O boletín interactivo da dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, Xuventude.Novas, inclúe no seu primeiro número de 2014 entrevistas con Andrea Valado e Manuela Elisabeth Rodríguez, as respectivas gañadoras do certame Xuventude Crea nas categorías de carteis e de videocreación. Esta publicación continúa así debullando os gañadores do concurso, que volveu demostrar o gran talento creativo da mocidade galega. Valado destaca a importancia das boas ideas para innovar e Rodríguez considera fundamental que nas obras artísticas non deixe de percibirse a pegada particular de cada autor.
Ademais, Xuventude.Novas ofrece unha reportaxe sobre o proxecto acometido pola Asociación Xuvenil e Cultural Ateibo no marco da Iniciativa Xove. Trátase dun conxunto de iniciativas desta entidade de Lugo para crear espazos de encontro xuvenil no tempo de lecer. Nas súas diferentes propostas participan máis de 155 persoas de entre 12 e 35 anos. A programación inclúe opcións para cada tramo de idade, un local que poden utilizar os xóvenes, supervisado por animadores, e formación continua para preanimadores e animadores. Todo elo dentro dunha clara aposta por incentivar a participación e o voluntariado xuvenil, con ferramentas tan útiles como a educación non formal.
Esta edición dedícalle o seu principal titular da portada á nova Estratexia de Xuventude 2014-2016, que podería ser aprobada polo Consello da Xunta antes da Semana Santa, unha vez culminado o seu proceso de elaboración, caracterizado por unha elevada participación e a recollida de todo tipo de suxestións por parte das persoas e entidades que traballan no ámbito da Xuventude. O obxectivo é manter e incrementar os resultados satisfactorios que lograron as políticas transversais para a mocidade coa anterior Estratexia 2010-2013.
Xuventude.Novas reserva igualmente un espazo para dar conta do novo programa Aval Xóvenes. Trátase dun proxecto que trata de apoiar e garantir as iniciativas de autoemprego e emprendemento de 50 xóvenes en ámbitos rurais. As súas dúas sedes son Coristanco e Melide. É unha das só quince propostas aprobadas en toda Europa no marco dun programa de garantía xuvenil da Unión Europea.
A habitual axenda de concertos e actuacións musicais para as vindeiras semanas, complementada nesta ocasión coa reseña dos primeiros certames musicais que se convocan en 2014, completan esta edición de Xuventude.Novas.
Nota: para unha correcta visualización en determinados navegadores de internet, recomendamos descargar o arquivo pdf en vez de abrilo noutra pestana.
Descarga o PDF de Xuventude Novas
Para combater o discurso de odio online, os comentarios e publicacións de insultos e acoso na Rede, o Injuve está a recompilar investigacións, estudos e materiais didácticos dixitais para a campaña europea contra a intolerancia en Internet, No hate Speech, como unha das actuacións propostas no seu plan de acción.
Todos estes materiais están na sección de Documentación da web do Injuve. Irán engadindo máis recursos e están abertos ás suxestións dos colaboradores e integrantes desta campaña contra a intolerancia.
Se queres colaborar, inscríbete no apartado Participa da súa web.
Recursos contra o odio:
Compass, Manual sobre Educación de Dereitos Humanos con mozos: ferramenta útil para educadores, voluntarios e formadores que participan activamente en actividades educativas cos mozos. Proporciona ideas, inspiración e motivación para traballar no campo dos programas educativos e actividades que se centran en fomentar a igualdade na dignidade humana.
Guía de actuación contra o ciberacoso para pais e educadores: guía do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, posta en marcha a través do Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO). Ten por finalidade a protección dos menores na Rede.
Racismo, Odio e Intolerancia en Internet: informe publicado por Movemento contra a Intolerancia, ONG que colabora co Injuve de xeito moi próximo e activa impulsando a Campaña europea contra a intolerancia en Internet, No hate.
Bookmarks: manual para combater o discurso de odio online a través da educación en Dereitos Humanos, realizado por 'Schoolpack'. Bookmarks forma parte dos recursos europeos de actividades de formación da Campaña NON TEN O SPEECH e está dispoñible online e offline. Este manual será un recurso común para todos os países que forman parte do movemento No hate.
www.injuve.es
www.nohatespeechmovement.org
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar abre o prazo para a inscrición no proxecto “Aval xóvenes” (O traballo dos xóvenes, aval para o futuro dos territorios rurais) , proxecto enmarcado no programa europeo Garantía Xuvenil, Eixo C: enfoques innovadores para os/as mozos/as que se atopan con múltiples barreiras de cara a súa inserción laboral.
Son socios do proxecto a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, a Dirección Xeral de Emprego e Formación, a Deputación provincial da Coruña; a Federación EFA de Galicia (Escolas Familiares Agrarias); a Asociación Adterra (Asociación para o desenvolvemento dos territorios polos actores locais); a Asociación Finisterrae de profesionais do desenvolvemento local (AFIPRODEL); a Asociación de empresarias do rural (ASER); a Delegación SECOT Coruña (Seniors españois para a cooperación técnica); e a Asociación de xóvenes empresarios de Bergantiños (AXOBER)
Obxectivos.- Os obxectivos específicos do proxecto son:
- Favorecer a integración no mercado laboral de mozos e mozas a partir de enfoques innovadores.
- Facilitar aos mozos/as participantes a súa orientación profesional e inserción laboral, ofrecéndolle apoio para a creación da súa propia empresa, para materializar un proxecto de emprego/empresa nos territorios de actuación, beneficiándose dos privilexios das zonas rurais.
- Garantir aos xóvenes o cumprimento do obxectivo anterior, apoiándoos a coñecer e valorar máis o seu territorio ou marco local de vida, para reforzar as súas señas de identidade e despertar o seu interese por asentarse profesionalmente no mesmo e contribuír ao seu desenvolvemento.
- Impulsar a promoción de territorios rurais.
Destinatarios/as.- Xóvenes empadroados/as nalgún concello de Galicia con idades comprendidas entre os 18 e 25 anos cumpridos no momento da convocatoria cunha idea emprendedora para desenvolver no ámbito do rural que estean nalgunha das tres situacións seguintes: rematando a súa cualificación profesional; que xa remataran a súa cualificación profesional e se atopen en situación de desemprego; ou ben mozos/as sen cualificación profesional e en situación de desemprego.
Número de prazas: 50, divididos en dous grupos de 25 persoas (Coristanco e Melide).
Localización.- A localización do proxecto está prevista que se desenvolva en dúas zonas rurais da provincia da Coruña:
- Na zona da Costa da Morte: Concello de Coristanco
- Na zona interior: Concello de Melide
Duración.- de febreiro a novembro de 2014
Prazo de inscrición.- do 17 de xaneiro ao 16 de febreiro de 2014
Inscricións.- Mediante o envío do formulario electrónico que figura ao final desta convocatoria.
Os/as seleccionados/as recibirán un correo electrónico de confirmación de praza, con indicación do día e lugar de inicio da fase de formación.
Se no prazo dos cinco días seguintes á finalización do prazo de inscrición, os/as solicitantes non recibiron correo de confirmación, se entende que non obtiveron praza.
Criterios de adxudicación das prazas.- Para a adxudicación das prazas, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado terá en conta os seguintes criterios:
- Descrición no momento da solicitude por parte do/a interesado/a da idea emprendedora vinculado co medio rural que pretende levar a cabo.
- Vinculación dos participantes co medio rural e interese por desenvolver un proxecto profesional no mesmo.
- Nivel de formación e/ou cualificación inicial
Metodoloxía.- itinerario formativo; traballo práctico e taller de proxectos.
No marco de desenvolvemento do programa pode darse a posibilidade de realización de prácticas formativas en empresas do sector profesional de referencia, segundo as necesidades individuais de cada participante e a criterio do equipo de formación.
Así mesmo, durante o prazo de execución do proxecto, os/as participantes poderán ter acceso á información dos recursos, actividades e liñas de axuda dos socios do proxecto.
O proxecto executarase en tres fases sucesivas:
1º) Fase de composición inicial dos dous grupos de traballo ( 17 de xaneiro – 2 de febreiro)
2º) Fase de formación (6 meses: febreiro – agosto)
3º) Taller de proxectos (4 meses: agosto – novembro).
A cronoloxía das fases dúas e tres adaptarase a grao de maduración e desenvolvemento da idea emprendedora do/a participante.
Fase de formación – acción terá unha duración de seis meses (de febreiro a agosto de 2014), e integra a configuración dos contidos temáticos (unidades didácticas específicas), os traballos lectivos ou de grupo e os traballos prácticos no territorio.
Esta fase caracterizarase pola aplicación dun réxime de alternancia educativa a seguir polos/as participantes entre os seus períodos de traballo lectivo na sede social da acción - Coristanco ou Melide - (dúas xornadas semanais en horario de mañán durante os seis meses), e os períodos de traballo práctico no seu propio entorno ou marco de vida.
No ámbito deste traballo, especialmente no marco dos traballos prácticos, os xóvenes analizarán e valorarán experiencias innovadoras que poderán ser tidas en conta no proxecto de empresa/emprego que están a realizar.
No desenvolvemento desta fase, o equipo de formación levará a cabo un asesoramento personalizado en atención ás necesidades individuais de cada participante.
Taller de proxectos, de catro meses de duración (agosto a novembro) os/as participantes acudirán libremente á sede local do programa (Coristanco ou Melide) para rematar ou ultimar a elaboración do seu proxecto de empresa/emprego, así como a súa execución e lanzamento, en réxime de traballo personalizado e co apoio do equipo técnico.
• Aval xóvenes nace cun obxectivo ambicioso “O desenvolvemento profesional dos xóvenes no seu ámbito rural”.
• Poñer en valor as posibilidades do medio rural para que os xóvenes proxecten o seu futuro laboral.
O proxecto garantía xuvenil “Aval Xóvenes” persigue que os xóvenes do medio rural se involucren no crecemento dos seus pobos, impulsando actitudes emprendedoras e iniciativas que activen seu entorno. Por un lado mellorando o coñecemento e a opinión da xuventude sobre a vida no medio rural, e por outro, proporcionándolles información, orientación e formación necesaria a fin de tomar o relevo xeracional das profesión mais rurais e o afloramento empresarial das súas propias ideas de negocio,
Os puntos clave deste proxecto son: que os xóvenes formamos parte do medio rural e como tales, queremos e debemos participar na vida local, que queremos que os nosos pobos non se queden atrás, e, por último, que temos ideas e propostas para dinamizar o noso entorno.
Por todo isto, “Aval Xóvenes” tenta fomentar o espírito emprendedor e facilita a participación dos moz@s no seu entorno, a través do traballo en rede e a innovación, como medios de crecemento e progreso. Ten tamén a finalidade de garantir e reforzar a vinculación da mocidade co rural, poñendo en valor os recursos medioambientais, sociais e económicos destos territorios para facer deles o seu marco de vida, sen ter que abandonalos en busca de saídas de futuro.
Presentación do proxecto Aval Xóvenes
Visita ao Grupo de Desenvolvemento do Rural Ulla Tambre Mandeo
Asistencia ao Foro da Intermediación e o Emprego (Santiago)
Asistencia Forum Carballo (I Foro da Formación e a Empresa)
Visita á Sociedade Cooperativa Melisanto (Melide)
Visita á Casa do Queixo e Aldea de Barrio
As posibilidades do territorio e a confianza nos demais
Visita á cooperativa Milhulloa en Palas de Rei
Constituír unha empresa sobre a base do cooperativismo
O boletín interactivo da dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, Xuventude.Novas, inicia neste número unha serie de entrevistas con gañadores das distintas modalidades do certame Xuventude Crea, que hai uns días entregou os seus premios. Ademais de dar conta da gala de entrega, esta publicación entrevista a Marta Domínguez Lloria, primeiro premio na categoría de moda, recuperada este ano, e a Pi Graos, vencedores na categoría de música.
Na entrevista, Marta Domínguez explica as inspiracións e os propósitos da colección coa que gañou o certame. Trátase dunha proposta atrevida no eido da moda masculina, coa que intenta conxugar a elegancia e a comodidade. Domínguez Lloria, cunha formación sólida e unha considerable experiencia pese á súa xuventude, reflexiona na conversa sobre a situación do sector e as posibilidades dos xóvenes para abrirse paso nel profesionalmente.
Na entrevista con Pi Graos, que poñen sobre o escenario jazz contemporáneo e un chisco de heterodoxia sonora, o teclista e compositor Lucas Rey destaca a relevancia do premio Xuventude Crea como “un impulso para nós”, sobre todo cando están a punto de publicar o seu primeiro traballo discográfico. O grupo valora moito o apoio do público a través dunha iniciativa de crowdfunding para financiar o seu proxecto, sobre a que tamén se reflexiona na conversa, entre outros aspectos como a situación da creación musical en Galicia.
Polo demais, o Xuventude.Novas, que ten neste número a súa derradeira entrega de 2013, ofrece unha das súas habituais reportaxes viaxeiras. Nesta ocasión, o destino escollido é Noruega, e en concreto o seu territorio menos urbano. Dun xeito impresionista, ofrece unha serie de suxerencias coas que facerse unha idea das posibilidades turísticas do país, con vistas a preparar unha viaxe. A contemplación de auroras boreais, unha excursión sendeirista a algún glaciar, un percorrido de case dúas semanas en barco por toda a costa dos fiordos, ou o aloxamento en granxas ou casas de mariñeiros son algunhas das ideas das que tomar nota.
A edición complétase coa información sobre o quinto Parlamento Xove, que acaba de iniciar o seu periodo de formación e que mantén aberto o prazo para anotarse ata o 31 de xaneiro, e cunha reportaxe sobre os proxectos de Down Vigo desenvoltos co apoio dos programas Iniciativa Xove e Voluntariado Xuvenil. Non falta tampouco a habitual axenda de concertos e actuacións musicais, neste caso para os meses de decembro e de xaneiro. .
Descarga o PDF de Xuventude Novas
Nota: para unha correcta visualización en determinados navegadores de internet, recomendamos descargar o arquivo pdf en vez de abrilo noutra pestana.
Destinatarios: centros educativos de 1º e 2º de Bacharelato e 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria.
A iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado Parlamento Xove é unha competición de debate na que os estudantes de centros educativos de toda Galicia empregan a oratoria para defender un determinado posicionamento (a favor ou en contra) acerca do tema proposto pola organización. Cada equipo está composto por catro alumnos e alumnas e un profesor-coordinador. Os mozos e mozas deben investigar sobre os temas propostos (distinto na fase preliminar e na final) e, o día do encontro, defender no debate a postura que lles toque por sorteo.
Toda a información no seguinte enlace:
http://www.parlamentoxove.com/
O vindeiro 29 de novembro celebraráse en Santiago de Compostela a Xornada Internacional de Sensibilización Demográfica.
Abordaránse temas relativos á situación demográfica actual, dende a perspectiva das políticas e a evolución demográfica que se rexistra a nivel europeo.
Data de celebración:
29 de novembro de 2013
Lugar de celebración:
Hotel Monumento San Francisco
Santiago de Compostela