A Lei de Xuventude creará un Instituto Galego para a formación continua en materia de mocidade

27 Xun 2011

LEI_XUVENTUDE_LUGOA primeira Lei de Xuventude de Galicia incluirá a creación do Instituto Galego de Xuventude como órgano técnico especializado, adscrito ao departamento competente, e que terá como misión a materialización dos principios de información á xente nova, formación continua en materia de mocidade e asesoramento técnico en políticas públicas de xuventude.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, referiuse hoxe á creación deste Instituto -que non suporá a creación dun ente administrativo, senón que será unha configuración orgánica co nivel de subdirección xeral- durante a presentación do anteproxecto desta Lei nun encontro provincial celebrado en Lugo.

Na súa intervención, Rodeiro explicou que son funcións do Instituto da Xuventude de Galicia a coordinación da Rede Galega de Información Xuvenil; a planificación e supervisión das actividades formativas desenvolvidas pola Escola Galega de Xuventude; planificación, promoción, organización e coordinación de actividades destinadas á xuventude, directamente ou en colaboración con asociacións xuvenís ou outras Administracións públicas, institucións e organismos públicos e privados; a coordinación, vixilancia e rexistro das instalacións xuvenís; e a xestión da Rede de Albergues Xuvenís de Galicia.

Ademais inclúe a coordinación das axudas para o acceso da xente nova a determinados bens e servizos a través do carné xove, entre outros instrumentos; o fomento e a promoción de intercambios e mobilidade dos mozos e mozas con outras comunidades autónomas e países estranxeiros; a emisión de cantos informes lle sexan solicitados polo departamento de adscrición; e todas cantas lle sexan atribuídas expresamente por disposicións de carácter legal ou regulamentario.

A Dirección Xeral levou a cabo ao longo desta semana a presentación do borrador a través de catro encontros provinciais e trece foros de debate con técnicos, entidades xuvenís, asociacións xuvenís, escolas de tempo libre, grupos informais de mozos e mozas interesados en participar e aportar propostas de mellora ao mencionado borrador.

Ademais, a longo do mes de xuño realizaranse 13 foros de debate nos espazos xove da Rede Galega de Centros de Xuventude de Carballo, Curtis, Noia, Pontedeume, Ourense, Vilagarcía, Tui e Chantada, así como no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil de Galicia en Santiago, o día 27 de xuño as 20.00 horas. Á mesma hora, o día 28 os foros celébranse nos espazos xove de Betanzos, Lalín, Vilalba e Viveiro.

Todos os interesados en asistir a estes encontros participativos poden dirixirse aos Servizos Territoriais de Xuventude da súa provincia e aos espazos xove da Rede galega de centros de xuventude mencionados anteriormente.