En portada (1110)

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe o campo de traballo situado no Mirador da Pastora, en Cambados, onde asistiu a unha clase práctica de botánica autóctona

Os voluntarios que participen neste programa realizarán tarefas de vixilancia disuasoria para a prevención de incendios forestais, en coordinación co Distrito Forestal de CaldasVOLUNTARIADO

Os voluntarios que participen no programa obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado acreditativo da acción voluntaria desenvolvida

Un total de 40 mozos e mozas participarán na comarca do Salnés no programa de Voluntariado Ambiental, posto en marcha este verán pola Consellería de Traballo e Benestar e a Consellería de Medio Rural. A iniciativa desenvolverase principalmente nos montes Xiabre (Vilagarcía), Castrove (Poio), Lobeira (Vilanova) e Pastora (Cambados).

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe as actividades que se están a realizar no Mirador da Pastora, en Cambados, onde os voluntarios están a aprender a distinguir as especies autóctonas e alóctonas, así como as plantas que poderían ser utilizadas para facer un cortalumes en caso de ser necesario.

Ademais, os voluntarios que participen neste programa realizarán tarefas de vixilancia disuasoria para a prevención de incendios forestais, en coordinación co Distrito Forestal de Caldas. Ao tempo, os participantes recibirán formación en botánica, cartografía e prevención de incendios.

O programa de Voluntariado Ambiental ten como obxectivo principal sensibilizar a través da participación cidadá da necesidade de conservar o noso patrimonio natural, ao tempo que os voluntarios adquiren os criterios e coñecementos básicos sobre prevención, información e vixilancia contra os incendios forestais.

Está concibido como un campo de traballo e desenvolverase en quendas de 5 días, a celebrar os meses de xullo e agosto en toda Galicia, nas que grupos de 8 voluntarios e voluntarias, xunto cun monitor, realizarán as diferentes actividades, ata un total de 800 accións voluntarias.

A iniciativa inclúe aloxamento e pensión completa nun albergue, o desenvolvemento das diferentes actuacións e o seguro de responsabilidade. Os emprazamentos onde terán lugar as actividades son, ademais de Cambados, Santiago, Allariz, Celanova e Riós.

Cores Tourís destacou a labor destes rapaces e rapazas recordando a importante experiencia do voluntariado, “unha actividade que se conforma como unha parte activa da recuperación e conservación dun patrimonio medioambiental moi relevante para a nosa sociedade como son os nosos montes e a noso campo”.

Neste programa de Voluntariado Ambiental tamén se inclúen os campos de traballo que se desenvolven nas Illas Cíes. Neste caso os voluntarios, que veñen de Galicia, da emigración, do resto de España e de diferentes países de todo o mundo, realizan intervencións en materia ambiental, como labores de mantemento dos camiños peonís da illa, vixilancia de incendios, control de flora e fauna non autóctona e labores de información e sensibilización do visitante. En total serán catro os campos de traballo internacionais que teñen lugar nas Illas Cíes en xullo e agosto, cun total de 120 prazas destinadas a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos de idade.

Os voluntarios que participen no programa, que promoven as consellerías de Traballo e Benestar e de Medio Rural, obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado acreditativo da acción voluntaria desenvolvida, que será inscrito como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

Labor da Policía Autonómica
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou o acto para recordar a importante labor que están a desenvolver tamén os traballadores da Xunta que se dedican a loitar contra o lume, os membros do exército, bombeiros e vixiantes, así coma a Policía Autonómica. “En concreto, en relación aos axentes autonómicos, en época estival incrementarase o número de policías destinados á prevención e investigación de incendios, cun total de 206 dos 350 que a conforman”.

Cores Tourís quixo destacar a boa labor que están a desenvolver estes axentes, xa que lograron deter a máis de 90 persoas por incendios forestais ata o mes de xullo en Galicia, “o dobre que en 2011. Esto ven a demostrar que que a loita contra os incendios forestais e os incendiarios é unha das prioridades da Xunta de Galicia”.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, acudiu hoxe a despedir a 80 dos participantes que teñen entre 13 e 17 anos

Nesta Campaña de Verán a Xunta de Galicia oferta na totalidade da comunidade máis de 8.000 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo AUTOCAR

O orzamento total desta iniciativa ascende a preto de 2,4 millóns de euros

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, oferta un total de 278 prazas ao longo do verán nos campamentos de intercambio con outras comunidades autónomas.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, acudiu hoxe a despedir a 80 dos participantes que teñen entre 13 e 17 anos e partiron en autocar desde Santiago a Cantabria, onde participarán nas actividades programadas no Campamento Xuvenil Tama e no albergue de Loredo. Alí poderán participar durante catorce días en actividades de mar e montaña xunto con outros mozos de Cantabria.

Ademais desta quenda, a oferta de intercambios con outras comunidades autónomas tamén contempla a participación de mozos galegos nos albergues xuvenís Carlos Abaitúa, Isla de Zuhatza e Barría, no País Vasco; no Campamento Xuvenil Emperador Carlos V de Jerte, en Estremadura; no Albergue Xuvenil de Navarredonda de Gredos, en Castela León; no Albergue Xuvenil Ezcaray da Rioxa; e no e Albergue Xuvenil de Alsasua, en Navarra. Dependendo da instalación, os mozos galegos poderán participan en actividades náuticas, de montaña, de multiaventura, musicais ou creativas.

Pola súa banda, mozos destas seis comunidades tamén participan na Campaña de Verán que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, aloxándose en diferentes quendas nos Campamentos Virxe do Loreto (Porto do Son) e Penedos de Xacinto (Entrimo) e nos albergues Area (Viveiro), As Sinas (Vilanova de Arousa) e Gandarío (Bergondo).

Nesta Campaña de Verán a Xunta de Galicia oferta na totalidade da comunidade máis de 8.000 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo. O orzamento total desta iniciativa ascende a preto de 2,4 millóns de euros. Este investimento permite que as empresas de ocio e tempo libre poidan contratar este verán a máis de novecentos monitores, na súa gran maioría xente nova.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitaron hoxe este campamento

As actividades da Campaña de Verán na provincia de Pontevedra ofertan un total de 1.755 prazas

Os campos de traballo da provincia de Pontevedra desenvólvense nas Illas Cíes en xullo e agosto, cun total de 120 prazas en catro quendas destinadas a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos de idade forcarei

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, oferta un total de 720 prazas ao longo do verán no campamento xuvenil de Pontemaril, en Forcarei (Pontevedra).

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitaron hoxe este campamento que conta con dúas actividades diferenciadas: ‘A miña primeira aventura’ e ‘Aventura na natureza’.

No marco de ‘A miña primeira aventura’ desenvolveranse actividades de sendeirismo, rutas ecolóxicas, bicicleta de montaña, baloncesto, piscina, rocódromo e actividades socioculturais. Haberá tres quendas ao longo do verán.

Para ‘Aventura na natureza’ haberá tamén tres quendas nas que as persoas participantes poderán facer actividades de sendeirismo, rutas ecolóxicas, bicicleta de montaña e outras actividades deportivas, baloncesto, piscina, rocódromo e convivencias de animación sociocultural.

As actividades da Campaña de Verán na provincia de Pontevedra ofertan un total de 1.755 prazas. Os campamentos nesta provincia para menores de 18 anos teñen lugar en tres instalacións: no albergue xuvenil de As Sinas, en Vilanova de Arousa e nos campamentos de Pontemaril, en Forcarei, e da Illa de Ons.

Os mozos e mozas están en réxime de manutención en pensión completa e contan co material necesario para cada unha das actividade, que están dinamizadas por un equipo técnico de monitores especialistas na xestión do ocio e do tempo libre. As persoas participantes tamén dispoñen de atención sanitaria de primeiros auxilios e gozan dun seguro de accidentes e responsabilidade civil.

A Campaña de Verán de Xuventude tamén oferta actividades para maiores de 18 anos. No caso de Pontevedra, estas actividades terá lugar na Ría de Vigo, cunha oferta baseada na realización de diferentes rotas en kaiak de mar visitando a Illa de San Simón, Ponte Sampaio, San Adrián de Cobres, Rande e outros lugares de interese patrimonial e natural.

Noutras zonas de Galicia, as actividades tamén terán lugar nos contornos das cidades da Coruña e Ferrol, na Costa da Morte, na Serra do Xurés, na Ribeira Sacra ou na Mariña Lucense.

En canto aos campos de traballo, na provincia de Pontevedra desenvolveranse nas Illas Cíes durante xullo e agosto, cun total de 120 prazas en catro quendas destinadas a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos de idade. Os participantes, que veñen de Galicia, da emigración, do resto de España e de diferentes países de todo o mundo, poden colaborar nos traballos de protección medioambiental e dinamización turística que se levan a cabo no Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Nesta Campaña de Verán a Xunta de Galicia oferta na totalidade da comunidade máis de 8.000 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo. O orzamento total desta iniciativa ascende a preto de 2,4 millóns de euros. Este investimento permite que as empresas de ocio e tempo libre poidan contratar este verán a máis de novecentos monitores, na súa gran maioría xente nova.

O galego volverá campar este verán
A secretaria xeral de Política Lingüística, dirixida por Valentín García, e mais a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado organizan para este verán unha nova edición do programa de dinamización lingüística nos campamentos de verán O galego campa!, no marco do que fornecerán, por segundo ano consecutivo, ao monitorado de materiais e recursos destinados a promover o uso do galego na xuventude.

Trátase dunha actividade organizada pola Consellería de Traballo e Benestar que se desenvolverá na cidade de Santiago desde o 28 de xullo ata o 13 de agosto

Dentro das actividades programadas está a creación dun percorrido turístico alternativo en Santiago a través das artes e no que interveña a mocidade galega

A finalidade desta convocatoria é promover e estimular a creación de artistas dentro dos parámetros da arte actual

O prazo de inscrición estará aberto ata o 15 de xullo e poderán inscribirse mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia entre 18 e 30 anos de idade

O prazo de inscrición para o programa de dinamización artística ‘Imaxina Atlántica: Teatros de pedra’ está aberto ata o 15 de xullo. Trátase dunha actividade organizada pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, que se desenvolverá na cidade de Santiago desde o 28 de xullo ata o 13 de agosto.

Este programa enmárcase dentro do proxecto ‘Imaxina Atlántica: espazo atlántico, territorios creativos innovadores’ aprobado ao abeiro do proxecto ‘Espazo Atlántico’ e no que participan rexións de España, Francia, Reino Unido e Portugal.

Dentro das actividades programadas está a creación dun percorrido turístico alternativo na cidade de Santiago de Compostela a través das artes e no que interveña a mocidade galega. As referencias temáticas son principalmente: dar a coñecer a Europa atlántica; presentar a cultura galega; e recuperar lugares emblemáticos de Santiago de Compostela.

A finalidade desta convocatoria é promover e estimular a creación de artistas dentro dos parámetros da arte actual, unha promoción do intercambio urbano a través dos artistas e os propios espazos cidadáns.

Durante unha estadía continuada de quince días, 24 mozos e mozas, xóvenes creadores, realizarán as súas intervencións en sete prazas da cidade de Santiago de Compostela: Praza de San Fiz, Praza da Oliveira e/ou Sal se podes, Algalia de Abaixo, Praza de San Roque, Praza de San Miguel, Campás de San Xoán e Praza da Inmaculada.

Estas prazas converteranse en distintos teatros, onde poder mostrar ao viandante, con actividades de luz, son ou outras expresións artísticas, os aspectos máis peculiares da cultura galega e tamén doutras partes da Europa Atlántica. Sete prazas serán sete teatros temáticos.

A estancia e intervención creativa comezará o 28 de xullo e rematará cunha actividade multidisciplinar o 12 de agosto polas rúas e prazas de Santiago, coincidindo co Día Internacional da Xuventude. Durante dúas semanas os mozos e mozas galegas levarán a cabo un traballo de investigación, de cooperación e de exposición e divulgación da súa creatividade.

Os obxectivos do programa son crear unha actividade artística relacionada coa xuventude; fomentar un punto de encontro entre mozos e mozas creadores e non creadores pero con inquedanzas artísticas que fagan unha posta en común; crear unha actividade expositiva final por cada unha das disciplinas como promoción do programa en si e ante o público en xeral a través dun percorrido interactivo polas rúas e prazas de Santiago de Compostela.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 15 de xullo e poderán inscribirse mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia entre 18 e 30 anos de idade. As disciplinas artísticas que se van a desenvolver son: arte escénica (teatro, danza e expresión, performance musical); artes (pintura, escultura, grafitti); videoarte e literatura (poesía e relato breve). Na estancia e intervención creativa tamén estarán presentes xóvenes creadores das rexións de Angoulême (Francia), Gales (Reino Unido) e O Porto (Portugal).

O proxecto
As actividades que compoñen o proxecto ‘Imaxina Atlántica’, ademais de seminarios técnicos internacionais, apostan polo intercambio de mozos e mozas profesionais e a creación de circuítos turísticos e culturais. Deste xeito desenvolveuse un programa de estadías para mozos e mozas profesionais nos sectores do espazo virtual: a arte dixital (comunicación audiovisual, publicidade, produción artística e cultural, produción visual, multimedia, patrimonio e turismo aplicado á arte dixital. Estas estadías, nas que participaron 24 mozos e mozas, realizáronse entre os meses de xullo do 2011 e abril do 2012 nas cidades do Porto (Portugal), Bangor (Gales, Reino Unido) e Angoulême (Francia).

Outra actividade enmarcada dentro do proxecto Imaxina Atlántica é un concurso de arte dixital a nivel europeo, aberto a escolas, estudantes, artistas e novos profesionais. A convocatoria está aberta ata o 3 de setembro.

A aposta pola creatividade xuvenil como fórmula previa ao emprendemento é un dos obxectivos da Estratexia Xuventude 2013. As bases da convocatoria para participar nesta actividades están na web xuventude.net, apartado de proxectos europeos, Espazo Atlántico.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe esta iniciativa

No disco homenaxe participaron catro bandas emerxentes da comarca: Stravismo, Los Chavales, Sinestesia e Morrigan

Esta iniciativa foi coordinada desde as instalacións do Espazo Xove que o departamento autonómico ten en Noia

Un grupo de mozos e mozas de Noia veñen de editar un disco homenaxe ao grupo “Os Tamara”, grazas ao programa de participación xuvenil “Iniciativa Xove” que promove a Consellería de Traballo e Benestar.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe esta iniciativa. O obxectivo do proxecto foi recuperar para a mocidade a música dos Tamara e resaltar a importancia desta banda, que tivo grandes éxitos a nivel galego e español.

Neste disco homenaxe, participaron catro bandas da comarca de Noia: Stravismo, Los Chavales, Sinestesia e Morrigan. Todas elas adaptan e reinterpretan os temas dos Tamara “como sentido e humilde homenaxe ao seu traballo pioneiro no eido da música e da cultura galega”.

Esta iniciativa foi coordinada dende as instalacións do Espazo Xove que o departamento autonómico ten en Noia. Pola súa banda, os grupos encargaranse de promocionar e difundir o disco mediante actuacións en locais de ocio da comarca.

O programa “Iniciativa Xove”, que desenvolve a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, ten como obxectivo a posta en marcha de proxectos de carácter innovador, que fomenten a participación xuvenil. Estas iniciativas poden ser presentadas tanto por asociacións, como por grupos informais de mozos e mozas que se unan para levar á práctica os seus proxectos.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado destacou que ferramentas como Iniciativa Xove “permiten que os mozos e mozas poidan demostrar a súa capacidade para organizar, emprender e impulsar aquelas actividades onde eles mesmos son os actores principais”. Ademais, tamén valorou que “a responsabilidade de organizar as súas propias actividades libera un proceso de educación non formal de gran utilidade para o futuro e supón estar creando unha verdadeira escola de cidadanía activa”.

Iniciativa Xove subvenciona proxectos que non poden ser superiores aos 4.000 euros e financiarase o 100% dos gastos, polo que é incompatible con outras axudas destinadas á mesma actuación.

Este programa tamén concede anticipos automáticos de pagamento do 80% como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, a aquelas entidades e grupos informais, que unha vez notificada a resolución de concesión da axuda manifesten expresamente a aceptación da mesma, de xeito que a falta de liquidez non sexa un impedimento para levar a cabo proxectos interesantes.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe esta xornada, a sétima das nove mostras que conforman o programa “Conecta"

No caso de Ponteceso, a xornada céntrase na historia, o turismo e a artesanía como formas de emprendemento

Durante o encontro haberá charlas, obradoiros, roteiros e diversas actividades de fomento da creatividade dos mozos e mozas

Preto de 70 mozos e mozas participarán hoxe en Ponteceso no encontro xuvenil “Crea e descubre”, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar, para fomentar o emprendemento xuvenil. Baixo o lema “Historia, turismo e artesanía”, os participantes poderán abordar como se pode emprender nestes eidos.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe esta xornada, que se organiza en colaboración cos concellos de Ponteceso, Malpica e Cabana de Bergantiños. O encontro rematará ás 18,30 horas.

Durante o transcurso da xornada, os mozos e mozas aprenderán como da natureza, cultura e tradición poden xurdir ideas emprendedoras, neste caso vencelladas á historia, turismo e artesanía.

O programa de actividades está deseñado desde un enfoque multidisciplinar, traballando elementos transversais para a mocidade como a formación en valores, a educación non formal e aproveitando o valor pedagóxico que achegan os participantes, profesionais e emprendedores.

De feito, durante a xornada, explicarán as súas experiencias poñentes que emprenderon no sector da formación, no sector cultural, e no turismo. No espazo, os mozos e mozas tamén terán a oportunidade de expoñer as súas inquedanzas, proxectos e actividades, fomentando un traballo en rede.

Así, no encontro haberá charlas, obradoiros, roteiros e diversas actividades que fomentarán a creatividade dos mozos e mozas. Durante o descanso, terá lugar unha pequena mostra de asociacionismo con dez postos, onde as asociacións xuvenís e prestadoras de servizos á xuventude da comarca que así o desexen poderán expoñer o seu traballo e actividades.

O programa ‘Conecta’ estase a desenvolver en diferentes cidades e vilas de Galicia co obxectivo final de ofrecer á mocidade unha alternativa para promover novos proxectos empresariais a través da participación, así como fomentar o espírito emprendedor entre os mozos e mozas. A finalidade última deste programa forma parte dos eixos prioritarios de traballo da Estratexia Xuventude 2013 da Xunta.

A actividade que ten hoxe lugar en Ponteceso é a sétima das nove mostras que se están realizando ao abeiro do programa “Conecta” en toda Galicia. Xa tiveron lugar en Melide, Santiago, Vila de Cruces, Ferrol, Burela e Ribeira, cada unha delas centrada nun sector de emprendemento distinto.

Este programa inscríbese no proxecto “Emprende”, financiado polo programa de cooperación transfronteiriza Galicia- Norte de Portugal (POCTEP), que ten como obxectivo principal fomentar a creación de empresas, de emprego e autoemprego dos mozos e mozas.

Traballo e Benestar investirá máis de 2,3 millóns de euros en toda a campaña de verán na que tomarán parte máis de 8.000 mozos e se prolongará ata setembro

Este programa conlevará a contratación de preto de 900 monitores e directores de tempo libre

Os campamentos de verán inclúen intercambio con outras comunidades, ao tempo que tamén se pon a disposición da mocidade oferta concertada de prazas nas instalacións xuvenís, actividades para maiores de 18 anos, campos de traballo e accións para mozos e mozas descendentes de galegos, residentes no exterior

Este ano amplíanse os emprazamentos dos campos de traballo e actividades para maiores de 18 anos

A participación nos campamentos e actividades para maiores de 18 anos ábrese como novidade aos mozos procedentes da emigración campamentos-

Os campamentos de verán que cada ano organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para mozos e mozas comeza hoxe en diversos puntos de Galicia. Na primeira quenda, que se prolongará ata mediados de xullo, participarán un total de 1.330 mozos e mozas.

En total, en toda a campaña de verán tomarán parte máis de 8.000 mozos e mozas. Desta forma, a Consellería de Traballo e Benestar ofertará entre os meses de xuño e setembro máis de 8.000 prazas para mozos e mozas de ata 35 anos, habendo actividades específicas para menores e maiores de 18 anos. O investimento da Xunta nesta programación, que se prolonga ata o mes de setembro, ascenderá a máis de 2,3 millóns de euros. A posta en marcha deste programa conlevará a contratación de preto de 900 monitores e directores de tempo libre.

En concreto, ofértanse campamentos de verán, que inclúe intercambio con outras comunidades autónomas; oferta concertada de prazas nas instalacións xuvenís do departamento autonómico; actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo; e accións para mozos e mozas descendentes de galegos, residentes no exterior.

Esta iniciativa inclúe varias novidades, como a unión por primeira vez dos participantes procedentes da emigración cos rapaces galegos nos campamentos e actividades para maiores de 18 anos. O obxectivo é fomentar a convivencia intercultural e a aprendizaxe mutua. Ata o de agora só tomaban parte en actividades específicas para eles. Ademais, inclúense novos emprazamentos dos campos de traballo e actividades para maiores de 18 anos.

Campamentos de verán
Con respecto á oferta de campamentos de verán para menores de 18 anos, que arrancou hoxe, Xuventude oferta 4.705 prazas, distribuídas nas catro provincias galegas. A través desta programación, os mozos e mozas de entre 9 e 17 anos teñen a posibilidade de empregar o seu tempo libre durante as súas vacacións participando en actividades de carácter lúdico, cultural ou deportivo.

Ademais resérvanse outras 378 prazas para distintos colectivos como persoas con discapacidade, menores tutelados ou fillos e fillas de mulleres vítimas da violencia de xénero e outras 274 prazas para campamentos noutras comunidades autónomas, en País Vasco, Cantabria, Castela e León, Estremadura, Navarra e A Rioxa.

As actividades levaranse a cabo en diferentes quendas de entre unha semana e quince días de duración durante os meses de xullo e agosto. Os campamentos terán lugar nas diferentes instalacións xuvenís da Consellería de Traballo e Benestar.

Oferta concertada
Así mesmo, a campaña de verán de Xuventude inclúen unha oferta de prazas concertadas que suman este ano 1.685. En concreto, ofrécese o uso dos albergues xuvenís ás asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á mocidade, escolas de tempo libre, ao Consello da Xuventude de Galicia e aos consellos locais e municipais de xuventude, así como ás corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas que realicen actividades coa mocidade. Tamén poderán formar parte desta oferta concertada os grupos de mozos e mozas non asociados que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro.O período para poder usar estas instalacións será entre o 15 de xuño e o 30 de setembro.

Maiores de 18 anos
Por outra banda, as actividades para maiores de 18 anos inclúen unha programación dirixida a mozos e mozas galegos con idades comprendidas entre os 18 e 35 anos. Poranse á súa disposición un total de 511 prazas para participar en diferentes accións, tanto no interior como na costa galega. O obxectivo deste plan é ofrecer á mocidade unha alternativa responsable dentro do ocio e templo libre. Preténdese darlles a coñecer o territorio galego, fomentar o intercambio e espertar un interese polo desenvolvemento sostible e o uso eficiente e responsable dos recursos.

Así, ao longo dos meses de verán ofertaranse 6 programas diferentes: ‘A Coruña Express’ (estadías de 4 ou 5 días realizando diferentes probas); ‘En contacto coa natureza’ (actividades náuticas como surf e kaiaksurf e de aventura como rutas en bicicleta); ‘H2O+18: navegando polo Miño e surfeando no Cantábrico’; ‘Aventura e deporte no Parque natural Baixa Limia- Serra do Xurés’; ‘Rutas en kaiak de mar e embarcacións tradicionais’; e ‘Rutas Coñece Galicia’ (un programa rotatorio de convivencia entre participantes galegos e da Galicia exterior).

Campos de traballo
A cuarta modalidade que forma parte da campaña de verán de Xuventude son os campos de traballo, actividades encamiñadas a fomentar a convivencia a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos que se levan a cabo en todas as comunidades autónomas e en distintos países. A cambio do seu labor, os mozos reciben unha alternativa de lecer e tempo libre baseada no intercambio de coñecementos e culturas, da práctica de deportes e da visita a lugares de interese, tanto turísticos como históricos ou culturais.

A Consellería de Traballo e Benestar porá a disposición dos mozos e mozas galegos, do resto de comunidades autónomas e de países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón ou de voluntarios e voluntarias procedentes da Galicia exterior un total de 260 prazas, distribuídas en quendas de 12 ou 15 días de duración.

Os mozos e mozas galegos, ademais, poderán asistir ao mesmo tipo de actividades organizadas ao longo do territorio español (100 prazas) e no estranxeiro (96 prazas).

Emigrantes galegos
Por último, a campaña de verán contempla actividades para os mozos e mozas descendentes de galegos, residentes no exterior. Así, en colaboración coa Secretaria Xeral de Emigración ofertaranse 240 prazas distribuídas en varios programas de actividades que fomentarán o contacto e as relacións cos mozos e mozas galegos. Haberá ata cinco programas con temáticas diferentes e vinculadas por exemplo aos deportes náuticos e de multiaventura na natureza.

En definitiva, o que a Consellería de Traballo e Benestar pretende con esta campaña é favorecer a participación dos mozos e mozas galegos en múltiples actividades cun compoñente de educación non formal no ámbito do ocio e tempo libre.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe o XV Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Galicia

O Servizo de voluntariado xuvenil incorpora ás entidades e concellos que están inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria a mozos e mozas para a súa colaboración na realización de proxectos de voluntariadoVOLUNTARIADO

A Consellería de Traballo e Benestar xa ten aberto o prazo de inscrición para o programa ‘Servizo de voluntariado xuvenil’ que permitirá incorporar a 1.000 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos nos diferentes plans organizados polas entidades, concellos, e mancomunidades que desexen participar na iniciativa.

O departamento autonómico destinará máis de 210.000 euros a esta actividade e serán subvencionables os proxectos presentados sempre que sexan desenvolvidos por un máximo de 8 mozos ou mozas de idades comprendidas entre os 18 e 30 anos.

Así o indicou hoxe o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, na inauguración do XV Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Galicia, que tivo lugar en Carballiño (Ourense).

Na súa intervención explicou que o Servizo de voluntariado xuvenil consiste en incorporar ás entidades, concellos e mancomunidades que están inscritos no rexistro de entidades de acción voluntaria a mozos e mozas galegos para a súa colaboración como voluntarios. Trátase dunha iniciativa experimental que se basea na posta en marcha en paralelo dunha bolsa de persoas voluntarias e unha de proxectos de voluntariado co obxectivo de poñer en contacto as dúas bandas.

Os proxectos deberán centrarse nalgunha das seguintes áreas: actividades relacionadas co Camiño de Santiago; de recuperación da cultura, arte, ou tradicións populares galegas; de axuda a colectivos en situación de risco; de actividades xuvenís; ambientais; relacionadas co Ano europeo do envellecemento activa e da solidariedade interxeracional 2012; ou vinculadas coa igualdade de xénero.

Estes proxectos de acción voluntaria deberán ter unha duración comprendida entre os 15 e os 60 días. Ao finalizar os mesmos, as persoas que participaron neles poderán obter da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado acreditativo, que se inscribirá no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

A posibilidade da emisión das certificacións oficiais das experiencias adquiridas a través do exercicio do voluntariado está recollida na nova Lei Galega de Acción Voluntaria, que foi aprobada por unanimidade do Parlamento Galego a finais de 2011

O Voluntariado Xuvenil, unha iniciativa novidosa, pioneira e experimental a nivel de todo o Estado, é una das liñas estratéxicas do III Plan Galego de Voluntariado 2011-2014, que foi consensuado cos axentes do terceiro sector na comunidade.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe a terceira edición de ‘Emprega talento’ en Vigo

A actividade forma parte da iniciativa Emprende para converter o espazo transfronteirizo nun marco activo para novas actividades económicas

Na iniciativa celebrada na provincia pontevedresa tomaron parte máis dun cento de mozos e mozas EMPREGA

‘Emprega talento’ é un espazo aberto cara a empregabilidade dos mozos e mozas, así como para a creación de oportunidades mediante o intercambio e posta en común de ideas

Vigo acolle a terceira edición de Emprega Talento, unha iniciativa que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, en colaboración coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e que se financia a través do programa de cooperación transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal (POCTEP). A iniciativa foi inaugurada hoxe polo responsable da área autonómica, Ovidio Rodeiro, quen destacou que a actividade forma parte do proxecto Emprende para promover Galicia e Norte de Portugal como un espazo de oportunidades empresariais.

Rodeiro explicou que Emprende leva realizando desde o pasado ano unha serie de encontros, foros e cursos de formación nos que xa teñen participado máis de 1.800 mozos e mozas. “Emprende ten como obxectivo principal fomentar a creación de empresas, de emprego e autoemprego para mozos e mozas, promovendo actividades que convertan o espazo de cooperación transfronteirizo nun marco atractivo para novas actividades económicas e empresariais”, apuntou o director xeral, ao tempo que explicou que o programa ofrece á mocidade unha alternativa para detectar oportunidades laborais e promover novos proxectos empresariais, así como o espírito emprendedor dos mozos e mozas do espazo transfronteirizo.

Con respecto á terceira edición de ‘Emprega talento’, Rodeiro explicou que a iniciativa é un
espazo de encontro, coñecemento, información e de formación en habilidades co obxectivo de fomentar a creación de empresas e o autoemprego.

“Emprega Talento é un espazo aberto cara a empregabilidade dos mozos e mozas, así como para a creación de oportunidades mediante o intercambio e posta en común de ideas”, indicou. Por iso, nesta actividade póñense en contacto á xente nova coa realidade empresarial actual. En definitiva, o que se pretende é ofrecer aos mozos e mozas unha alternativa para poder acadar novas oportunidades laborais, promover a participación, o intercambio de ideas e a colaboración entre a mocidade e os directivos.

A xornada, inspirada no formato Afterwork, xirará ao redor de tres bloques: ‘Emprender e liderar cos valores do deporte’; ‘A xuventude ante a empresa e o traballo’ e unha mesa de experiencias prácticas sobre o talento que buscan as empresas.

O primeiro “Emprender e liderar cos valores do deporte”, conducido por Joaquín Dosil, socio fundador de QCOACH, conta coa presenza de persoeiros vinculados ao mundo do deporte, como o árbitro de fútbol de primeira división Ignacio Iglesias Vilanueva, o adestrador de baloncesto Rubén Domínguez e o piloto de Fórmula 2 José Luis Abadín.

O segundo bloque, “A xuventude ante a empresa e o traballo”, estará conducido pola xerente dunha recoñecida consultora de xestión de persoas. E o bloque tres, a mesa de experiencias prácticas “Talento mozo, que buscan as empresas?” estará moderada por Carlota Sánchez Puga, directora de desenvolvemento económico e fomento do emprego de Novacaixagalicia. Na mesa estarán presentes recoñecidos profesionais de empresas de ámbito galego.

Durante o desenvolvemento da xornada, os participantes tomarán parte en relatorios sobre liderado, talento, motivación, hábitos e valores e traballo en equipo, e simultaneamente poderán participar de forma activa en coloquios cos deportistas e na mesa redonda con directivos de recursos humanos de distintas entidades empresariais

Para finalizar a xornada o programa transcorrerá no Espazo Ágora, un punto de encontro que permite as relacións e o intercambio de ideas a través de actividades paralelas e onde terán lugar un obradoiro de busca activa de emprego e un workshop de habilidades para o directivo do futuro.

A dirección xeral de Xuventude e Voluntariado e a secretaría xeral de Política Social colaboran nesta iniciativa, que ten como obxectivo mellorar a calidade da vida das persoas que padecen esta enfermidade

Os interesados poderán colaborar en centros ou con entidades de A Coruña, Ferrol, Cabanas, Oleiros, Ribeira, Santiago de Compostela, Burela, Lugo, Castro de Rei, Viveiro, Quiroga, Ourense, Bande, Barbadás, Larouco, Lalín, Moaña e Vigo; así como na comarca do Morrazo

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da dirección xeral de Xuventude e Voluntariado e a secretaría xeral de Política Social, vén de poñer en marcha un programa de voluntariado destinado a acompañar ás persoas con alzheimer. Actualmente, xa se inscribiron no mesmo máis de 50 persoas.

Esta actividade –que se inscribe na celebración este 2012 do Ano galego do alzheimer- ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas que padecen esta enfermidade, así como a das súas familias e coidadores.

O programa permitirá aos cidadáns ter un maior coñecemento e solidariedade de cara ás persoas con alzheimer. Pola súa banda, os enfermos poderán gozar da compañía doutras persoas, o que lles permitirá mellorar o seu estado de ánimo, ao tempo que lles proporciona unha axuda de gran valor ás súas persoas coidadoras.

As persoas voluntarias, polo tanto, realizarán fundamentalmente funcións de acompañamento en distintos centros. Estarán dirixidos por un profesional e contribuirán a que os usuarios participen nas diversas actividades que se organicen nestas instalacións, a apoialos na súa mobilidade, a axudalos a realizar as actividades da súa vida cotiá e a ocupar o seu tempo libre.

Os voluntarios e voluntarias poderán realizar tamén as súas tarefas con enfermos que viven nos seus propios domicilios, proporcionándolles acompañamento e apoiando aos seus coidadores habituais, sempre e cando estes estean interesados en recibir este servizo.

En concreto, os interesados poderán colaborar con centros e residencias de A Coruña, Ferrol, Cabanas, Oleiros, Ribeira, Santiago de Compostela, Burela, Lugo, Castro de Rei, Quiroga, Viveiro, Ourense, Bande, Barbadás, Larouco, Lalín, Moaña, e Vigo. Ademais, tamén poderán colaborar en acompañamento domiciliario con asociacións de Ferrolterra, Ourense e o Morrazo.

Os interesados neste programa poden inscribirse a través dun formulario que está dispoñible na páxina web www.voluntariadogalego.org.