En portada (1129)

A Consellería de Traballo e Benestar entende que para lograr unha verdadeira participación da xuventude nos diferentes ámbitos da sociedade actual é fundamental promover actuacións e canles dirixidas a garantir o acceso a unha información ampla e actualizada dirixida á xuventude e facilitar o acceso da mocidade na utilización das novas tecnoloxías, prestándolles apoio ás accións que neste sentido emprendan os concellos dentro da súa competencia e ámbito territorial.

Igualmente, considérase necesario apoiar os concellos nas actuacións que leven a cabo no campo da potenciación do asociacionismo xuvenil e a utilización adecuada do tempo de lecer así como actividades cun claro compoñente formativo.

Mais Información: Anexo en documento o DOG do 5 de maio de 2010
feijoogolO titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, presidiu o acto de adhesión do apoio do Goberno galego á Campaña Mundial: 'Un gol pola Educación'. Na súa intervención, quixo felicitar e agradecer a todos aqueles que fan posible esta iniciativa. "Gracias por facernos reflexionar sobre a existencia do mundo no seu conxunto e por facernos transcender da vida cotiá para saber que hai outras realidades e zonas de extraordinaria necesidade nas que, ademais de poder vivir, o que se pretende é saber ler e escribir".

Feijóo amosouse convencido "de que todos unidos podemos marcar un gol pola formación, pola educación e polo coñecemento. Marcar un gol pola educación é marcar un gol pola liberdade e polo benestar; un gol pola educación significa gañar á inxustiza, gañar á desigualdade e gañar á insolidariedade".

O mandatario galego lembrou que, baixo o obxectivo dunha Educación para todos, o Goberno galego está a levar a cabo varias iniciativas entre as que destacou numerosos proxectos de educación en 10 países de América latina e de África; e comprometeuse, amais, a que "todo o que a Xunta faga en cooperación priorizalo na educación e na saúde".

Para o titular do Executivo galego, as cifras son concluíntes e falan por si soas: 72 millóns de nenos e nenas sen escolarizar; máis dun terzo de escolares abandonan o colexio antes de acabar o ciclo de primaria; e 800 millóns de adultos non saben ler ou escribir.

Diante deste panorama, afirmou que "os datos esíxennos máis e actuar xuntos" e animou á toda a sociedade a que subscriba este compromiso "para que calquera rapaz, en calquera parte do planeta, poida acceder a unha educación de calidade; e para que poida ser médico, enxeñeiro, futbolista, profesor ...".

Segundo Feijóo todos podemos contribuír a cambiar esta realidade desde unha postura decidida e comprometida. "En tempos de crise e de escaseza sempre hai un euro que sobra, un café que non é necesario, algún xoguete, algunha chamada ou mensaxe innecesarias; en tempos de escaseza todos temos que priorizar e o investimento en educación é unha prioridade non só política senón persoal e social".

Por último, o titular da Xunta lembrou que a educación é a palanca da liberdade "xa que non existe -subliñou- a posibilidade de elixir sen saber o que un elixe". "Non existe a liberdade plena sen unha formación e educación plena", concluíu.

A inclusión social e o emprego xuvenil abordaranse en todas as actividades previstas durante a presidencia europea.
En xaneiro de 2010 España asumiu a presidencia do Consello da UE, durante o primeiro semestre, e dentro das súas prioridades atópase a inclusión social das e dos mozos en estreita relación co tema do emprego. É necesaria unha estratexia de inclusión social que incida nunha maior autonomía da mocidade, maior mobilidade, máis oportunidades e máis implicación na construción da cidadanía europea.
Calendario de actividades previsto:

  • Do 10 ao 12 de Marzo. En Toledo. Reunión de Axencias Nacionais do Programa da Comisión Europea "Mocidade en Acción" (Business Meeting).
  • Do 13 ao 15 de Abril. En Jerez de la Frontera (Cádiz). Conferencia de Mocidade da Unión Europea "Emprego novo como unha ferramenta de inclusión social".
  • Día 15 de Abril. En Jerez de la Frontera (Cádiz). Reunión de Directores Xerais de Mocidade da UE e de responsables de mocidade de América Latina.
  • Do 7 ao 9 de Maio. En Madrid. Foro de Mocidade UE-América Latina e o Caribe, en Madrid.
  • Día 11 de Maio. En Bruxelas. Consello de Ministros/as de Mocidade.
  • Días 3 e 4 de Xuño. En Madrid. Seminario de Mocidade.
  • Días 17 e 18 de Xuño. En Tenerife (Canarias). Conclusións do Grupo de Mocidade.

Máis información en : www.injuve.es

Máis de corenta universidades de todo o mundo impulsan a proxección exterior da lingua e da cultura galegas a través dos centros de estudos galegos. É o caso do Centro de Estudos Galegos da Universitat de Barcelona, que estes días se sumará á celebración do Día das Letras Galegas cunha exposición bibliográfica sobre o autor homenaxeado neste ano 2010. A mostra, titulada Uxío Novoneyra e a poesía experimental en Galicia, pode verse dende hoxe ata o día 21 na Biblioteca General desta universidade.

Esta semana, a cidade de Bos Aires tamén reivindicou a importancia das linguas no mundo a través das Xornadas sobre Diversidade Lingüística e Diálogo Intercultural, organizadas na Facultade de Filosofía e Letras desta cidade, coa colaboración da Cátedra de Estudos Galegos. Mentres, o Centro de Estudos Galegos de Lisboa promoveu a mostra de documentais Olhares da fronteira, que ofreceu diferentes visións sobre a fronteira entre Galicia e Portugal a través dos traballos Galegos de cá e lá e Mulleres da raia.

O cine en galego viaxa ata Romanía
O audiovisual en galego tamén será o protagonista noutra universidade que non se atopa na rede de centros de estudos galegos. Trátase do caso de Vest, en Romanía. Por primeira vez, esta universidade organiza _entre mañá e o martes_ un ciclo de cinema no que estará presente, xunto co portugués e mais co brasileiro, o audiovisual galego e en galego. Será a través do filme O lapis do carpinteiro, baseado na obra homónima do escritor Manuel Rivas.

A proxección internacional da lingua e da cultura galegas
Os centros de estudos galegos desenvolven un amplo e variado programa de actividades no que, ademais do piar fundamental que constitúe o labor docente, teñen cabida diversas actividades, como conferencias, recitais, ciclos de cinema e de banda deseñada ou iniciativas para conmemorar o Día das Letras Galegas.

Co seu labor diario, os centros de estudos galegos facilitan a proxección internacional e o coñecemento da lingua e da cultura galegas entre o público universitario, mais as súas iniciativas tamén chegan á cidadanía en xeral.
O grupo compostelán integrado por acordeón, saxo e batería fixo un folk distintivo que levou ó xurado a darlle o premio de 1.500 euros en metálico. Enorme nivel musical nesta gala da décima edición que se celebrou o pasado venres pola noite nun Teatro Principal ateigado de público. O concurso foi organizado conxuntamente polo Grupo Correo Gallego e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo de Benestar.

Tras unha votación enormemenre reñida tal e como é habitual, o grupo compostelán Vou Trío, de Santiago alzouse no Teatro Principal de Santiago coa vitoria na gala final do X Certame Folk Radio Obradoiro, que lles deu un premio en metálico de 1.500 euros, no concurso organizado conxuntamente polo Grupo Correo Gallego e pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo de Benestar.

Ante un aforo ateigado de público, o acto foi conducido por Paulo Gacio -director e presentador do programa radiofónico En clave de folk, da emisora compostelá- e Sandra Romero, os vencedores interpretaron tres temas basados nunha nova concepción do folk e obtiveron o fallo favorable do xurado que estivo integrado polo crítico musical Óscar Losada; Patricia Hermida, da productora Maré; Ramón Feáns, integrante de Ophiusa; Roi Casal, antigo arpista de Milladoiro e Patricia López, membro de Coanhadeira, gañador da pasada edición.

Como é habitual, a final estivo moi reñida pola enorme calidade dos catro grupos seleccionados, que fixeron gala dun directo distinto Atamais, de Verín; cunha fusión de outras musicas; Keympa, de Barcelona; cunha posta en escea extraordinaria que levantou moitísimos aplausos entre o público; a Patriband Folk Orllestra de Asturias, que tamén aportou o seu concepto do folk e, por suposto os Vou Trío de Santiago cun inusual terceto de acordeón, batería e saxo que reventaron o Teatro Principal cos aplausos. Máis que en ningunha outra ocasión, o certame abriuse a fora de Galicia o que, dalgún xeito, mostra a súa definitiva consolidación como referencia do folk no noroeste peninsular.

Neste sentido, Paulo Gacio, un dos principais artífices dixo que este certame que chega a súa décima edición, responde a un proxecto que se marcou como obxectivo hai unha década apostar pola música de raíz.

Gacio agradeceu, en nome da organización os apoios que recibeo o certame nesta edición. Cito, neste sentido, á Dirección Xeral de Difusión da Cultura, o Concello de Santiago, a xa citada Dirección xeral de Xuventude, coorganizadora do certame, e firmas comerciais como Estrella Galicia, Amboa Cerámica ou Pazo Valdoviño, entre outros.


TELEVISADA
A gala, o luns íntegra en Correo TV
O certame naceu do programa En clave de folk que se sigue a emitir máis dunha década despois da mán de Paulo Gacio. A gala de onte tal como ven sendo habitual nas últimas edicións será emitido verse o luns por Correo TV, a cadea do Grupo Correo Gallego que onte gravou íntegro o concurso musical, nun programa especial con entrevistas ós grupos e que recollerá todas as actuacións e o momento das votacións.
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado entregou no albergue de Gandarío (Bergondo) os diplomas que acreditan aos equipos gañadores en Galicia do concurso Euroscola 2009, organizado polo Parlamento Europeo.

O xogo desenvolveuse a través da páxina web www.euro-scola.es . O seu obxectivo principal é informar á mocidade do proceso de integración europea, así como estimular a súa participación activa na construción da Unión. No plano didáctico o concurso tamén fomentou o uso de Internet como ferramenta educativa e a práctica do inglés. Nesta iniciativa participaron 35 institutos de secundaria de Galicia e 350 alumnos de entre 15 e 18 anos.

Nas tres etapas nas que estaba dividido o xogo, os participantes tiveron que superar probas individuais e colectivas para obter o maior número de puntos posibles que os permitisen acceder ás diferentes fases. As linguas do concurso foron o castelán -para as relacións con outros grupos das diferentes comunidades españolas- e o inglés, xa que os integrantes no xogo tiveron que integrarse en comisións parlamentarias simuladas nas que o idioma utilizado era o inglés ou o francés.

Os tres grupos de traballo galegos que acadaron unha maior puntuación final foron do mesmo centro de ensino, o IES Perdouro de Burela (Lugo). Como recompensa ao esforzo efectuado a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado organizou entre o 27 e o 30 de setembro nas instalacións de Gandarío tres xornadas de intensas actividades lúdicas e deportivas para os integrantes dos tres equipos. Tamén participaron a totalidade dos alumnos da clase do primeiro clasificado.
A Xunta e o Concello de Coruña presentaron o convenio que permitirá construír un local de ensaio na Pobra do Caramiñal.

O delgado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, acompañado polo Director Xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, presentaron na Pobra do Caramiñal o convenio que permitirá a construción dun local de ensaio para grupos musicais neste municipio. O acto tivo lugar na Casa Consistorial ás 13:30 horas e tamén asistiu o alcalde, Isaac Maceira.

.Este acordo entre a administración autonómica e o concello da Pobra permitirá iniciar este ano as obras de ampliación, reforma e acondicionamento dun inmoble municipal situado no Camiño Ancho, no lugar de A Figueira. O proxecto tamén contempla o equipamento e insonorización do local.

O orzamento para esta actuación é dun total de 142.966 euros, que sufragará directamente a dirección xeral de Xuventude e Voluntariado da consellería de Traballo e Benestar a través de 3 anualidades. Este mesmo ano libraranse neste concepto 53.250 euros. En 2010 serán aportados 62.514 e en 2011 27.202 euros.

A dirección xeral de xuventude conta cunha rede de 17 locais de ensaio para grupos musicais distribuídos por toda a xeografía galega. Contan con este tipo de instalación A Guarda, Boiro, Lalín, Pontedeume, Ribadeo, Tui, Arzúa, Vigo (Candeán), Monforte, Pontevedra, Ribas de Sil, Vilagarcía, Betanzos, Carballo, Mugardos, Redondela e Santiago.

Máis info sobre os locais na páxina de nsaio.
Os orzamentos de 2010 da Xunta reservan un incremento do 50% na partida destinada a sufragar as accións organizadas polos colectivos impulsados polos mozos e mozas de Galicia. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, apelou hoxe á necesidade de que "as administracións non exerzan tutelas innecesarias que coarten a creatividade propia das accións xuvenís" nun encontro que mantivo cos estudantes da residencia xuvenil de Altamar de Vigo

A Consellería de Traballo e Benestar apostará por potenciar a creación de asociacións xuvenís e a subvención das súas actividades. Así o confirmou hoxe o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, nunha mesa debate que compartiu cos estudantes da residencia xuvenil de Altamar, en Vigo.

Neste sentido, Rodeiro afirmou que os orzamentos de 2010 da Xunta de Galicia reservan un incremento do 50% na partida destinada a sufragar actividades organizadas polas asociacións xuvenís, sempre e cando os actores principais sexan os propios mozos e mozas.

A este respecto, o responsable autonómico de Xuventude e Voluntariado apelou á necesidade de que "as administracións non exerzan tutelas innecesarias que coarten a creatividade propia das accións xuvenís".

Ovidio Rodeiro estivo acompañado no acto pola directora da residencia, Teresa Prat, e a responsable da Oficina Transfronteiriza de Información Xuvenil de Tui. Esta última explicou o funcionamento das instalacións aos estudantes e repartiu folletos do programa de Formación na Xestión de Empresas e Ideas Empresariais.

No acto participaron os estudantes da residencia xuvenil de Altamar, unhas instalacións que dispón de 94 prazas e xestiona a Consellería de Traballo e Benestar.

O director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, e o director-xerente da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, presentaron esta mañá o programa de voluntariado de cara ao Ano Xubilar.  Rodeiro anunciou, ademais, o primeiro programa de voluntariado internacional para este evento, campos de traballo relacionados co Camiño de Santiago e un proxecto de voluntariado sanitario.

A Xunta porá en marcha puntos fixos de información nas zonas con máis afluencia dos Camiños.
Todos os participantes recibirán formación específica antes de desenvolver as súas tarefas, para ofrecer unha atención ampla e técnica.

O prazo para inscribirse no voluntariado local comeza o 15 de xaneiro.
Voluntarios galegos, doutras comunidades, xunto con europeos e doutros continentes participarán no Xacobeo grazas ao programa de voluntariado posto en marcha pola Dirección Xeral de Xuventude, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, e pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Todos eles prestarán os seus servizos, por primeira vez, nos nove Camiños.

Así o explicaron hoxe o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, durante o transcurso dunha rolda de prensa. Ambos destacaron o importante papel que desenvolven os voluntarios.

En concreto, Rodeiro sinalou que este programa é un dos plans de voluntariado máis ambiciosos, e apuntou que, por primeira vez, os campos de traballo se sumarán a iniciativa, así como o voluntariado lingüístico con participantes de 19 países.

Pola súa banda, Santos fixo fincapé no importantísimo labor que desenvolven aos voluntarios, xa que o seu traballo será fundamental para que todos aqueles que nos visiten leven consigo unha inmellorable imaxe de Galicia.

No que se refire aos detalles do plan, o director de Xuventude anunciou que o próximo 15 de xaneiro ábrese o prazo para que todos os que estean interesados poidan inscribirse no programa de voluntariado local do Xacobeo, que estará por primeira vez nos nove Camiños de Santiago.As tarefas que desenvolverán os participantes serán, basicamente, informativas, culturais e de enlace dos peregrinos con outros organismos e persoas.

Rodeiro detallou que este programa levará a cabo distintas actividades a desenvolver ao longo do Ano Xubilar. En concreto, fixo referencia ao voluntarios locais, aos campos de traballo no Camiño, ao voluntariado sanitario e ao proxecto Eu Camiño.