O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na I Xornada de limpeza de praia “Memorial Suso Pais”, organizada polos voluntarios do club “Os Petóns”
Esta iniciativa estenderase a outras zonas dos arredores e nela colaboran a Xunta, o concello de Muros, así como diversas asociacións e empresas privadas do contorno
Rodeiro destacou que o fomento do voluntariado corporativo é un dos obxectivos máis ambiciosos do III Plan galego de acción voluntaria 2011-2014
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado colabora desde hoxe na I Xornada de Limpeza de praia “Memorial Suso Pais”, que organizan os voluntarios do club de actividades subacuáticas “Os Petóns”.
O director de xuventude e voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe nesta iniciativa que ten como obxectivo retirar da praia de Area Maior e do seu contorno todo o material biodegradable e concienciar aos veciños da importancia de manter o medio ambiente libre de elementos que lle son estraños.
Durante as seguintes fins de semana, esta iniciativa estenderase tamén a outras praias da zona e ao Porto de Muros. Nestas xornadas colaboran –ademais da Consellería de Traballo e Benestar-, o concello de Muros, e as asociacións As Lobeiras, Canle e Rumial, así como empresas privadas con forte implantación na zona.
Ao respecto da colaboración destas empresas, Rodeiro indicou que iniciativas como a de hoxe veñen a dar cumprimento a un dos obxectivos “máis ambiciosos” do III Plan galego de acción voluntaria 2011-2014, que é o fomento da acción voluntaria corporativa, implicando a empresas e aos seus traballadores en proxectos de voluntariado.
“Trátase de construír un modelo de participación onde todas as persoas, e tamén as empresas, teñan a posibilidade de facer a súa achega voluntaria co obxectivo de participar nunha sociedade máis xusta e equitativa”, resaltou Rodeiro. Deste xeito, as empresas “teñen a oportunidade de canalizar o seu potencial a través de entidades de acción voluntaria, e estas teñen máis recursos e oportunidades para desenvolver os seus proxectos”. Polo tanto o director xeral concluíu que, finalmente, destas accións os grandes beneficiados son os veciños das comunidades onde se desenvolven.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe no obradoiro celebrado na localidade coruñesa e que estivo centrado nas axudas que as administracións ofertan para a mocidade
Esta iniciativa oferta 141 cursos por toda Galicia e están dirixidos a máis de 5.000 mozos
O plan consta de 4 modalidades enfocadas a temas de especial interese para a mocidade, como son as habilidades para a busca de emprego; a participación e o asociacionismo; os recursos existentes para mozos e mozas; e a formación centrada na oratoria
Persoal da Rede Galega de Dinamización Xuvenil impartirá os obradoiros que foron deseñados, escollidos e planificados en colaboración con técnicos municipais e responsables de Espazo Xove
Os destinatarios son menores de 30 anos, técnicos locais de emprego, animadores xuvenís, concelleiros de xuventude, asociacións, grupos informais e, en xeral, calquera colectivo interesado no eido da mocidade
O programa Activa da Consellería de Traballo e Benestar desprazouse hoxe ata Coristanco, onde un grupo de mozos e mozas participaron nun obradoiro centrado nas axudas e subvencións que as administracións teñen a súa disposición. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou na iniciativa e explicou que Activa permitirá a formación de máis de 5.000 mozos e mozas por toda Galicia en temas de especial interese para este colectivo. En concreto, ofértanse 141 cursos e obradoiros que terán lugar ata o mes de novembro.
Persoal da Rede Galega de Dinamización Xuvenil percorrerán, deste xeito, concellos e comarcas das catro provincias desenvolvendo estas xornadas que inclúen catro tipoloxías de formación que tentan abranguer cuestións transversais e de interese para a mocidade galega.
A primeira das catro modalidades, segundo explicou Rodeiro, leva por título ‘Mediación xuvenil para a participación’, que se centra na formación en competencias sobre xestión e funcionamento interno de entidades xuvenís e na difusión de elementos que potencien o asociacionismo e a participación da mocidade.
A divulgación de recursos para a mocidade galega será o tema clave da segunda tipoloxía de cursos que se levarán a cabo a través do programa ‘Activa’. Así, ‘Programas e axudas para mozos e mozas’ procurará amosar aos mozos e mozas qué oportunidades e medios teñen á súa disposición sobre temas como a vivenda, mobilidade, voluntariado, asociacionismo, emprego ou bolsas e axudas. Sobre esta temática versou hoxe o obradoiro impartido en Coristanco.
O terceiro curso que se impartirá, ‘Comunícate’, versará sobre a importancia de saber transmitir e comunicarse con eficacia. O obradoiro centrarase en descubrir as claves comunicativas fundamentais para enfrontarse con solvencia ás necesidades de cada día.
Por último, ‘Emprégate’ terá como finalidade mellorar a empregabilidade da mocidade, achegando as ferramentas axeitadas para atopar un emprego. “Pretendemos que os participantes acaden unha idea clara do mercado laboral, cáles son as oportunidades dispoñibles en momentos de crise, cómo elaborar un currículum ou enfrontarse a unha entrevista de traballo”, apuntou. Nesta iniciativa, ademais, descubrirán o programa ‘Emprende’ da Dirección Xeral de Xuventude.
Beneficiarios dos cursos
Os destinatarios destas xornadas serán os menores de 30 anos, técnicos locais de emprego, animadores e animadoras xuvenís, concelleiros e concelleiras, asociacións e grupos informais, aínda que están abertos a calquera colectivo interesado no eido da mocidade.
Para consultar as datas e lugares de realización destes obradoiros, os interesados poden consultar máis información na páxina web www.xuventude.net.
Por último, o director xeral animou á xuventude de Coristanco e da comarca de Bergantiños a unirse e asociarse para poder dispoñer de máis oportunidades de axudas a proxectos liderados por mozos e mozas. Neste sentido, Ovidio Rodeiro dixo que o asociacionismo xuvenil está revitalizándose, xa que tras anos de descenso no número de asociacións xuvenís, nos últimos tres anos (2009, 2010 e 2011) creáronse un total de 45 novas entidades en Galicia, o que supón un incremento do 60,7% con respecto ao mesmo período anterior (nos anos 2006, 2007 e 2008 só se constituíron 28 asociacións xuvenís).
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na recepción no concello de Santiago destes participantes
Os mozos e mozas proveñen de Rusia, Ucraína, Moldavia, Italia, Portugal e de España
Ao longo de 2011, máis de 2.300 persoas puideron beneficiarse dos programas de mobilidade postos en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar
Un total de 30 mozos e mozas europeos están a avaliar en Santiago de Compostela, desde o pasado 13 de maio e ata o próximo día 20, a situación do voluntariado como experiencia de solidariedade nos distintos países dos que proceden. En concreto, os participantes proveñen de Rusia, Ucraína, Moldavia, Italia, Portugal e de España.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na recepción destes mozos e mozas no concello de Santiago. Trátase dunha iniciativa organizada pola Consellería de Traballo e Benestar, enmarcada no programa europeo “Xuventude en acción”.
Neste sentido, cabe lembrar que ao longo de 2011 máis de 2.300 mozos e mozas galegos beneficiáronse dos programas de mobilidade postos en marcha por este departamento autonómico. Destes, un total de 1.300 participaron no programa “Xuventude en acción”, tanto nos 54 proxectos que se desenvolveron en Galicia como nos 13 intercambios no estranxeiro.
O obxectivo do Goberno galego é apoiar os programas de mobilidade, dado que constitúen unha importante experiencia de aprendizaxe non formal e que impulsan a participación da xuventude na sociedade. Ao mesmo tempo, permiten aos participantes completar a súa formación.
Por outra banda, con respecto á temática deste intercambio en concreto, é preciso recordar que o Goberno galego está a dar un importante impulso ao eido do voluntariado e da solidariedade. Neste sentido, a Xunta puxo en marcha en 2011 o Servizo de Voluntariado Xuvenil.
Trátase dunha iniciativa pioneira que se basea na creación en paralelo de dúas bolsas complementarias: unha de proxectos de voluntariado, e outra cos mozos e mozas que desexan incorporarse como voluntarios. Para consolidar este proxecto, este ano triplícase o orzamento destinado a este fin ata chegar aos 210.000 euros. Deste xeito, permitirase que máis de 1.000 mozos e mozas se incorporen a proxectos de voluntariado, e realicen 60.000 xornadas de acción voluntaria.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe en Padrón na presentación da iniciativa privada que percorrerá entre maio e agosto un total de 9 cidades galegas
Rodeiro destacou que este ano adheríronse ao carné xove un total de 179 novos establecementos de Galicia
En 2011, a área autonómica emitiu un total de 29.257 carnés chegando na actualidade ata os 50.574 titulares
Os mozos e mozas galegos que posúan o carné xove poderán acceder a descontos de ata o 30 por cento para a xira galega de karting, que se celebrará de maio a agosto en 9 cidades galegas.
O responsable da área autonómica participou hoxe en Padrón na presentación desta iniciativa privada que ten como obxectivo ofertar aos mozos e mozas galegas a oportunidade de iniciarse no mundo do motor a través do karting.
Rodeiro destacou que o carné xove xa conta na actualidade con 50.574 titulares e explicou que este ano, ademais, adheríronse a este programa 179 novos establecementos de toda a xeografía galega. En 2011, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado emitiu un total de 29.257 novos carnés.
O responsable da área autonómica indicou que través deste carné, os mozos e mozas poden obter descontos nunha ampla gama de servizos, como transportes, espectáculos, compras, aloxamentos, actividades culturais ou de lecer e tempo libre, tanto na nosa Comunidade autónoma como no resto de rexións españolas e na maioría de países europeos. En concreto, Rodeiro apuntou que a mocidade galega pode acceder aos beneficios que se ofrecen en 40 países europeos nun número de establecementos que rolda os 100.000 en toda España, dos que 2.000 están ubicados en Galicia.
Ademais, os titulares do carné xove poden acceder a descontos en todos os programas e actividades que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, como son os campamentos, Roteiros para a xuventude ou Xuventur.
Neste senso, o director xeral resaltou que ao longo de 2011 efectuáronse descontos do 25% en dez programas da área autonómica e aforros do 6 por cento nos cursos de idiomas no estranxeiro.
Así mesmo, Rodeiro comentou que, como novidade deste ano, a través da web http://xuventude.xunta.es fixéronse sorteos semanais entre os titulares do carné, que permitiron a un total de 35 mozos e mozas, acceder ou participar gratuitamente en actividades como eventos musicais; danza; monólogos; cine; espectáculos; teatro e deportes.
Como obter o carné xove
Os mozos e mozas de 12 a 30 anos, ambos inclusive, interesados en obter este documento de uso persoal e intransferible só teñen que cubrir un impreso de solicitude, acreditando a identidade co DNI ou pasaporte, pagar 6 € mediante o impreso de taxa e achegarse a calquera das oficinas expendedoras do carné xove: servizos de xuventude e voluntariado provinciais; oficinas locais de Ferrol e Pontevedra; Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil de Santiago de Compostela; as oficinas municipais de información xuvenil; casas da xuventude e algunhas oficinas de Novagaliciabanco.
O carné ten unha vixencia de 2 anos a partir da data de expedición (e sempre sen superar os 30 anos, inclusive) e inclúe un seguro gratuíto.
Ademais, os posuídores do carné xove contan cun seguro de balde que cubre o maior número de continxencias posibles nos desprazamentos para poder facer fronte aos imprevistos que poidan xurdir nas viaxes.
Outros tipos de Carné
Por último, Rodeiro apuntou que a Dirección Xeral de Xuventude a través das súas oficinas expendedoras emitiu outro tipo de carnés como o de alberguista dos que se expediron un total de 1.981, nas súas distintas modalidades (1.372 xuvenil, 522 adulto, 35 grupo, 62 familiar e 1 estranxeiro). Este carné recoñecido internacionalmente é válido para utilizar en todos os albergues nacionais e estranxeiros. Para a súa expedición só é necesario a presentación do DNI ou pasaporte e abonar o seu importe (xuvenil 5€, adulto 12€, grupo 15€ e familiar 24€). Ten unha validez dun ano dende a data de emisión.
Emitíronse tamén un total de 2.302 ISIC (Carné Estudante Internacional), 489 TEACHER (Carné Internacional de Profesor) e 84 FIYTO (Carné Internacional para non estudantes).
O ISIC é o único carné de estudante recoñecido internacionalmente. Cada ano máis de 4,5 millóns de estudantes de 120 países utilízano para aproveitar ofertas de viaxes, compras e museos arredor de todo o mundo
O TEACHER e para profesionais da ensinanza a tempo completo e, pola súa banda, o FYTO está destinado para calquera persoa maior de 12 anos e menor de 26 anos, que non sexa estudante.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participaron hoxe no acto de apertura das novas instalacións
O local de ensaio, que está insonorizado e equipado con instrumentos, garantirá o acceso gratuíto de todos os novos grupos da Eurocidade, tanto galegos como portugueses
A iniciativa enmárcase no programa europeo Eurocidade Chaves-Verín a través do que se financian diversas actividades de cooperación transfronteiriza
Máis de 1.000 mozos e mozas beneficiáronse ata o de agora das actuacións deste proxecto que están centradas na creatividade, formación, cultura e emprendemento
As localidades de Verín e Chaves dispoñen desde hoxe dun novo local de ensaio e unha oficina de información xuvenil transfronteiriza que poderán utilizar os mozos e mozas galegos e portugueses. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participaron hoxe no acto de apertura das novas instalacións que veñen de poñerse en marcha a través do programa europeo Eurocidade Chaves-Verín.
O local de ensaio, que está insonorizado e equipado con instrumentos, garantirá o acceso gratuíto e en igualdade de condicións de todos os novos grupos musicais da Eurocidade, tanto galegos como portugueses. Pola súa banda, a oficina de información xuvenil pasará a formar parte dos servizos comúns que ofrecen estas dúas localidades, formando parte das redes do resto de oficinas de información xuvenil existentes tanto en Galicia como no norte de Portugal.
Rodeiro destacou que as dúas iniciativas enmárcanse no programa Eurocidade Chaves-Verín que financia diversas actividades novidosas, xa que sinalou que “se trata dunha nova concepción de cooperación transfronteiriza”. O obxectivo, segundo comentou o responsable da área autonómica, é servir de plataforma para favorecer e apoiar a mobilidade, interacción e colaboración entre a mocidade galega e portuguesa. “O que pretendemos é contribuír desta forma á integración e cohesión socio-cultural da Eurorrexión Galicia-norte de Portugal e fomentar un espazo propio para a xuventude que exerza como punto referente informativo e asesor en temas de emprendemento, emprego, cultura, lecer creatividade ou formación”, sinalou.
Ata o de agora máis de 1.000 mozos e mozas beneficiáronse das actividades que forman parte deste proxecto. Así, as actuacións de Xuventude permitiron, por exemplo, que máis de 50 mozos participaran en cursos de lingua portuguesa orientados á actividade profesional e cos que se pretende ampliar as posibilidades curriculares da mocidade, mediante a adquisición de competencias lingüísticas que lles permita traballar dun e doutro lado da fronteira.
Creatividade
As actividades culturais e turísticas tamén teñen cabida neste programa e, deste xeito, no marco do Circuíto Galego de Creatividade, os novos creadores galegos expoñen as súas obras nos espazos da Eurocidade co fin de dar a coñecer a súa arte e abrir un novo mercado cultural. Na actualidade, as obras de 20 novos autores forman parte dunha exposición colectiva na Eurocidade.
Neste senso, o responsable da área autonómica sinalou que a aposta pola creatividade xuvenil e fomento do espírito empresarial é un dos principais eixes de traballo do conxunto da administración galega, que se reflicte na Estratexia Xuventude 2013.
“As ideas creativas e innovadoras da mocidade impulsan a nosa competitividade, polo que o Goberno galego está a incidir no fomento do espírito emprendedor como un dos principais métodos para aproveitar o enorme talento da nosa mocidade”, resaltou.
Foro na Eurocidade
Rodeiro, ademais, apuntou que nas próximas semanas comezarán cursos para o fomento da zona no eido turístico, onde se analizarán os posibles nichos de fomento do emprego local para a xuventude.
Así mesmo, a principios de outono celebrarase un foro de xuventude que será un punto de encontro onde tanto as asociacións xuvenís como os grupos informais, técnicos e políticos poidan estudar e debater conxuntamente as potencialidades da Eurocidade.
Por último, o director xeral de Xuventude anunciou que a final de ano celebrarase un encontro-seminario de mozos de distintas eurocidades europeas.
En definitiva, concluíu asegurando que todas estas actividades o que pretenden é “fomentar unha nova cultura emprendedora na mocidade das dúas rexións co principal obxectivo de que ningunha das moitas boas ideas dos nosos mozos e mozas se quede no caixón por falta de apoio institucional”.
O 10 de maio de 2012 reunironse os directores xerais de Xuventude das Comunidades Autónomas co INJUVE, e acordaron a posta en marcha dunha serie de plans de cooperación entre administracións para impulsar a emancipación dos mozos.
Presidida polo Director Xeral do Instituto da Xuventude , Rubén Urosa, a reunión do Consello Interterritorial celebrada hoxe en Madrid foi a primeira desde marzo de 2010 e serviu para ter unha toma de contacto coas Comunidades Autonómas. Tal e como destacou o propio Urosa na reunión, ao Goberno interésalle a activación de políticas a favor da Xuventude que, como primordial obxectivo, permita aos mozos españois entrar no mercado laboral.
As Comunidades Autónomas expresaron o seu interese en coordinar xunto á administración central plans que axuden á Xuventude , especialmente á súa emancipación. Durante os próximos días, os departamentos correspondentes de cada autonomía remitirán ao INJUVE documentación sobre o que están facendo para axudar aos mozos, e así, incidir na coordinación de diversas actuacións.
Así mesmo, Urosa presentou aos seus homólogos autonómicos o informe de situación deste organismo e trasladoulles o interese do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de pór en marcha canto antes o Plan estratéxico de Emancipación Nova.
Un dos aspectos que se debateron durante este Consello Interterritorial foi a situación das cualificaciones profesionais de Xuventude e homologación de titulacións de lecer e tempo libre xuvenil.
O Director Xeral do INJUVE tamén presentou un informe sobre a situación do proceso de elaboración do Libro Branco para a Xuventude en España 2020 e detalloulles toda a información sobre o programa europeo Xuventude en Acción e outros programas internacionais.
O Consello Interterritorial de Xuventude constituír o 18 de outubro de 2007. Persegue afianzar a cooperación entre as Comunidades Autónomas e o Estado, asi como entre as propias CC.AA, en todo o relativo ás políticas públicas de Xuventude .
A Consellería de Traballo e Benestar vén de adxudicar as prazas da oferta concertada da campaña de verán 2012
O obxectivo é facilitar ás asociacións que traballan coa mocidade o desenvolvemento dos seus programas de lecer e tempo libre
A campaña de verán de Xuventude permitirá este ano a contratación de ao redor de 900 monitores e directores de tempo libre
A Consellería de Traballo e Benestar vén de adxudicar un total de 1.155 prazas nas súas instalacións xuvenís a 27 entidades que traballan coa mocidade. En concreto, as prazas poranse a disposición de asociacións xuvenís; entidades prestadoras de servizos aos mozos e mozas; escolas de tempo libre; Consello da Xuventude de Galicia e consellos locais e municipais de xuventude, así como das corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas, incluídos os grupos de mozos e mozas non asociados que levan a cabo actividades de tempo libre sen ánimo de lucro.
A oferta concertada de prazas porase a disposición destes colectivos entre o 15 de xuño e o 30 de setembro. O obxectivo da iniciativa é facilitarlles o desenvolvemento dos seus programas de lecer e tempo libre.
As asociacións que non resultaron adxudicatarias poderán acceder ás prazas que queden baleiras con prioridade fronte aos solicitantes que as demanden por primeira vez, a través do correo electrónico ofertaconcertada.benestar@xunta.es
Esta iniciativa enmárcase na campaña de verán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, na que o departamento autonómico investirá este ano ao redor de 2,5 millóns de euros.
A campaña permitirá este ano a contratación de 900 monitores e directores de tempo libre. Máis de 8.000 mozos e mozas poderán participar da iniciativa entre os meses de xuño e setembro, un programa no que se ofertan, ademais de prazas concertadas, campamentos en Galicia e noutras comunidades autónomas, actividades para maiores de 18 anos, campos de traballo, e accións para mozos e mozas descendentes de galegos, residentes no exterior.
Esta iniciativa inclúe varias novidades, como a unión por primeira vez dos participantes procedentes da emigración cos rapaces galegos nos campamentos e actividades para maiores de 18 anos. O obxectivo é fomentar a convivencia intercultural e a aprendizaxe mutua. Ata o de agora só tomaban parte en actividades específicas para eles. Ademais, inclúense novos emprazamentos nos campos de traballo e actividades para maiores de 18 anos.
Hoxe, día 14 de maio, publícase no DOG a Orde do 4 de maio de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras que rexen as axudas para facilitar a obtención do permiso de condución clase B e favorecer a seguridade viaria dos mozos e mozas galegos, e se procede á súa convocatoria.
Podes obter unha axuda de 200 euros!
REQUISITOS
Ter entre 18 e 30 anos; residir en Galicia; ser titular do carné xove; estar en situación de desemprego (cunha antigüidade mínima de 6 meses); non ter, a unidade familiar, ingresos superiores a 2,5 veces o IPREM.
Para acceder á axuda, deberás obter o carné de conducir entre o 1 de xaneiro e antes do 15 de outubro de 2012 e, ademais, superar con éxito un curso gratuíto de educación viaria
As axudas concederánsevos a todos/as os que reunades os requisitos esixidos, seguindo a orde de presentación de solicitudes ata esgotar o crédito dispoñible.
O prazo de solicitude iniciarase a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG e estará aberto ata o día 1 de setembro de 2012, salvo que antes se esgote o crédito dispoñible.
Consulta da orde: DOG
Folleto informativo: aquí
Máis información aquí
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe o albergue xuvenil de Gandarío onde se está a desenvolver a actividade ‘Camiño a Durban’
Nesta segunda edición do programa ofertáronse máis de 850 prazas dirixidas ao alumnado galego, distribuídas en 24 quendas, durante os meses de marzo a xuño
O Aula Xuventur estrutúrase en tres módulos diferenciados, en función da temática e das idades dos participantes: ‘Vive o mar’, ‘Multiaventura de Cine’ e ‘Camiño a Durban’
Un total de 321 mozos e mozas de catorce centros de ensino de toda Galicia participaron ata agora no programa ‘Aula Xuventur’ da Consellería de Traballo e Benestar, que combina aprendizaxe e lecer.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe o albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo, A Coruña), onde se está a desenvolver a actividade ‘Camiño a Durban’, dentro do programa ‘Aula Xuventur’. Durante a visita, puido coñecer a opinión dos 42 mozos e mozas do Colexio Divino Salvador de Vigo que están a participar na iniciativa.
Nesta segunda edición do programa ofertáronse máis de 850 prazas dirixidas ao alumnado galego, distribuídas en 24 quendas, durante os meses de marzo a xuño, na procura de facilitarlles aos mozos e mozas unha experiencia educativa alternativa e complementaria do currículo escolar, cunha programación que combina a aprendizaxe e o tempo de lecer, á vez que se pon a disposición da mocidade galega a rede de albergues xuvenís de Galicia.
O Aula Xuventur estrutúrase en tres módulos diferenciados, en función da temática e das idades dos participantes: ‘Vive o mar’, ‘Multiaventura de Cine’ e ‘Camiño a Durban’. Todos os titulares do carné xove teñen dereito a un desconto.
‘Camiño a Durban’ está dirixido ao alumnado con idades entre os 14 e os17 anos que estea cursando 3.º e 4.º da ESO, 1.º de bacharelato ou 1.º ciclo de grao medio. Desenvólvese no albergue xuvenil de Gandarío, en seis quendas de tres días (2 noites), entre os meses de marzo e maio. Durante tres xornadas organízase un xogo de rol sobre educación ambiental, tendo como fío condutor o cambio climático, co obxecto de favorecer un achegamento ao concepto de educación ambiental e desenvolvemento sostible, sensibilizar da problemática do cambio climático, as súas causas, efectos e medidas paliativas.
‘Vive o mar’ dirixiuse ao alumnado con idades entre os 12 e os 16 anos e que estivera cursando Educación Secundaria. Desenvolveuse no albergue xuvenil das Sinas, en sete quendas de dous días (1 noite), entre os meses de marzo e abril. A finalidade deste módulo foi a de crear un novo marco de ensinanza lúdico-educativa, baseada na multidisciplinariedade de coñecementos e aprendizaxes sobre o medio mariño e o seu entorno.
‘Multiaventura de cine’ está dirixido ao alumnado con idades entre os 14 e os 17 anos que estea cursando terceiro e carto da ESO, 1.º de bacharelato ou 1.º ciclo de grao medio. Desenvólvese no albergue xuvenil LUG 2, en once quendas de tres días (2 noites), entre os meses de marzo e xuño. Busca achegar aos participantes ó cine como ferramenta de desenvolvemento de habilidades sociais, creatividade e autocoñecemento, complementado por actividades de deporte activo.
Aos 1.000 mozos e mozas inscritos na maior festa das novas tecnoloxías de Galicia sumáronse as máis de 7.000 persoas que visitaron a iniciativa de Xuventude e participaron nas diferentes actividades que se programaron ao aire libre
Unha das accións máis valoradas foi o bloque temático dedicado ao emprendemento como saída fronte á crise
Os relatorios de Enrique Dans e Leopoldo Abadía colgaron o cartel de aforo completo coa asistencia de 1.500 persoas
O Encontro Dixital Xuventude Galicia Net que organizou ao longo deste fin de semana en Santiago a Dirección Xeral de Xuventude pechou un ano máis as súas portas cun balance “moi positivo”. Entre o venres e hoxe mesmo pasaron polas instalacións desta iniciativa, no Pazo de Congresos e Exposicións, máis de 7.000 persoas. A esta cifra súmanse os máis de 1.000 mozos e mozas que se inscribiron para participar durante os 3 días na intranet.
Unha das iniciativas máis valoradas nesta edición foi o bloque temático dedicado ao emprendemento como saída fronte á crise. Máis de 500 participantes participaron ao longo de toda a semana para elixir os tres mellores proxectos, que foron defendidos ante un xurado cualificado durante a tarde de onte.
Ademais, a mesa redonda sobre o emprendemento, que contou con profesionais do ámbito universitario e da empresa privada, debateu as vantaxes e situacións que han de ter en conta os mozos e mozas que se adianten no mundo do emprendemento.
Os asistentes tamén puideron participar nunha sesión de networking non convencional, na que mesturaron as técnicas de citas rápidas. Deste feito, a sesión de networking foi cronometrada para que os participantes puidesen interactuar coa maior parte dos asistentes posibles.
Aforo completo nos relatorios
Os relatorios tamén contaron con moita asistencia de público este ano. As ponencias de Enrique Dans e Leopoldo Abadía colgaron o cartel de aforo completo, ao encher a sala habilitada para os seus relatorios, cunha capacidade para 1.500 persoas.
Así mesmo, é preciso salientar que a oferta formativa foi a máis completa das trece edicións celebradas no Encontro de Xuventude Galicia Net. Abordouse un amplo abano de materias dirixidas para todos os públicos ao longo dos tres días, como, por exemplo, hacking ético, neuromarketing web ou redes sociais.
Con respecto á extranet, onde tiveron lugar as actividades ao aire libre, converteuse nesta edición nun punto de encontro de pais e fillos, mozos e mozas arredor das novas tecnoloxías.
As colas sucedéronse todo o fin de semana para acceder aos simuladores de golf ou tiro, Tamén houbo moita afluencia de público nos obradoiros de maquillaxe, no stand de consolas e no de ciencia divertida dirixida para os máis cativos.
Os amantes da arte tamén tiveron un oco no exterior do Pazo de Congresos no que o Graffiti foi o protagonista. Neste senso, os participantes na XGN puideron participar nun obradoiro de iniciación ao graffiti e presenciar unha exhibición desta arte urbana.
Dentro da party realizáronse, ademais, diversas actividades relacionadas co modding, hardware e overclocking. Así mesmo, destacaron os campionatos de xogos con pc´s como o de Counter Strike 1.6, League of Legends, Super Street Fighter 4, ProEvolution Soccer. Para competir sen os ordenadores, houbo lanzamento de CD, air guitar ou dobraxe, entre outras.
Por último, as noites temáticas de cine, a novidade desta edición da land party tamén foron un éxito. Ao longo da fin de semana Xuventude Galicia Net non pechou as súas portas pola noite, ofrecendo de balde noites de cine temáticas de acceso libre.