O albergue Benigno Quiroga acollerá a preto de 600 participantes do programa aula Xuventur ata o mes de maio

30 Mar 2011
pontemarilO albergue Benigno Quiroga acollerá ata o próximo mes de maio a preto de 600 participantes do programa “Multiaventura no Miño”, que é un dos módulos da iniciativa “Aula Xuventur” para achegar o medio natural e mariño aos rapaces e rapazas. Ata o momento –desde o mes de febreiro-, xa teñen pasado por este programa máis de 450 alumnos e alumnas.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, desprazouse ata estas instalacións en Portomarín para coñecer de primeira man o programa e aos seus participantes.

O programa “Aula Xuventur”, unha iniciativa “novidosa” da Consellería de Traballo e Benestar, achegará a 1.360 mozos e mozas o medio mariño e natural. En concreto, o plan diríxese a alumnos que estean cursando a ESO e Bacharelato, e estase a desenvolver nas Sinas en Vilanova de Arousa, no albergue Benigno Quiroga de Portomarín, e no de Gandarío en Bergondo.

“Aula Xuventur” estrutúrase en 3 módulos diferenciados dependendo das idades dos seus participantes. ‘Multiaventura no Miño’ é a segunda opción de Aula Xuventur que ten lugar no albergue xuvenil Benigno Quiroga de Portomarín ata maio. Neste módulo poden tomar parte estudantes de entre 14 e 17 anos. Os participantes establecen un contacto estreito entre os rapaces e o medio natural, a través de programas de dinamización e coñecemento dos ríos e do patrimonio acuífero. Conta, entre outras, con actividades deportivas como kaiak ou triatlon.

O último dos módulos de Aula Xuventur, ‘Planeta Mar’ desenvolverase no albergue xuvenil de Gandarío nos meses de maio e xuño e estará dirixido ao alumnado de entre 14 e 17 anos. O que se pretende con esta iniciativa é achegar aos participantes ao mundo mariño, tanto na súa vertente ecolóxica como na etnográfica, mostrándolles embarcacións antigas, tradicionais e actuais, así como a complexidade do ecosistema acuático e a biodiversidade mariña.

‘Vive o mar’ foi o primeiro dos módulos e tivo por obxectivo dar a coñecer e acercar a realidade mariñeira aos estudantes desde diferentes perspectivas: lúdico-educativa, ambiental e natural, social, histórica e práctica.

As diferentes actividades, que están dirixidas ao alumnado con idades comprendidas entre os 12 e 16 anos, desenvólvese ata o mes de abril en quendas de dúas xornadas, nas que os estudantes visitan o porto pesqueiro de Corón, unha cetaria e unha fábrica de conservas e saíran ao mar en galeón, entre outras actividades.