O Centro de Educación ambiental Equal, no concello de Coles, acolleu dende o día 1 de xullo o primeiro dos campamentos de verán que acolle a provincia de Ourense. Un total de 45 nenos e nenas de entre 9 e 11 anos participaron nun campamento que tivo actividades como obradoiros de ecoloxía, de comunicación e expresión, iniciación á hípica, pequenas rutas, xogos e veladas de animación.
Na provincia de Ourense este ano ofértanse un total de 785 prazas na Campaña de Verán, 245 máis que o anterior, para que mozos e mozas de entre 9 e 35 anos participen nas actividades de carácter lúdico, cultural ou deportivo da campaña de verán que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado
Na provincia ourensá se amplía o número de instalacións nas que se ofertan prazas de campamentos , xa que ademais do Centro de Educación ambiental Equal, no concello de Coles, tamén hai actividades da Campaña de Verán no campamento xuvenil “Penedos de Xacinto” no concello de Entrimo, na Residencia “Florentino López Cuevillas” da capital, na Estación de montaña Manzaneda e no albergue xuvenil “Vilar de Ordelles”, no concello de Esgos.
Os interesados poden inscribirse no portal web http://xuventude.xunta.es ata o 26 de xullo
Teñen como obxectivo proporcionar aos mozos e mozas ferramentas en temáticas de especial interese para a xuventude galega
A formación no ámbito da educación non formal constitúe un valor en alza e ten unha relación clara na mellora da empregabilidade da mocidade, constituíndo un complemento valioso no eido curricular
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar abriu o prazo para que os concellos galegos poidan inscribirse para participar nos obradoiros xuvenís ‘Activa 2013’. Os interesados poderán facelo no portal web http://xuventude.xunta.es ata o 26 de xullo.
Estes obradoiros están programados para constituír accións formativas no ámbito da educación non formal. Teñen como obxectivo proporcionar aos mozos e mozas ferramentas en temáticas de especial interese para a xuventude galega.
Serán os concellos os que oferten directamente as actividades aos mozos e mozas, co obxectivo de facilitar a participación de todas aquelas persoas interesadas. Ademais, os concellos tamén poderán pedir a incorporación de novas temáticas de especial interese para as características dos mozos e mozas do seu municipio.
O programa Activa está especialmente destinado aos menores de 30 anos, a profesionais e concelleiros que traballan coa xuventude e a integrantes de asociacións e grupos informais. Son impartidos polos técnicos do proxecto de dinamización xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
As temáticas están asociadas a oito temas, distribuídos cada un deles en obradoiros de dúas horas e de carácter presencial: oratoria motivacional ou coaching; entrevistas de traballo e elaboración de currículos; programas, recursos e axudas da UE en materia de xuventude; voluntariado xuvenil, creación e mantemento dunha asociación xuvenil; discurso público e oratoria; xestión e execución de proxectos de participación xuvenil e programas e axudas públicas para mozos e mozas.
A diversidade destas accións formativas responde ás solicitudes formuladas polos distintos axentes que participaron no programa en edicións anteriores, así como da análise das necesidades formativas da mocidade galega no ámbito da educación non formal non cubertas por outras actividades e programas impulsados polas distintas administracións.
A formación no ámbito da educación non formal constitúe un valor en alza e ten unha relación clara na mellora da empregabilidade da mocidade, constituíndo un complemento valioso no eido curricular, tal e como testemuñan os estudos realizados polos técnicos de xuventude da Comisión Europea.
O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a convocatoria para que os colexios e institutos públicos se sumen a esta iniciativa de innovación educativa, na que está previsto que participen máis de 300 centros de ensino
Este curso incorpórase unha 6ª actuación para a mellora da xestión da calidade dos centros
Nesta terceira convocatoria, amplíase o prazo ata o 13 de setembro para favorecer a incorporación de novos centros
Preto do 92,5% dos centros de ensino que asinaron contratos-programa consideran positivos ou moi satisfactorios os resultados desta iniciativa, na que Galicia foi Comunidade Autónoma pioneira
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continuará o vindeiro curso 2013/14 impulsando a mellora da calidade educativa a través da nova convocatoria de contratos-programa, na que está previsto que se impliquen máis de 300 centros de ensino, e na que Galicia foi pioneira. Os centros participantes no curso 2013/2014 poderán solicitar ata 6 actuacións, entre elas, PROA; mellora da lectura, escritura e cálculo; mellora da convivencia; redución do abandono escolar e mellora da excelencia educativa. A estas cinco actuacións que se viñan desenvolvendo ata este curso que remata, engádese agora unha sexta de especial interese para aqueles centros que procuren a mellora da calidade da súa xestión.
Os destinatarios de contratos-programa son os colexios e institutos públicos de Galicia interesados en desenvolver iniciativas que procuren a mellora do éxito escolar a través da introdución de metodoloxías innovadoras.
O éxito deste programa quedou demostrado, non en balde preto do 92,5% dos centros de ensino que asinaron contratos-programa consideran positivos ou moi satisfactorios os resultados desta iniciativa. No caso concreto das liñas de actuación referidas á redución do abandono e á mellora de coñecementos para acadar a excelencia a valoración é positiva ou moi satisfactoria no 100% dos centros. De feito, e de cara á convocatoria do próximo curso, a práctica totalidade dos 289 centros participantes nesta iniciativa transmitiron o seu interese por continuar con ela o próximo ano.
Novidades
Outra das novidades que se presenta para este novo curso é a xestión da convocatoria a través dunha aplicación informática específica que facilitará a introdución e a xestión dos datos das solicitudes dos centros.
O prazo de solicitude para concorrer nesta convocatoria estará aberto desde o 6 de xullo ata o vindeiro 13 de setembro. Con esta medida procúrase facilitar o proceso de solicitude dos centros de nova incorporación.
Neste curso 2012/13 que remata, un total 289 centros contaron con contratos-programa, o que supuxo que 3 de cada 10 centros públicos de ensino obrigatorio de Galicia se beneficiasen desta iniciativa.
O Complexo Xuvenil As Mariñas de Bergondo é o centro que máis participantes acolle da Campa de Verán da Xunta de Galicia. Nesta instalación, que engloba nunha xestión común os albergues xuvenís de Gandarío e Marina Española, disfrutarán dos campamentos de verán un total de 1.330 mozos e mozas.
Neste intres, o albegue Marina Española está ocupado ata o día 8 por un campamento para os máis pequenos, de 9 e 10 anos de idade, que se titula “A miña primeira aventura”, que conta con xogos tradicionais, actividades culturais e de educación ambiental e mariña. Mentres, en Gandarío mozos e mozas de entre 13 e 15 anos participan nun campamento de actividades acuáticas, con vela, táboa, canoa e coñecemento práctico da natureza mariña.
Precisamente as actividades relacionadas co mar é a especialidade destes dous albergues, xa que ademais de estar a carón da praia, contan cun importante equipamento para que os participantes nos campamentos aprendan técnicas básicas de navegación a vela ou TDV (windsurf).
Marina Española é un edificio de 4 andares a carón do mar con aloxamento en cuartos de 6 camas e aseo integrado. Dispón de salas de xuntanza, salón de usos múltiples, sala de xogos, pistas deportivas, polideportivo cuberto e espazos ao aire libre.
Pola súa banda, Gandarío é un gran recinto de 50.000 metros cadrados situado á beira da praia, con amplas zonas verdes, instalacións deportivas, laboratorio de aula-mariña, salón de xogos, museos de bioloxía mariña e de arte xuvenil, salas de xuntanzas e zona de acampada con servizos e cafetería.
A Campaña de Verán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado reserva neste ano nos campamentos xuvenís un total de 271 prazas destinadas a colectivos con características especiais.
Deste xeito, teñen prazas reservadas mozos e mozas con algún tipo de discapacidade, que tanto son integrados nos campamentos ordinarios, como tamén contan con quendas específicas no Complexo Xuvenil As Mariñas, en Bergondo e no Campamento Xuvenil de Pontemaril, en Forcarei.
Ademais, tamén se reservan prazas para outros dous colectivos, como son os de mozos e mozas que están en centros de menores dependentes da administración e os procedentes de familias con casos de maltrato. Na organización de estas prazas a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado colabora coas secretarías xerais de Política Social e Igualdade.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta orde de subvencións
Cada proxecto municipal terá unha subvención máxima de 3.000 euros, que se poderá incrementar ata os 6.000 no caso de que sexa unha solicitude conxunta entre varias entidades locais
A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, destina un total de 700.000 euros para promover as actividades que desenvolven os concellos dirixidas á mocidade.
Esta liña de axudas ten como obxectivo principal potenciar os servizos municipais de información xuvenil, así como fomentar actividades formativas e educativas no ámbito do ocio e tempo libre, o asociacionismo xuvenil e promover a utilización das novas tecnoloxías por parte da xuventude.
Cada un dos proxectos municipais terá unha subvención máxima de 3.000 euros, que se poderán incrementar ata os 6.000 no caso de que sexa unha solicitude conxunta dunha agrupación de concellos, de mancomunidades, ou dunha fusión de municipios.
Serán obxecto de axuda, por unha banda, os custos derivados do funcionamento do servizo de información xuvenil, incluídas as actividades que desenvolvan; e, por outra banda, tamén se financiarán as iniciativas formativas e educativas relacionadas coa creación xuvenil, os programas de información e asesoramento, ocio e tempo libre e, en xeral, todas aquelas actividades relacionadas co fomento da participación e o asociacionismo xuvenil que estean destinados á mocidade de idades comprendidas entre os 12 e os 35 anos.
O prazo para participar nesta orde está aberto ata o 3 de agosto e os proxectos deberán estar concluídos o día 15 de outubro.
A concesión de subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva. Os criterios de avaliación dos proxectos serán o bo funcionamento das oficinas municipais de información xuvenil, segundo os informes técnicos das xefaturas territoriais; as características innovadoras, viables e formativas; o número de beneficiarios potenciais; a pertenza a unha zona rural ou o emprego da lingua galega.
As iniciativas presentadas poderán acadar unha puntuación superior se, ademais dos criterios anteriores, son presentados de forma conxunta por varios concellos.
A primeira das 13 actuacións de este tipo que terán lugar este verán en Galicia iniciouse hoxe nas Illas Cíes e ten carácter internacional
Están a participar 30 voluntarios de entre 18 e 23 anos que realizarán ata o 13 de xullo actividades de carácter ambiental
Esta iniciativa repetirase en Cíes noutras tres quendas, entre xullo e agosto
Os outros campos de traballo celebraranse en Celanova, Coles, Esgos e Muíños (Ourense); no campamento Os Chacotes, en Palas de Reis (Lugo); Boqueixón, Ponteceso e Rois (A Coruña); e Lalín (Pontevedra)
Comezou hoxe nas Illas Cíes o primeiro dos 13 campos de traballo que terán lugar este verán en Galicia organizados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. En total, ata o mes de agosto ofertaranse 310 prazas para a mocidade tanto de Galicia, como do resto de España e do estranxeiro, co obxectivo principal de fomentar a convivencia, a participación e a tolerancia, a través dunha colaboración desinteresada e voluntaria nun proxecto que proporcione melloras para os habitantes dun territorio.
Nas Illas Cíes celebraranse un total de catro campos de traballo, todos eles de carácter medioambiental. No primeiro deles, que terá lugar entre hoxe e o 13 de xullo, están a participar un total de 30 voluntarios de entre 18 e 23 anos. Desenvolverán, entre outras actuacións, labores de mantemento da illa, de información e sensibilización do visitante, vixilancia de incendios e intervencións puntuais de mellora no parque en colaboración cos traballadores do servizo de medioambiente. Ademais, os participantes poderán tamén colaborar na limpeza da illa sur, a única que se atopa comunicada por barco de pasaxeiros.
Así mesmo, os mozos contarán cun programa de actividades complementarias que inclúe snórkel, dinámicas grupais, rotas guiadas, obradoiros, reunións temáticas e educación ambiental. O resto dos campos de traballo nas illas Cíes terán lugar entre o 16 e 27 de xullo; o 2 e 13 de agosto; e o 17 e 28 de agosto.
Os outros 9 emprazamentos onde este verán terán lugar os campos de traballo son: Celanova, Esgos e Muíños, na provincia de Ourense; no campamento Os Chacotes, en Palas de Reis, en Lugo; Boqueixón, Ponteceso e Rois, na Coruña; e Lalín, en Pontevedra.
Entre o 15 e o 31 de xullo, o albergue de Celanova contará cun campo de traballo de carácter audiovisual, onde os voluntarios elaborarán unha curtametraxe.
Tamén en xullo, do 17 ao 28, o campamento Os Chacotes de Palas de Reis acollerá outra destas iniciativas, que estará centrada e dirixida a emprendedores. Nesta ocasión traballarase en novas vías de negocio para os mozos e mozas, colaborando cos novos empresarios da comarca.
Do 16 ata o 30 os voluntarios axudarán a escavar o Castro de Gastrar, en Boqueixón (A Coruña).
O campo de Ponteceso celebrarase do 15 ao 29 de xullo e servirá para axudar a sinalizar o vello camiño que empregaban os mineiros que extraían rutilo e titanio da praia de Valarés, así como a recuperación da figura do escritor e xeólogo Isidro Parga Pondal.
No mes de agosto
En Rois (A Coruña), Coles (Ourense) e Esgos (Ourense) as actividades terán lugar na primeira quincena de agosto. O primeiro é un campo onde os participantes colaborarán con arqueólogos da Universidade de Santiago na escavación do Castro de Socastro.
En Coles desenvolveranse no centro de educación ambiental As Corcerizas e traballarase cos novos modelos de bioconstrución, ademais de realizar labores de vixilancia forestal na Serra de San Mamede.
Na segunda quincena de agosto, os campos de traballo terán lugar en Muíños (Ourense). Serán medioambientais e, entre outras labores, os voluntarios mellorarán as áreas degradadas e os accesos ao parque de Outeiro da Cela.
En Lalín, o albergue Vicente Agulló acollerá voluntarios para realizar patrullas de vixilancia dos montes da comarca do Deza e divulgar a cultura e o patrimonio galego a través da colaboración co Museo Etnográfico "Casa do Patrón".
A excepción do campo de Esgos, todos os demais teñen carácter internacional. Iso significa que mozos e mozas de 19 países diferentes participarán nas actividades galegas.
A eses voluntarios hai que sumar os que proceden doutras comunidades españolas, aos galegos e aos mozos e mozas descendentes da emigración, que tamén teñen prazas reservadas.
A cambio desta prazas, os mozos e mozas galegos poderán asistir ao mesmo tipo de actividades organizadas ao longo do territorio español e en países como Francia, Alemaña, Finlandia, Italia, Países Baixos, República Checa, Portugal e incluso Xapón, México, Corea do Sur e Taiwán. En total ofértanse 89 prazas nas distintas comunidades autónomas e 118 prazas no estranxeiro.
Durante un período de 7 meses, 60 mozos e mozas emprendedores participaron nesta iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Xunta de Galicia
Estes tres proxectos (dos centros de Santiago, Ourense e Vigo) conseguiron unha praza para viaxar a Silicon Valley, ao situarse entre os 33 máis brillantes de toda España
No último trimestre do ano, elixiranse as tres propostas máis destacadas do país, que recibirán unha dotación económica (30.000, 20.000 y 10.000 euros) para colaborar na materialización da súa idea de negocio
O proxecto YUZZ, viveiro de formación e asesoramento para mozos e mozas de 18 a 30 anos con proxectos de base tecnolóxica, desenvolvido en colaboración coa Xunta de Galicia, ten concluído con éxito na súa cuarta edición, permitindo a 60 mozos emprendedores de Galicia traballar na concreción dos seus proxectos empresariais. Entre estes, tres iniciativas galegas foron escollidas entre as 33 máis brillantes de toda España, grazas ao que gañaron unha praza para viaxar a Silicon Valley.
Durante un período de 7 meses, a mocidade con espírito innovador traballou no desenvolvemento de proxectos de negocios que marcarán o futuro tecnolóxico do país. Desta forma, desde o programa YUZZ, xunto co Goberno Galego, buscouse potenciar aínda máis o talento emprendedor da xuventude da comunidade autónoma, unha calidade fundamental para ser competitivos na actual conxuntura económica.
O proxecto YUZZ está concibido como un viveiro de grandes ideas, potenciando a intelixencia colaborativa e poñendo a disposición dos participantes –durante os sete meses de duración do programa- toda a infraestrutura, asesoramento, formación e coñecemento do negocio necesarios para facilitar a viabilidade do seu proxecto
Unha vez finalizado este proceso de desenvolvemento nos centros Yuzz distribuídos por toda España, representantes dos mellores proxectos a nivel nacional foron elixidos para viaxar a Silicon Valley
Ademais, durante o último trimestre do ano os tres proxectos máis brillantes do país recibirán unha dotación económica (30.000, 20.000 e 10.000 euros) para contribuír a facer realidade a súa idea empresarial.
Trala ronda de presentación final dos proxectos celebrados no mes de xuño, membros dos xurados presentes en cada localidade do programa YUZZ seleccionaron aos mellores mozos e mozas emprendedores do país que participaron nesta edición do programa. Representantes dos 33 proxectos máis destacados do país –entre os que se atopan os 3 galegos- viaxarán a Silicon Valley, entre os días 21 e 27 de xullo, para coñecer en primeira persoa o maior núcleo de innovación no eido das novas tecnoloxías.
Os 3 proxectos galegos
Do centro YUZZ de Santiago, o proxecto elixido foi Looar de José Martínez Teira. Looar desenvolve solucións baseadas na tecnoloxías NFC (Near Field Communication) para a creación de cidades intelixentes e marketing interactivo, así como para o desenvolvemento de aplicacións NFC de propósito xeral.
Esta iniciativa ten como obxectivo principal o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que simplifiquen e optimicen tarefas rutinarias ou cotiás mediante o uso da tecnoloxía NFC, unha tecnoloxía estándar internacional para o intercambio de datos de forma inalámbrica, presente a día de hoxe na grande maioría de smartphones e tablets de gama media-alta, que permite que a información poida estar contida dentro de pegatinas que non precisan alimentación nin instalación e que se poida extraer simplemente cun móbil (http://looar.es).
No centro de Ourense, a iniciativa que conseguiu unha viaxe a Silicon Valley foi a de David Sequeiros Ribao e José Luis Peña García, grazas a Wiimbo. Wiimbo é unha plataforma en liña que creará unha rede de bares e pubs xeolocalizados e clasificados por estilos musicais e ambiente. Desta forma, os usuarios buscarán o local que máis se adecúe aos seus gustos comodamente. Unha vez alí, a través dos seus smartphones, poderán elixir e votar democraticamente as cancións que queiran escoitar. Por outra parte, os bares e pubs terán a capacidade de fidelizar aos seus clientes e de realizar accións promocionais a través da propia plataforma.
Ademais, Wiimbo podería chegar a ser unha ferramenta reguladora para que os artistas poidan reclamar os seus dereitos de forma máis xusta. (http://wiimbo.com/es)
Por último, no centro YUZZ de Vigo, o recoñecemento recaeu na iniciativa de Adrián Rubén Dogar, co proxecto SMAB. Baséase na creación dun libro audio interactivo, unha ferramenta tecnolóxica que terá aplicacións educativas, culturais e sociais, alternativas ao libro tradicional ou ao electrónica.
Ante o exceso de información, é necesario contar cunha maneira eficaz de asimilar e dixerir máis contido internacional e cultural, por iso o proxecto SMAB ten creado unha ferramenta tecnolóxica con seis compoñentes (dúas aplicacións nativas, un formato de arquivos, dos API’s e unha aplicación web), que terá múltiples aplicacións educativas, culturais e sociais.
SMAB proporciona experiencia aumentada que mellora a lectura e facilítaa a través das súas funcións como o temporizador, o son de fondo ou os marcadores de usuario.
Primeira edición en Galicia
Esta foi a primeira edición do programa que se celebra en Galicia, aínda que o programa arrancou en 2009. Desde o seu inicio, foi medrando e agora ten presenza en 33 cidades de España. Durante a duración do proxecto, ponse a disposición dos seleccionados o soporte necesario para desenvolver a súa idea no mercado; unha rede de expertos, formación empresarial, asesorías e titorías personalizadas; unha plataforma de traballo colaborativo en liña, e o soporte administrativo e xurídico necesario en caso de que a súa idea poida materializarse.
Mozos e mozas galegos participan este verán nos campamentos de intercambio con outras comunidades autónomas, que contan con 173 prazas. Os que elixiron esta modalidade dentro da Campaña de Verán asisten a campamentos no País Vasco, Castela e León, Estremadura, ou A Rioxa.
No país Vasco, os intercambios son no Mosteiro-Albergue de Barria, no Albergue Illa de Zuhatza e no albergue catedral de Vitoria-Gasteiz. O primeiro é un edificio cisterciense do século XII, situado ao pé da Serra de Urkilla. Os participantes contarán con piscina, iniciación hortícola, xogos, obradoiros medioambientais, excursións, actividades de deporte-aventura como escalada, tirolesa, tiro con arco, descenso de barrancos e/ou espeleoloxía.
O segundo campamento no País Vasco está situado nunha illa do encoro Ullibarri-Gamboa e teñen actividades de piragua, windsurf, pedalóns, remo, xogos e obradoiros. Por último, o campamento en Vitoria está pensado para mozos e mozas con inquedanzas musicais, xa que as actividades xiran ao redor da música rock.
En Castela e León a oferta de intercambios é no Albergue xuvenil Navarredonda de Gredos, onde se fomentará o desenvolvemento da conciencia ecolóxica a través de actividades relacionadas coa práctica hortícola e obradoiros relacionados con “disciplinas verdes”. Ademais, os participantes poderán facer rápel, tirolesa, escalada, parque de cordas, rutas BTT, vivaqueo ao raso ou refuxio
En Estremadura os intercambios faranse no Campamento xuvenil “Emperador Carlos V”, no Val do Xerte. Os participantes atoparán actividades de multiaventura, aire libre e itinerarios medioambientais, trekking e rutas, excursións, visitas de interese cultural, obradoiros, animación, xogos e veladas.
Por último, na Rioxa os intercambios faranse no Albergue Xuvenil Molino Viejo, en Ezcaray. As actividades xiran ao redor dunha aula da natureza e aventura, con tiro con arco, piragüismo, rápel e escalada, paseos a cabalo , excursións e actividades culturais. Os participantes poderán familiarizarse co inglés xa que se utilizará este idioma nalgunha actividade.
Mozos e mozas desas comunidades tamén virán a Galicia para participar nos nosos campamentos
A iniciativa desenvólvese en dúas modalidades, unha de actividades ao aire libre e outra en campos de traballo
Os primeiros participantes do programa ‘Conecta con Galicia’, iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, chegaron xa a Galicia, onde terán oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega, e atoparse cos seus familiares da outra beira do Atlántico.
Trátase dun programa que ten como obxectivo fornecer esas ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel ca países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.
Así, o programa permitirá que 177 descendentes de cidadáns galegos poidan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana cos seus coetáneos desta parte do océano.
Actividades de aire libre
‘Conecta con Galicia’ desenvólvese en dúas modalidades. A primeira delas son actividades de aire libre, modalidade da que se beneficiarán 157 mozos e mozas galegos residentes fóra de Galicia, distribuídos en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos. Compartirán con mozos e mozas residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días, do 1 ao 12 de xullo e do 15 ao 26 de xullo, as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia e dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar.
Nestas instalacións realizarán dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, os participantes aloxaranse nas residencias xuvenís Lug II de Lugo, e Florentino López Cuevillas de Ourense, onde participarán en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorrerán o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvólvese baixo o paraugas do epígrafe O mar de Galicia, no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña) onde realizarán actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.
Campos de traballo
A segunda modalidade son os campos de traballo, para os que se teñen convocado 20 prazas, para participantes con idade comprendidas entre os 18 e 30 anos. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da cultura galega, da mellora ambiental da contorna, e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico, mediante a intervención arqueolóxica, a sinalización de antigos camiños mineiros, as actividades formativas de bioconstrución, as tarefas audiovisuais, actividades de restauración, sinalización e elaboración de letreiros, reforestacións, información e sensibilización en temas medio ambientais, etcétera.
Ademais do traballo, ofrécese un programa con actividades de convivencia, de animación, de lecer e tempo libre que se desenvolveran entre os meses de xullo e agosto. Os 20 descendentes de emigrantes farán uso dos 9 campos de traballo espallados pola ampla xeografía galega: Castro de Gastrar en Boqueixón, Socastro en Rois, Conciencia do noso pasado en Ponteceso (na provincia da Coruña); As Corcerizas en Vilar de Barrio, Audiovisual Galego en Celanova, Vilar de Ordelles en Esgos, e Natureza Viva en Muíños (provincia de Ourense); e, por último, Illas Cies en Vigo e Tradición en Verde (provincia de Pontevedra).
Solicitantes
Neste ano recibíronse 365 solicitudes para este programa. Foron Arxentina, con 226 solicitudes, e Uruguai, con 74, os países que mais o demandaron. Unha vez aplicado o baremo establecido na resolución da convocatoria, vanse beneficiar da mesma 102 rapaces e rapazas de Arxentina, 39 de Uruguai, 23 de Venezuela, 6 de Brasil, 4 de México e 3 de Cuba.