Ferrol xa ten Local de Ensaio

30 Xul 2010

Rock and RollA cidade de Ferrol inaugurou o local de ensaio musical para a xuventude, situado no antigo mercado da Magdalena, que foi posible grazas a un investimento de case 70.000 euros por parte da Dirección Xeral de Xuventude, que sufragou a totalidade do proxecto.

As instalacións, totalmente insonorizadas, contan con catro salas de ensaio, 1 estudio de gravación, sala de control e almacén. Cada unha das salas están equipadas co instrumental propio dunha banda de rock, con batería, guitarras, baixo, micrófonos e amplificadores.

A este respecto, o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, lembrou que a rede de locais de ensaio pon a disposición dos mozos e mozas un total de 21 instalacións distribuídas por toda a xeografía galega. Así, no que vai de lexislatura, inauguráronse catro locais de ensaio (Teo, Allariz, Ribadavia e Carral), mentres que outros cinco xa están en obras (Vigo –con sete salas-, Pobra do Caramiñal, Bueu e Valga).

Ovidio Rodeiro adiantou que nos vindeiros anos a Xunta de Galicia porá un especial énfase no fomento da música en directo das bandas do pop rock galego. Baixo o programa “xuventudémúsica”, canalizaranse as accións para a promoción da creatividade musical dos mozos mozas galegas.

Os novos creadores e grupos noveis galegos poderán tocar en directo no ‘tráiler da música’, un escenario móbil que se desprazará polas vilas galegas grazas a unha iniciativa posta en marcha pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Esta iniciativa naceu do Encontro de Música Xove 2010, que se celebrou en marzo e no que participaron máis dun cento de grupos de toda Galicia. Neste encontro, foron seleccionadas 10 bandas, coas que Xuventude editou 20.000 copias dun CD que será repartido de xeito gratuíto nos principais concertos e festivais de verán.

Deste xeito, como experiencia piloto este mesmo verán, un escenario móbil –movido por un tráiler e con equipo de luces e son profesionais- permitirá a seis grupos da zona de Ribeira e Gondomar dar dous concertos, con motivo do Día Internacional de Xuventude, o 12 de agosto. Así, ese mesmo día tres grupos da zona de Ribeira actuarán neste escenario, mentres que en Gondomar actuarán outras tres bandas ao día seguinte.

O obxectivo é que este programa piloto se consolide de cara ao próximo ano, de modo que se poida establecer un circuíto de concertos en colaboración cos concellos e coas asociacións xuvenís.

Nesta mesma liña, os gañadores da especialidade de música do certame Xuventude Crea 2010 –as bases foron publicadas o 15 de xullo- terán a posibilidade de, ademais de obter o premio en metálico, de celebrar tres concertos en directo.

Rodeiro avanzou tamén que a localidade do Porriño acollerá en outubro un novo Encontro de Música Xove, no que participarán grupos de Galicia e do Norte de Portugal.