O 'Espazo Xove' de Curtis, no que a Xunta investiu 118.000 euros, ofrecerá novas temáticas e máis servizos á xuventude, como un novo local de ensaio

19 Mar 2011
curtisO “Espazo Xove” de Curtis, un servizo que aglutina a información sobre todos os recursos e materias transversais dirixidos á mocidade foi inaugurado pola conselleira de Traballo e Benestar. Para a posta en marcha deste centro, a Xunta reformou a anterior Casa da Xuventude cun investimento de preto de 118.000 euros.

A reforma da Casa da Xuventude de Curtis enmárcase nun proceso de integración deste tipo de equipamentos na Rede Territorial de Centros de Xuventude “Espazo Xove”, unha iniciativa que arrancou o pasado ano e coa que Xunta de Galicia busca mellorar as instalacións e o funcionamento destes centros que, en moitas ocasións, xa tiñan preto de 20 anos.

Con esta reformulación, cada un dos Espazos Xove da Rede Galega pasa a servir de punto de información sobre todos os recursos, servizos e temáticas transversais que dun xeito ou outro afectan ou interesan á xuventude.

Ademais, o servizo pasa a ter un alcance territorial, xa que o ámbito destes Espazos abarca diversos concellos, co que se abandona o carácter eminentemente local que viñan tendo as antigas Casas da Xuventude.

Espazos de creatividade
No referente á organización, estes centros dispoñen de espazos específicos, como o de vivenda, o de fomento do espírito emprendedor e a difusión dos recursos en materia laboral, así como os contidos sobre os que se asesora nos centros Quérote +, como os trastornos alimenticios, a sexualidade, a saúde, as drogas ou a condución responsable.

Segundo explicou Beatriz Mato, estes centros servirán tamén de espazos de encontro, creatividade e formación a través de vías non formais. Así, os mozos e mozas contarán con salas de exposicións, zonas para actividades formativas e prestarase unha especial atención á formación e a creatividade a través das novas tecnoloxías.

A conselleira de Traballo e Benestar lembrou que este mesmo ano se porá en marcha o Circuíto da Creatividade Xuvenil Galega, que encherá de contido as novas salas de exposición. O circuito responde a un dos eixos da Estratexia Xuventude 2013, o de potenciar a creatividade e o espírito emprendedor da mocidade galega.curtis2