Terceiro barómetro de opinión da Infancia e a Adolescencia en España

07 Feb 2023

O obxectivo principal deste Barómetro de Opinión realizado por UNICEF España en colaboración coa Universidade de Sevilla, foi a creación e aplicación dun instrumento que permita coñecer as preocupacións e opinións de nenas, nenos e adolescentes de España sobre asuntos sociais e políticos, así como avaliar indicadores de saúde, felicidade e calidade dos seus contextos de desenvolvemento próximos, tales como a familia, amizades, profesorado e compañeiros de clase.

Nesta terceira recollida participaron 208 centros educativos e 9.505 mozos e mozas de 11 a 18 anos de todo o territorio español.

Os efectos da pandemia de COVID-19 (14,6%), xunto coa guerra de Ucraína (12,8%), a economía (12,7%), e o cambio climático, o medio ambiente e a contaminación (7,8%), son as principais preocupacións dos nenos, nenas e adolescentes no noso país.

Os resultados do informe mostran tamén un aumento da confianza en institucións -especialmente científicas, centros educativos e ONG-, mentres que os partidos políticos e os políticos son os que obteñen unha peor valoración. Así mesmo, diminúe o interese da infancia e a adolescencia en colaborar con organizacións ou en actuar en temas que lles afectan.

Cando se lles preguntou acerca dunha listaxe de determinadas cuestións sociais en concreto, os abusos sexuais á infancia destacan como algo que preocupa bastante ou moito a 9 de cada 10 enquisados. Tras esta problemática sitúanse a pobreza e a fame no mundo, o acoso e ciberacoso escolar ou a saúde mental da infancia e a adolescencia, que preocupa bastante ou moito a 8 de cada 10.

Destaca a diminución da preocupación pola desigualdade de xénero, o machismo e a violencia machista, que na primeira edición do barómetro (2019-20) preocupaba ao 89,1% e situábase en primeiro lugar, na segunda (2020-21) baixaba ao oitavo cun 80% e nesta terceira edición (2021-22) sitúase no decimotercer posto cun 75,1%.

O informe tamén mostra que un 70% dos nenos, nenas e adolescentes considera que a situación política e económica de España é regular, mala ou moi mala. Ademais, entre unha listaxe de 21 profesións que se lles presentou, as máis valoradas resultaron ser as de médico (8,6), policía (7,6), arquitecto e deportista (ambas cun 7,4). No caso contrario, a menos valorada é a de político (4,7), seguida pola de modelo e banqueiro (6). Resalta que a profesión de influencer ou youtuber reciba unha valoración de 6,26.

A media de satisfacción vital dos nenos e adolescentes é elevada, segundo as enquisas realizadas no barómetro. Aínda que no caso das mozas, das persoas nadas fora de España ou con nivel adquisitivo baixo, os seus niveis de tristeza son máis significativos. Nesta edición é onde a porcentaxe de mozas que manifestan sentirse sós é o máis alto da serie iniciada en 2019, cun 39,8%. Con todo, as porcentaxes baixan nos niveis adquisitivos baixos e, por exemplo, o 8,5% dos nenos e nenas de nivel adquisitivo baixo senten sempre tristes, fronte ao 5,6% do nivel adquisitivo alto. En xeral o nivel de benestar aumentou respecto a a anterior edición do barómetro, coincidindo cos momentos máis álxidos da pandemia, aínda que esta segue sendo a maior preocupación.

Nesta terceira edición do Barómetro incluíuse un bloque complementario sobre estereotipos de xénero. Neste sentido cabe destacar que, aínda que prima a igualdade en todas as profesións sobre as que se lles preguntou, dúas delas mostran os estereotipos de xénero máis marcados: policía e o coidado de nenos: o 19,6% considera que policía é un traballo que deberían facer só ou sobre todo os homes; e o 21% da mostra considera que o traballo de coidar nenos debería ser feito só ou sobre todo por mulleres. Ademais, persiste tamén a idea de que hai actitudes máis propias dun sexo que doutro. Ao redor de 1 de cada 10 participantes consideran que hai cuestións máis propias de homes, como é ser dominantes ou actuar como un líder, mentres que hai outras máis frecuentes en mulleres, como expresar agarimo abertamente ou querer lucir un bo aspecto.

https://www.unicef.es/sites/unicef.es/files/communication/Barometro_infancia_202122.pdf