O albergue das Sinas acolle a preto de 600 participantes do programa aula Xuventur ata o mes de abril

22 Mar 2011
as sinasO albergue das Sinas acolle ata o próximo mes de abril- a preto de 600 participantes do programa “Vive o Mar”, que é un dos módulos da iniciativa “Aula Xuventur” para achegar o medio natural e mariño aos rapaces e rapazas. Ata o momento –desde o mes de febreiro-, xa teñen pasado por estas instalacións ao redor de 400 alumnos e alumnas.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, desprazáronse hoxe ata estas instalacións en Vilanova para coñecer de primeira man o programa e aos seus participantes.

O programa “Aula Xuventur”, unha iniciativa “novidosa” da Consellería de Traballo e Benestar, achegará a 1.360 mozos e mozas o medio mariño e natural. En concreto, o plan diríxese a alumnos que estean cursando a ESO e Bacharelato, e desenvolverase nas Sinas, no albergue Benigno Quiroga de Portomarín, e no de Gandarío en Bergondo.

“Aula Xuventur” estrutúrase en 3 módulos diferenciados dependendo das idades dos seus participantes. ‘Vive o mar’, que é o programa que se desenvolve nas Sinas, é o primeiro dos módulos e ten por obxectivo dar a coñecer e acercar a realidade mariñeira aos estudantes desde diferentes perspectivas: lúdico-educativa, ambiental e natural, social, histórica e práctica.

As diferentes actividades, que están dirixidas ao alumnado con idades comprendidas entre os 12 e 16 anos, desenvolverase entre os meses de febreiro e abril en quendas de dúas xornadas, nas que os estudantes visitarán o porto pesqueiro de Corón, unha cetaria e unha fábrica de conservas e saíran ao mar en galeón, entre outras actividades.

‘Multiaventura no Miño’ é a segunda opción de Aula Xuventur que terá lugar no albergue xuvenil Benigno Quiroga de Portomarín entre os meses de marzo e maio. Neste módulo poderán tomar parte estudantes de entre 14 e 17 anos. Os participantes establecerán un contacto estreito entre os rapaces e o medio natural, a través de programas de dinamización e coñecemento dos ríos e do patrimonio acuífero. Poranse en marcha, entre outras, actividades deportivas como kaiak ou triatlon.

O último dos módulos de Aula Xuventur, ‘Planeta Mar’ desenvolverase no albergue xuvenil de Gandarío nos meses de maio e xuño e estará dirixido ao alumnado de entre 14 e 17 anos. O que se pretende con esta iniciativa é achegar aos participantes ao mundo mariño, tanto na súa vertente ecolóxica como na etnográfica, mostrándolles embarcacións antigas, tradicionais e actuais, así como a complexidade do ecosistema acuático e a biodiversidade mariña.

O prazo de inscrición abriuse o pasado mes de febreiro e remata unha semana antes do inicio de cada quenda. A inscrición, que se tenque facer na web www.xuventude.net, debe realizala o centro de ensino correspondente. As prazas adxudícanse por rigorosa orde de chegada das solicitudes e asignaranse ata esgotar todas as dispoñibles por módulo.

O prezo oscila entre os 30 e 37,5 euros por persoa en función da actividade que o centro educativo elixa para desenvolver. Estas contías xa inclúen o desconto que ofrece o carné xove.