Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a compilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
Recolle vídeos sen audio, ou con audio ou subtítulos en galego ou portugués, para poñelos ao dispor do profesorado de secundaria ou universitario que emprega o galego como idioma da docencia.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados, e o nivel de ensino no que consideramos que poden ser empregados. A maiores, ofrece unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Podes acceder aos contidos a través da busca libre e/ou os diferentes despregables que che permitirán filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación.
Proxector é un catálogo aberto en continua actualización. Se coñeces algún recurso audiovisual que aínda non estea incluído, podes recomendalo enviando a información a calquera destes enderezos: cdsg@consellodacultura.gal ou snl_lugo@usc.es.
http://consellodacultura.gal/especiais/proxector/acerca-de.php
Carta de Alba Quintas de Ourense, publicada o domingo 16 de xaneiro na sección cartas ao director do xornal A Voz de Galicia:
"O meu nome é Alba Quintas e vou en cuarto da ESO. O meu principal obxectivo con esta carta é gritar a pleno pulmón que estou farta. Farta de mirarme ao espello todos os días comprobando se cumpro os estándares de beleza das mulleres no século XXI. Farta de que cada vez que me probo un vestido o primeiro que se me veña á cabeza é se é demasiado curto ou se ten moito escote. Estou farta de que cada vez que chega o verán éntreme unha repentina obsesión por que o único pelo que se me vexa sexa o da cabeza. Estou cansada de ir soa pola rúa e de que automaticamente o meu corpo se poña tenso se paso á beira dun home. Farta de oír comentarios sobre o corpo doutras mozas do estilo «que plana está» ou «vaia foca»; de escoitar a mozos dicir tremendas barbaridades sobre unha muller e xustificarse coa frase «é que con esa roupa vaino buscando ela soa». Estou farta de que os homes poidan ser sumamente pesados os 365 días do ano sen motivo aparente, pero se unha muller está encabuxada é porque «está de regra». Frústrame que cada vez que unha muller comete un erro conducindo dígaselle «muller tiñas que ser». Amólame que se menosprece ás mulleres polo feito de selo. Estou farta das frases como «non sexas nenaza» ou «iso é moi de moza». Estou farta de que se nos sexualice, de que se abuse de nós, de que se nos escravice, de que se nos maltrate. Farta de que se nos arrinquen os dereitos das mans e de que se nos oprima por ter un aparello reprodutor distinto ao dun home. Farta de escoitar comentarios machistas a xente nova e que se lle reste importancia pola súa inmaturidade. Farta de violacións. Farta de vivir nun país considerado un dos máis seguros do mundo, pero no que morreron 43 mulleres por violencia machista no 2021. En resumo, estou farta de que, a pesar de todo o que loitamos as mulleres, non alcanzásemos aínda a nosa vitoria, a igualdade".
A Consellería de Cultura, Educación e Universidades ven de publicar Orde do 17 de decembro de 2021 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo, e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento ED312C e ED312D).
As probas de acceso aos ciclos formativos de Grao Medio teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de graduado en educación secundaria obrigatoria nin un título profesional básico, nin outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, continuar a súa formación accedendo aos ciclos formativos de formación profesional de grao medio, nunhas condicións suficientes para cursaren con aproveitamento estas ensinanzas.
As probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de bacharelato nin un título de técnico de formación profesional, nin outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, a posibilidade
de continuar formándose en ciclos de formación profesional de grao superior, coa madureza e a idoneidade suficientes para cursaren con aproveitamento estas ensinanzas.
Información e orientación sobre as probas de acceso:
Todos os institutos de educación secundaria que impartan ciclos formativos de formación profesional e os centros integrados de formación profesional deberán ofrecer ás persoas interesadas información e orientación sobre estas ensinanzas, así como sobre o procedemento de inscrición e desenvolvemento das probas de acceso.
Proba de acceso ao Grao Medio, requisitos das persoas participantes:
Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio as persoasque non cumpran os requisitos académicos exixidos para accederen a eles e teñan dezaseteanos ou os fagan no ano natural de realización da proba.
Proba de acceso ao Grao Superior, requisitos das persoas participantes:
Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior as persoasque non cumpran os requisitos académicos exixidos para acceder a eles e teñandezanove anos ou os fagan no ano de realización da proba.
Prazos de presentación de solicitudes:
- Probas de acceso a ciclos formativos de Grao Medio: O prazo de presentación estará abranguido entre os días 3 e 16 de marzo de 2022, ambos os dous incluídos.
- Probas de acceso a ciclos formativos de Grao Superior: O prazo de presentación estará abranguido entre os días 31 de xaneiro e 11 de febreiro de 2022, ambos os dous incluídos.
Máis información en edu.xunta.gal/fp
O Museo Nacional do Prado abre unha illa no videoxogo de simulación social Animal Crossing: New Horizons.
Trátase dunha nova iniciativa virtual desde a que achegar as coleccións do Prado a xogadores de todo o mundo nun paso máis para fomentar a sensibilidade cara á arte e a cultura. A illa conta cunha particular versión do Museo do Prado, que exhibe algunhas das súas obras máis emblemáticas en catro novos percorridos, así como un adicional nunha interpretación da Quinta do Xordo, fogar de Francisco de Goya. Ambos os escenarios serán visitables para os usuarios, que poderán achegarse a coñecer as obras e mesmo engadilas ás súas propias illas.
Esta iniciativa inclúe tamén un proxecto educativo que permitirá a quen o desexe acceder aos cinco itinerarios temáticos que poder seguir a través de máis de 30 cápsulas en vídeo que se colgaron na páxina web do proxecto.
Así, todos aqueles usuarios de Animal Crossing: New Horizons poderán crear a súa propia colección de obras de arte do Museo Nacional do Prado descargando, mediante códigos QR, as súas obras favoritas. Ademais, e a través dun código de soño, o xogador poderá visitar a illa e gozar dun percorrido por un particular Museo do Prado e pola Quinta do Xordo.
Na Voz de Galicia do 30 de decembro publícase unha entrevista a Natalia Barreiro Piñeiro, gañador de Talento Mozo na modalidade de Ciencia.
Natalia Barreiro traballa para sacar adiante unha vacina galega contra o covid dende o Ciqus da USC. Iso valeulle o recoñecemento da Xunta cun premio ao talento mozo.
Na Voz de Galicia reponde ás preguntas que lle fai o xornalista Jorge Casanova:
"O máis importante na vida?
As persoas que tes arredor. Que sexa xente que te aporte."
A Voz de Galicia publica na súa edición do 3 de xaneiro de 2022 un artigo sobre as axudas de Política Social para obter o permiso de condución B e C.
O artigo está personalizado en Santiago das Dores dos Anxos, mozo que obtivo a axuda:
Santiago das Dores dos Anxos foi un dos beneficiarios desta convocatoria. Vive en Culleredo, ten 21 anos e as súas expectativas laborais, di, non eran moi boas: «Estaba en paro, non teño estudos, non teño nada, e a única maneira que vin de gañarme a vida foi con iso, poder sacarme o carné e poder atopar un traballo».
A Deputación de Pontevedra, co obxecto de contribuír á difusión, á promoción e ao fomento da cultura galega, así como ao uso e á normalización social da lingua galega nos concellos da provincia de Pontevedra, pon en marcha una nova edición do programa “Musigal”.
Este programa ten como obxectivo favorecer a programación artística por parte dos concellos da provincia de Pontevedra a través da posta a disposición de actuacións musicais profesionais de grupos inscritos no Catálogo de grupos Musigal, co obxectivo de promover a distribución dos produtos culturais do noso país, para fomentar a creación de públicos e facilitar o acceso á cultura galega.
O obxecto desta convocatoria é aprobar as bases reguladoras do Programa “Musigal” 2022 da Deputación de Pontevedra mediante as que se crea un Catálogo de grupos musicais profesionais que fagan música galega e en galego nos seus concertos ou, no caso de ser instrumentais, que as súas pezas sexan de autoría galega, e regular o procedemento para que os concellos da provincia poidan solicitar a actuación destes.
A Secretaría Xeral de Cultura ven de publicar unha resolución pola que abre o prazo e establece as condicións para que as persoas físicas ou xurídicas dedicadas profesionalmente á dinamización cultural poidan inscribirse no catálogo Ler Conta Moito 2022.
Este catálogo incorporará actividades de dinamización bibliotecaria e cultural que se porán á disposición dos titulares de bibliotecas públicas, co obxecto de que poidan seleccionalas para a súa programación de dinamización da lectura durante o ano 2022, promovendo así a mellora da oferta, a igualdade de acceso e a transparencia.
O programa Ler Conta Moito ten como obxectivo xeral animar á lectura a través dunha programación de actividades atractivas, vinculadas aos intereses dos distintos colectivos, que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios.
Poderán formar parte do catálogo Ler conta moito 2022 aquelas persoas físicas ou xurídicas dedicadas profesionalmente á dinamización cultural, que pretendan desenvolver actividades deseñadas de acordo co sinalado nesta resolución.
As persoas físicas ou xurídicas que desexen participar no catálogo Ler conta moito 2022 deberán estar dadas de alta no imposto de actividades económicas (IAE), nunha epígrafe das relacionadas no anexo I, ou noutra adecuada ao tipo de actividade que se vaia desenvolver.
O prazo para inscribirse e solicitar a inclusión de actividades no catálogo comprende desde o día 28 de decembro de 2021 ata o 31 de xaneiro de 2022.
Información completa no DOG Núm. 247 do Luns, 27 de decembro de 2021.
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado concede os premios Premios Galicia de Acción Voluntaria ás seguintes candidaturas, dado que obtiveron en cada modalidade a maior puntuación por parte do xurado:
Premio voluntario do ano, na modalidade individual para José Ramón Miguens Dieste, dada a súa traxectoria e calidade en diferentes áreas de actuación acreditadas no ámbito do voluntariado.
Premio entidade de acción voluntaria do ano, na modalidade colectiva á Asociación Banco de Alimentos Rías Altas, Balrial pola súa posta en valor da acción voluntaria nunha área de especial interese para a nosa Comunidade Autónoma no contexto de crise sanitaria en que nos atopamos.
Premio ao mellor proxecto de acción voluntaria do ano á Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, FAXPG polo seu proxecto Servizo de voluntariado para a eliminación do illamento social e comunicativo das persoas xordo cegas e persoas xordas en situación de exclusión social.
Cada un dos premios está dotado con 4.000 euros
Máis información no DOG do 15 de decembro de 2021
O Parlamento Europeo e o Consello acordan converter 2022 no Ano Europeo da Mocidade.
A Comisión coordinará ao longo de 2022 unha serie de actividades en estreito contacto co Parlamento Europeo, os Estados membros, as autoridades rexionais e locais, as organizacións xuvenís e os propios mozos e mozas.
A mocidade europea beneficiaranse de moitas oportunidades para adquirir coñecementos, habilidades e competencias para o seu desenvolvemento profesional, e para fortalecer o seu compromiso cívico para dar forma ao futuro de Europa.
Os programas da Unión Europea dedicados á mocidade, como Erasmus+ e o Corpo Europeo de Solidariedade desempeñarán un papel central na implementación e financiamento das actividades do Ano Europeo da Mocidade. Ademais, espérase o lanzamento de varias iniciativas emblemáticas.
Máis información: https://europa.eu/youth/year-of-youth_es