Xuventude.Novas entrevista aos gañadores do certame Xuventude Crea nas categorías de música e moda

02 Dec 2013

portadanovembroO boletín interactivo da dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, Xuventude.Novas, inicia neste número unha serie de entrevistas con gañadores das distintas modalidades do certame Xuventude Crea, que hai uns días entregou os seus premios. Ademais de dar conta da gala de entrega, esta publicación entrevista a Marta Domínguez Lloria, primeiro premio na categoría de moda, recuperada este ano, e a Pi Graos, vencedores na categoría de música.

 Na entrevista, Marta Domínguez explica as inspiracións e os propósitos da colección coa que gañou o certame. Trátase dunha proposta atrevida no eido da moda masculina, coa que intenta conxugar a elegancia e a comodidade. Domínguez Lloria, cunha formación sólida e unha considerable experiencia pese á súa xuventude, reflexiona na conversa sobre a situación do sector e as posibilidades dos xóvenes para abrirse paso nel profesionalmente.

 Na entrevista con Pi Graos, que poñen sobre o escenario jazz contemporáneo e un chisco de heterodoxia sonora, o teclista e compositor Lucas Rey destaca a relevancia do premio Xuventude Crea como “un impulso para nós”, sobre todo cando están a punto de publicar o seu primeiro traballo discográfico. O grupo valora moito o apoio do público a través dunha iniciativa de crowdfunding para financiar o seu proxecto, sobre a que tamén se reflexiona na conversa, entre outros aspectos como a situación da creación musical en Galicia.

 Polo demais, o Xuventude.Novas, que ten neste número a súa derradeira entrega de 2013, ofrece unha das súas habituais reportaxes viaxeiras. Nesta ocasión, o destino escollido é Noruega, e en concreto o seu territorio menos urbano. Dun xeito impresionista, ofrece unha serie de suxerencias coas que facerse unha idea das posibilidades turísticas do país, con vistas a preparar unha viaxe. A contemplación de auroras boreais, unha excursión sendeirista a algún glaciar, un percorrido de case dúas semanas en barco por toda a costa dos fiordos, ou o aloxamento en granxas ou casas de mariñeiros son algunhas das ideas das que tomar nota.

 A edición complétase coa información sobre  o quinto Parlamento Xove, que acaba de iniciar o seu periodo de formación e que mantén aberto o prazo para anotarse ata o 31 de xaneiro, e cunha reportaxe sobre os proxectos de Down Vigo desenvoltos co apoio dos programas Iniciativa Xove e Voluntariado Xuvenil. Non falta tampouco a habitual axenda de concertos e actuacións musicais, neste caso para os meses de decembro e de xaneiro. .

 Descarga o PDF de Xuventude Novas

Nota: para unha correcta visualización en determinados navegadores de internet, recomendamos descargar o arquivo pdf en vez de abrilo noutra pestana.