A exposición "Xuventude Crea, máis dunha década" pecha a súa itinerancia na Coruña cun coloquio artístico

30 Xan 2023

Tras recalar en ata 10 lugares diferentes por toda Galicia (Ribeira, Lalín, Vigo, Tui, Pontevedra, Lugo, Ourense, Santiago, Ferrol e Noia) desde maio de 2021, a exposición "Xuventude Crea: máis dunha década" remata a súa itinerancia este martes 31 de xaneiro na Coruña, concretamente no Centro de Iniciativas Empresariales Mans da Fundación Paideia.

Como colofón a esta mostra, que se puido visitar neste espazo desde o pasado mes de decembro, a Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Paideia, organiza este luns 30 ás 16.30 horas un coloquio artístico arredor do programa que estará moderado pola comisaria da exposición, Alexandra Rodríguez Rey. Este coloquio está aberto ao público xeral.

Desde que comezou o seu percorrido en maio do 2021, esta exposición recibiu máis de 35.000 visitas. Este proxecto busca amosar as creacións dos mozos e mozas galegos que participaron neste certame durante os últimos anos.

Neste sentido, cómpre resaltar que o programa Xuventude Crea leva trece anos premiando a creatividade da xuventude galega. Máis de 4300 persoas de entre os 18 e 30 anos de idade levan participado nas catorce edicións que se teñen celebrado ata a data de hoxe, a través das que se difundiron arredor de 3200 obras e proxectos creativos. Ademais de dalas a coñecer a través dunha pequena selección nesta exposición itinerante, todas as creacións premiadas ao longos dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recentemente estreado: www.museoxuventudecrea.gal