O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación convoca subvencións destinadas á organización do Programa CULTIVA, relacionadas coas estancias formativas de mocidade agricultora ou gandeira en explotacións modelo, para o ano 2022.
O Programa CULTIVA 2022 consiste en estancias de entre 5 e 14 días de formación que contribúan á transferencia de coñecemento e a formación práctica dos mozos e mozas profesionais agrarios.
As entidades beneficiarias deberán acompañar á súa solicitude un plan de estancias formativas co conxunto de explotacións modelo de acollida e as estancias programadas en cada unha delas. Este plan será de carácter suprautonómico e garantirá a presenza de explotacións con mulleres á fronte das mesmas. Ademais, todas as explotacións agrarias de acollida terán que estar vinculadas á entidade que as presente e ser modélicas desde o punto de vista da innovación, os medios produtivos, o modelo de negocio ou as características sociais, ambientais ou climáticas.
O conxunto dos plans presentados polas entidades solicitantes conformarán o Catálogo de Estancias Formativas de 2022 e será a base para a selección de estancias polos novos agricultores e gandeiros.
Este ano poderán participar no Programa CULTIVA aquela mocidade profesional instalada por primeira vez na actividade agraria como responsable de explotación en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2017 e que tiñan menos de 41 anos no momento da súa incorporación ao sector. Na asignación das estancias formativas priorizaranse os mozos e mozas máis recentemente instalados, as mulleres agricultoras e gandeiras e aqueles que non participasen na programa do ano pasado.
As estancias formativas empezarán a desenvolverse no terceiro trimestre deste ano e estenderanse ata o 30 de xuño de 2023.
Prazos:
As entidades de acollida poden presentar as solicitudes ata o 23 de maio de 2022
A convocatoria para a mocidade gandeira ou agricultora abrirase unha vez seleccionadas as entidades de acollida e elaborado o catálogo de formación
https://www.mapa.gob.es/es/desarrollo-rural/temas/jovenes-rurales/visitas-formativas/
O Instituto da Xuventude (Injuve) solicita formalmente á Comisión Europea que estenda a celebración en 2022 do Ano Europeo da Mocidade a 2023 debido a que, por causa da sexta onda da pandemia do Covid-19, moitas das actividades previstas no marco da devandita conmemoración aínda non se puideron levar a cabo.
O principal obxectivo do Ano Europeo da Mocidade é devolver aos mozos europeos as perspectivas dun futuro mellor tras a pandemia, dándolles un papel protagonista como motor de cambio social, é de xustiza ampliar o desenvolvemento de todo o traballo previsto para que a mocidade teña o recoñecemento e a atención que merece por ser un dos colectivos máis afectados por esta crise sanitaria, económica e social.
Así o manifestou María Teresa Pérez, directora xeral do Injuve, na reunión da Rede de Axencias do Sur de Europa que reúne, do 9 ao 11 de marzo en San Cristóbal de la Laguna (Tenerife), aos directores que xestionan os programas Erasmus+ e Corpo Europeo de Solidariedade, e na que España exerce como anfitrioa. Forman parte da devandita rede Bulgaria, Croacia, Eslovenia, España, Francia, Grecia, Italia, Macedonia, Portugal, Turquía, Chipre e Malta.
No transcurso deste encontro anual recoñeceuso o exito e a importancia que o programa europeo Erasmus tivo para a integración europea, recoñecemento que se traduciu na súa conversión en Erasmus+ ao incluír a educación non formal, é dicir, os proxectos de voluntariado e cooperación, como parte fundamental da integración, a inclusión e a cohesión europeas.
Neste sentido, fíxose fincapé na necesidade de reforzar a participación dos mozos/as nos órganos de deseño das políticas públicas. Pretendendo, deste xeito, garantir que todas as políticas europeas, xa sexan sobre medio ambiente, educación, vivenda, cultura ou emprego, teñan en conta as necesidades, os retos, as preocupacións e as reivindicacións dos mozos e das mozas.
A Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG) presenta A literatura galega nas súas voces, proxecto para achegar os contidos dixitais en galego á nenez e á mocidade, poñendo o foco nas nosas letras. Trátase de A literatura galega nas súas voces.
En total, a iniciativa ofrece 100 pezas audiovisuais de menos de 15 minutos de duración cada unha en que escritoras e escritores das nosas letras len fragmentos significativos das súas obras. O obxectivo é que estas lecturas e estes fragmentos constitúan “un documento valioso que resuma a súa obra e, á súa vez, ofreza valoracións das ditas personalidades sobre a creación, a cultura e o pensamento en xeral”.
Para ver todos os vídeos da lista de reprodución, cómpre premer na icona da esquina superior dereita dos vídeos de Youtube.
No contexto do Ano Europeo da Mocidade 2022 e a Conferencia sobre o Futuro de Europa, o Comité das Rexións Europeo, xunto co Foro de Mocidade Europeo, publicou o proceso de co-creación da Carta Europea de Mocidade e Democracia, que terá lugar a finais do 2022.
A Carta esforzarase por construír e consolidar un espazo aberto a democracia e mocidade para garantir que as voces da Mocidade son formal, continua e permanentemente representadas na Unión Europea.
Para lograr o obxectivo de empoderar e incluír á xente nova na toma de decisións, as propostas da Carta recompilaranse a través de procesos participativos como talleres e consultas en liña para permitir que os mozos expresen as súas ideas e debatan con representantes locais e rexionais e outras partes interesadas.
A Carta propoñerá recomendacións concretas relativas á participación democrática dos mozos na vida social, política e cívica en tres niveles de goberno: o nivel local e rexional, o nivel nacional e o nivel europeo.
A cerimonia de firma final levarase a cabo en decembro de 2022, na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións.
https://cor.europa.eu/es/our-work/Pages/charter-youth-democracy.aspx
Aínda non se pode solicitar, pero xa se publicaron as condicións de uso.
Quen o podrá utilizar?
Poderán ser beneficiarios das axudas do Bono Cultural Mozo as persoas que reúnan os requisitos seguintes:
- Cumprir 18 anos durante o ano 2022.
- Posuír a nacionalidade española ou residencia legal en España.
Serán gastos e actividades subvencionables a adquisición dos seguintes produtos, servizos e actividades culturais:
- Artes en vivo, patrimonio cultural e artes audiovisuais: entradas e abonos para artes escénicas, música en directo, cinema, museos, bens integrantes do patrimonio histórico español, bibliotecas, exposicións e festivais escénicos, literarios, musicais ou audiovisuais, ata un máximo de 200 euros por beneficiario.
- Produtos culturais en soporte físico: libros; revistas, prensa, ou outras publicacións periódicas; videoxogos, partituras musicais, discos de vinilo, CD, DVD, ou os coñecidos como Blu-ray, ata un máximo de 100 euros por beneficiario.
- Consumo dixital ou en liña: subscricións e alugueiros a plataformas musicais, de lectura ou audiolectura, ou audiovisuais, compra de audiolibros, compra de libros dixitais, compra de cancións ou álbums dixitais a través de plataformas de venda de música, subscrición para descarga de arquivos multimedia (os coñecidos como podcasts), subscricións a videoxogos na nube ou en liña, subscricións dixitais a prensa, revistas ou outras publicacións periódicas, ata un máximo de 100 euros por beneficiario.
Podes ver as normas do Bono Cultural Mozo no BOE do 23 de marzo de 2022
Coñeces o Plan de Emprego de Cruz Vermella?
Se estás desempregada/o e tes entre 16 e 29 anos e queres que te acompañen no teu proceso de procura de emprego a través da orientación, a formación e as ofertas de emprego de empresas ao longo deste ano... Ponte en contacto coa Cruz Vermella!
Que ofrece?
- Formación gratuíta que mellora as competencias das persoas participantes e adáptanse ao posto de traballo.
- Orientación laboral.
- Acompañamento personalizado cun orientador/a especializado/a.
- Interacción directa con empresas de referencia.
- Posibilidade de realizar prácticas laborais en empresas colaboradoras co Plan de Emprego.
- Bolsa de emprego
crifipe@cruzroja.es
Teléfono 981 59 69 69 Ext. 38694
Avda. de Lugo nº 42 . Santiago de Compostela. (diante do Centro de Saúde de Fontiñas)
Seis influencers galegos participarán na 2ª edición de Instagrammers no Camiño para animar á mocidade a camiñar a Galicia neste Xacobeo
A actriz Cristina Castaño, os cantantes Luis Cepeda e Roi Méndez e os “influencers” Natalia Maquieira, Tamara García Romero e Xurxo Carreño percorrerán entre o 30 de marzo e o 3 de abril desde Ourense os 100 últimos quilómetros da Vía da Prata contando desde as redes sociais as súas vivencias diarias no Camiño nos seus perfís de Instagram baixo os cancelos #GaliciaDestinoSeguro e #CamiñaAGalicia
A Sociedade Española de Farmacia Clínica Familiar e Comunitaria (SEFAC) convoca o proxecto de investigación "ConóceMe", Comprende o medicamento e descobre ao farmacéutico, dirixido a centros educativos para alumnado de 4º e 3º da ESO e 1ª de bacharelato.
O obxectivo deste proxecto é contribuír a mellorar a educación dos adolescentes no uso correcto dos medicamentos, adquirindo coñecementos e actitudes básicas para ese fin. A poboación á que se dirixe o proxecto "ConóceMe" son estudantes de 3º, 4º da ESO e 1º de bacharelato.
O proxecto desenvolverase a través dos centros educativos e consta de dúas sesións formativas apoiadas nunha serie de exercicios prácticos que o alumno contestará vía en liña, polo que é preciso que poidan conectarse durante cinco minutos xa sexa vía tablet, portátil, móbil… As intervencións realizaranse na mesma aula onde reciben clases normalmente os alumnos, desexando que sexa en grupos pequenos de máximo 20-25 alumnos.
Pedirase ao alumnado que leven o día da primeira sesión formativa un envase baleiro co prospecto dun medicamento, que teñan en casa co que fose tratado nalgunha ocasión, preferentemente un de uso común. Durante a intervención educativa utilizaranse estes envases xunto con outros levados polos farmacéuticos/as como parte práctica da aprendizaxe.
Máis información no correo ijurjo@sefac.org e en https://www.sefac.org/conoceme