A Xunta de Galicia convoca o XIII Encontro de Artistas Novos, #EAN13, que se celebra do 28 ao 31 de agosto de 2023, coordinado unha edición máis por Rafael Doctor.
O Encontro de Artistas Novos busca favorecer a convivencia entre artistas emerxentes de Galicia e procedentes doutros lugares e tamén permitirlles entrar en contacto con creadores e creadoras de recoñecida traxectoria e con axentes do sector de eidos como a crítica e o comisariado, que participan no encontro como art followers. Como cada ano, o EAN trae ao Gaiás a destacados nomes do panorama actual da arte contemporánea, poñendo o foco nesta edición na fotografía e no audiovisual da man de Alberto García-Alix, Beatriz Ruibal, Estela de Castro e Vari Caramés, que compartirán cos artistas emerxentes participantes as súas experiencias e reflexións ao redor do mundo da arte e o proceso de creación.
Solicitudes ata o 26 de maio
Ofértanse un total de 40 prazas dirixidas a estudantes e/ou graduados en Belas Artes ou outras ensinanzas artísticas e a profesionais cunha traxectoria ou proxecto creativo en calquera disciplina artística, nados entre 1988 e 2005
Para favorecer as aprendizaxes e o diálogo creativo entre artistas de diferentes xeracións, 10 das 40 prazas están abertas a maiores de 35 anos.
A consecución dunha praza no EAN13 inclúe matrícula, estancia en réxime de pensión completa e transportes diarios desde o lugar da estancia ata a Cidade da Cultura.
As persoas interesadas deben enviar a súa solicitude antes das 14,00 horas do 26 de maio xunto á documentación requirida ao enderezo electrónico encontro@cidadedacultura.org
Máis información acerca do encontro na páxina web www.cidadedacultura.gal