Alberto Núñez Feijoo destacou no Albergue de Gandarío que a Xunta impulsará nesta lexislatura a primeira Lei de Xuventude de Galicia

09 Ago 2010

Gandarío1O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta mañá que os mozos galegos “contarán, nesta lexislatura, cunha lei para regular os seus dereitos e garantir o seu acceso aos servizos públicos en Galicia”.

“Estamos a falar, en definitiva, -subliñou- dunha lei para que ao final desta lexislatura haxa uns dereitos, unhas garantías e un apoio específico á xuventude”.

Feijóo, que visitou o Campamento xuvenil de Gandarío, lembrou que un dos compromisos deste Goberno é o rexuvenecemento de Galicia e a aposta pola xuventude, “por unha xuventude –dixo- formada, dialogante e cordial. Xuventude significa o futuro, e ese futuro pasa pola educación, pasa pola cultura, pasa pola natureza, polo esparcimento e pola cordialidade dos xóvenes entre si”.

Así mesmo, o responsable do Executivo galego salientou que a Xunta vai comprometer dentro do Plan de Acción Social un apartado específico para a xuventude. E neste sentido, afirmou que, “neste momento, a Consellería de Traballo e Benestar ten moi adiantado ese plan; un plan –avanzou- que é froito do diálogo e no que participaron máis de 20.000 xóvenes e 300 organizacións xuvenís, que puideron plasmar as súas opinións sobre o Plan da Xuventude de Galicia”.gandarío3

Ao longo da visita ao campamento, Feijóo destacou o bo acollemento que está a ter esta iniciativa da Xunta e subliñou que os 180 xóvenes que se atopan no campamento de Gandarío completan un total de 9.000 mozos que se reparten por toda a xeografía galega.

“Estas iniciativas supoñen unha aposta clara pola xuventude e polos valores de esforzo, de cordialidade, de aventura, de coñecemento do patrimonio cultural e de coñecemento da natureza; un intercambio coa xente doutras comunidades e polo tanto unha cordialidade lingüística.

Galicia é un lugar de acollida; e non só acollemos a peregrinos, senón que tamén acollemos a moitos xóvenes que veñen das distintas localidades de España e por suposto a xóvenes de Galicia”.

Pincha aquí para ver o vídeo da visita do presidente ao Albergue Xuvenil de Gandarío

Gandarío2