O Xuventude.Novas deste mes lévate de viaxe a Nicaragua e entrevista o grupo galego de reggae ‘Natural Green’

02 Xun 2014

portada_maio2014O boletín interactivo da dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, Xuventude.Novas, ofrece na súa edición de maio unha proposta de viaxe a Nicaragua. Trátase dun destino atractivo e relativamente asequible, válido tanto para quen busquen apracibles praias caribeñas como a costa pacífica para practicar o surf, sen esquecer roteiros polo interior do país para coñecer os cafetais ou para descubrir os seus volcáns e lagos de auga doce.

Ademais desta suxerencia turística, Xuventude.Novas inclúe neste número dúas entrevistas. Unha, co grupo ferrolán Natural Green, que fai música reggae e está a punto de publicar o seu primeiro traballo discográfico, un EP. A súa voz, Ricardo Mouriño, explica por que optaron por este estilo, axúdanos a desterrar estereotipos sobre esta música e analiza a súa evolución. A outra entrevista ten como protagonista a Verónica Reboredo, a fotógrafa gañadora do certame Xuventude Crea 2013, da dirección xeral de Xuventude. Reboredo dá conta de como planifica os seus traballos e indica que a proliferación ou ‘democratización’ da tecnoloxía fotográfica non ten por que ser algo negativo que banalice esta arte.

Polo demais, o boletín deste mes recolle unha reportaxe sobre a Iniciativa Xove ‘Entre fíos, o tempo da mocidade’, impulsada polo grupo informal Dedal Xoven XXI. Este proxecto facilitoulles aos participantes recursos para iniciarse e avanzar na súa afección polo sector da moda, cunha perspectiva emprendedora e en contacto co mundo empresarial.

Do mesmo xeito, Xuventude.Novas difunde as novas axudas para que os menores de trinta anos en situación de desemprego se convertan en autónomos. A convocatoria, que forma parte do Plan de Emprego Xuvenil, contempla que a subvención chegue ata os 12.600 euros. Ademais de cotas á Seguridade Social, cobre investimentos e tamén redución de xuros financeiros.  

Un recordatorio das prazas aínda dispoñibles nos campos de traballo para este verán e a habitual axenda de concertos e actuacións musicais para as vindeiras semanas completa esta edición de Xuventude.Novas.

Nota: para unha correcta visualización en determinados navegadores de internet, recomendamos descargar o arquivo pdf en vez de abrilo noutra pestana.

Xuventude.Novas en pdf