Día da Xuventude é un programa da Consellería de Política Social e Xuventude que conta cunha ampla programación formativa e de ocio destinada tanto á mocidade como ás familias, dado que tamén favorece a conciliación da vida familiar e laboral. Este programa da Xunta de Galicia, que conta co financiamento do Ministerio de Igualdade en desenvolvemento do Plan Corresponsables, recalará en 30 concellos das catro provincias galegas.
A terceira parada desta programación será en Vimianzo o domingo 22 de xaneiro de 16:00 h a 21:00 h na Praza do Concello. Contará coa actuación da Asociación Cultural Trubisquiña.
Os mozos e mozas participantes poderán gozar dun amplo abano de actividades totalmente gratuítas:
Gastronomía saudable: xogos educativos e show cooking con produtos locais e de tempada.
Lecer educativo: fútbol burbulla, futbolín humano, slackline e tiro con arco.
Sensibilización medioambiental: talleres dinámicos sobre a protección do medio, o cambio climático ou a reciclaxe.
Igualdade de xénero: relacións tóxicas vs. relacións de bo trato.
Taller de graffiti: técnicas de aprendizaxe rápida e mural común.
Habilidades para a empregabilidade: dinámicas grupais para a elaboración do currículo ou abordaxe dunha entrevista de traballo.
Información xuvenil: caravana móbil como punto de información de recursos para a mocidade.