadora ou de traballo a proba a subvención ascenderá a 600 € ao mes, por un período de entre 6 e 12 meses.
A contía da subvención ascenderá un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.

Programa II: fomento do acceso á condición de persoa socia (procedemento TR802J).
Dirixido ao fomento do acceso á condición de persoas socias traballadoras ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, así como ao fomento do acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas.
A contía da subvención ascenderá un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.

Consideranse cooperativas xuvenís (as constituídas maioritariamente por persoas socias traballadoras menores de 30 anos, ou 35 se se trata de persoas con discapacidade)

Persoas e entidades beneficiarias
a) As cooperativas e sociedades laborais que contraten ou incorporen socios/as.
b) As persoas desempregadas que formen unha cooperativa.

O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 15 de setembro de 2023.
As solicitudes tramitaranse na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal/ cos formularios TR802G e TR802J.
Máis información no DOG do 10 de febreiro de 2023 e en
https://emprego.xunta.gal/portal/index.php/es/?option=com_content&view=article&id=228 

Proxector, iniciativa web para achegarnos á divulgación e ao coñecemento investigador ao tempo que se dinamiza o uso do galego nestes ámbitos, incopora Escolma para ver e escoitar Matemáticas por María Elena Vázquez Cendón.

"Mollarémonos nas matemáticas para sentilas ao velas e, sobre todo, escoitalas coa frecuencia seleccionada polo noso mando".

Nesta selección, hai achegas da Facultade de Matemáticas da USC en conexión coa Comisión de Normalización Lingüística da mesma, tanto no concurso Explícoche Matemáticas 2.0, onde alumnas e alumnos do ensino medio nos falan de trigonometría e das matemáticas que foron parteiras da informática, como na xornada Matemáticas: habelas hainas, queremos contarchas, onde a acústica se moldea coa artesanía grazas á simulación; a astronomía pon orde nas galaxias e as matemáticas constrúen a ponte coa realidade. Tamén hai membros da facultade que participaron contando como xestionar datos con R Commander, falando da xeometría do noso corpo e presentando á Natureza como a grande optimizadora.

http://consellodacultura.gal/especiais/proxector/especial.php?t=10430 

O Plan de Acción de Mocidade 2022-2024, é un plan impulsado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 a través do Instituto da Mocidade (Injuve).

O plan inclúe 200 medidas centradas en políticas de emancipación, vivenda, educación e emprego xove, entre outras, cunha dotación de máis de 33.330 millóns de euros ata 2024, dos que 15.000 millóns incidirán directamente nos mozos e mozas.

O Plan articulouse ao redor de 10 eixos, 42 obxectivos, 94 liñas de actuación e 200 medidas, nas que se inclúen algunhas como a mellora nas políticas educativas destinando un investimento de 10.400 millóns de euros a bolsas universitarias, para Erasmus+, formación en i+D+i, mobilidade e contratación predoctoral e de investigación. Tamén o aumento de fondos, ata os 4.350 millóns de euros, en políticas de emprego novo para a implementación do programa Garantía Xuvenil Plus, proxectos de dixitalización e programa de bolsas, tamén para as oposicións á carreira xudicial e fiscal.

Doutra banda, amplíanse as políticas de emancipación e vivenda cun investimento de 2.350 millóns de euros a iniciativas como o apoio para o alugueiro, a adquisición de vivenda permanente en municipios de menos de 10.000 habitantes aos mozos ou a construción de vivendas en alugueiro social en edificios energéticamente eficientes. Así mesmo, mellóranse as políticas para garantir a calidade de vida dos mozos e mozas investindo uns 650 millóns de euros no bono cultural mozo, en proxectos de deporte inclusivo e en proxectos para a investigación sobre os riscos do xogo en liña.

O fin é asegurar á mocidade fronte á crise, renovando e fortalecendo o escudo social, para garantir o mantemento da calidade de vida e o poder adquisitivo das familias, adolescentes e novas, en risco de exclusión.

Plan de Acción de Mocidade 2022-2024

A Xunta de Galicia convoca exames ordinarios teóricos e prácticos para a obtención das titulacións que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas na Comunidade Autónoma de Galicia.

O título de patrón/patroa para navegación básica poden obtelo os/as menores de idade que teñan cumpridos os 16 anos de idade no momento de realización das probas, sempre que acrediten, mediante a presentación por escrito do consentimento dos seus pais, nais ou titores/as legais.
Para obter calquera das outras titulacións náuticas de lecer os/as interesados/as deberán ter cumpridos os 18 anos de idade no momento en que se realicen as probas para a obtención destes títulos.

Prazos para inscribirse nos exames ordinarios teóricos e prácticos:
Convocatoria de maio de 2023. Matrícula: do 30 de marzo ata o 14 de abril, ambos incluídos.
Convocatoria de setembro de 2023. Matrícula: do 4 ao 18 de agosto, ambos incluídos.

A inscricción faise en https://sede.xunta.es co procedemento PE616C

Máis información no DOG do 8 de febreiro de 2023

O obxectivo principal deste Barómetro de Opinión realizado por UNICEF España en colaboración coa Universidade de Sevilla, foi a creación e aplicación dun instrumento que permita coñecer as preocupacións e opinións de nenas, nenos e adolescentes de España sobre asuntos sociais e políticos, así como avaliar indicadores de saúde, felicidade e calidade dos seus contextos de desenvolvemento próximos, tales como a familia, amizades, profesorado e compañeiros de clase.

Nesta terceira recollida participaron 208 centros educativos e 9.505 mozos e mozas de 11 a 18 anos de todo o territorio español.

Os efectos da pandemia de COVID-19 (14,6%), xunto coa guerra de Ucraína (12,8%), a economía (12,7%), e o cambio climático, o medio ambiente e a contaminación (7,8%), son as principais preocupacións dos nenos, nenas e adolescentes no noso país.

Os resultados do informe mostran tamén un aumento da confianza en institucións -especialmente científicas, centros educativos e ONG-, mentres que os partidos políticos e os políticos son os que obteñen unha peor valoración. Así mesmo, diminúe o interese da infancia e a adolescencia en colaborar con organizacións ou en actuar en temas que lles afectan.

Cando se lles preguntou acerca dunha listaxe de determinadas cuestións sociais en concreto, os abusos sexuais á infancia destacan como algo que preocupa bastante ou moito a 9 de cada 10 enquisados. Tras esta problemática sitúanse a pobreza e a fame no mundo, o acoso e ciberacoso escolar ou a saúde mental da infancia e a adolescencia, que preocupa bastante ou moito a 8 de cada 10.

Destaca a diminución da preocupación pola desigualdade de xénero, o machismo e a violencia machista, que na primeira edición do barómetro (2019-20) preocupaba ao 89,1% e situábase en primeiro lugar, na segunda (2020-21) baixaba ao oitavo cun 80% e nesta terceira edición (2021-22) sitúase no decimotercer posto cun 75,1%.

O informe tamén mostra que un 70% dos nenos, nenas e adolescentes considera que a situación política e económica de España é regular, mala ou moi mala. Ademais, entre unha listaxe de 21 profesións que se lles presentou, as máis valoradas resultaron ser as de médico (8,6), policía (7,6), arquitecto e deportista (ambas cun 7,4). No caso contrario, a menos valorada é a de político (4,7), seguida pola de modelo e banqueiro (6). Resalta que a profesión de influencer ou youtuber reciba unha valoración de 6,26.

A media de satisfacción vital dos nenos e adolescentes é elevada, segundo as enquisas realizadas no barómetro. Aínda que no caso das mozas, das persoas nadas fora de España ou con nivel adquisitivo baixo, os seus niveis de tristeza son máis significativos. Nesta edición é onde a porcentaxe de mozas que manifestan sentirse sós é o máis alto da serie iniciada en 2019, cun 39,8%. Con todo, as porcentaxes baixan nos niveis adquisitivos baixos e, por exemplo, o 8,5% dos nenos e nenas de nivel adquisitivo baixo senten sempre tristes, fronte ao 5,6% do nivel adquisitivo alto. En xeral o nivel de benestar aumentou respecto a a anterior edición do barómetro, coincidindo cos momentos máis álxidos da pandemia, aínda que esta segue sendo a maior preocupación.

Nesta terceira edición do Barómetro incluíuse un bloque complementario sobre estereotipos de xénero. Neste sentido cabe destacar que, aínda que prima a igualdade en todas as profesións sobre as que se lles preguntou, dúas delas mostran os estereotipos de xénero máis marcados: policía e o coidado de nenos: o 19,6% considera que policía é un traballo que deberían facer só ou sobre todo os homes; e o 21% da mostra considera que o traballo de coidar nenos debería ser feito só ou sobre todo por mulleres. Ademais, persiste tamén a idea de que hai actitudes máis propias dun sexo que doutro. Ao redor de 1 de cada 10 participantes consideran que hai cuestións máis propias de homes, como é ser dominantes ou actuar como un líder, mentres que hai outras máis frecuentes en mulleres, como expresar agarimo abertamente ou querer lucir un bo aspecto.

https://www.unicef.es/sites/unicef.es/files/communication/Barometro_infancia_202122.pdf 

O Instituto Galego da Vivenda e Solo convoca axudas á mocidade para a adquisición de vivenda:

Requisitos das persoas:
- Ter menos de 35 anos, incluída a idade de 35 anos, no momento de solicitar a axuda ou no momento da subscrición do contrato privado ou da escritura pública de compravenda.
- Posuír a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, ter a residencia legal en España.
- Ter subscrito con posterioridade ao 15 de novembro de 2022 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda.
- Estar empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública de compravenda formalizada con anterioridade á referida data.
- Que as rendas anuais das persoas que compoñen a unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM de 2022 *.
Este límite será de 4 veces o IPREM se na unidade de convivencia existen persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O referido límite será de 5 veces o IPREM cando na composición da unidade de convivencia existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:
1. Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental, persoas con discapacidade intelectual ou persoas con discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
2. Persoas con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
- Non ser propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español.

Requisitos da vivenda:
- Que a vivenda estea localizada nun municipio de Galicia cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes.
- Que o prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, sexa igual ou inferior a 120.000 €.
- Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.

A contía da axuda para a adquisición será de ata 10.800 € por vivenda, co límite do 20 % do prezo de venda, sen incluír os gastos e impostos.

As solicitudes tramitaranse preferiblemente en https://sede.xunta.gal/portada cos procedementos VI435A
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de outubro de 2023.
Máis información no DOG do 7 de febreiro de 2023 e en http://igvs.xunta.gal/


*IPREM de 2022: 579,02 €

Seis historias arredor da música de tradición oral en Galicia

O Consello da Cultura Galega presenta un novo proxecto web, Axudádeme a cantar, unha serie documental que mostra e reivindica o canto acompañado con percusión de man. Son seis capítulos que “percorren a historia e o presente deste tipo de literatura oral, sostida por mulleres que non aprenderon en ningunha escola e que son as grandes esquecidas da cultura tradicional”

Axudádeme a cantar é un documental de seis capítulos que pretende poñer en valor o canto acompañado con percusión de man, unha forma de literatura oral tradicionalmente feminina que gozaba dunha extensión e diversidade importante no territorio galego. Neste documental de seis capítulos, contan coa colaboración de tocadoras tradicionais, participantes en procesos de recollida e divulgación, e artistas modernas que beben das fontes desta tradición, que falan das súas experiencias e comparten o seu arte.

Eu e máis ti, compañeira
Eu e máis ti, comarada
Eu e máis ti, compañeira
Facemos a foliada

(Castrelo, Vimianzo) Recollida por Xabier Diaz

http://consellodacultura.gal/especiais/axudademe-a-cantar/