A Xunta recoñece o talento dos mellores artistas en danza moderna no marco do programa Xuventude Crea

28 Nov 2022

A Xunta celebrou no Museo do Mar de Vigo a fase final da modalidade de danza moderna do programa Xuventude Crea 2022, á que chegaron seis participantes que mostraron a súa arte no escenario.

O primeiro premio foi para Saray Alonso Amorín e Pablo Vázquez Durán, de Gondomar, pola súa obra "Salgadura". En segundo lugar quedou a peza "Mar sen varanda", do grupo Greas conformado polas mozas Inés Santos Acuña e Sofía Rodal Alén de Santiago e Vigo. E a terceira posición recaeu na moza canguesa Alexia Piñeiro Segura e a súa obra Aorta.

O gañador recibirá unha gratificación de 3000 euros, 1500 o segundo clasificado e 1000 o terceiro. Así mesmo, na fase final desta especialidade do Xuventude Crea tamén participaron outros tres grupos: María Lucía González Castro e Loaira Sánchez Lázare, de Ponteareas, coa súa obra "Víscera ou os ocos da dor"; a moza ferrolá Claudia Fusté Zaragoza con "Sentires dunha viveza" e Llui Castro Vilches, de Vigo, con "Always and forever".


Máis de 4000 participantes
Desde que fai trece anos tivo lugar a primeira convocatoria do Xuventude Crea, xa son máis de 4000 os mozos de entre 16 e 30 anos participantes e preto de 3000 os proxectos creativos e obras presentadas a este certame. Na edición deste ano 2022 participan un total de 350 artistas con 280 obras que, de novo, contarán con apoio por parte da Xunta de Galicia para dar a coñecer as súas creacións. Cabe destacar, ademais, que todas aquelas premiadas ao longo dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recen estreado: www.museoxuventudecrea.gal

As disciplinas que se premian nesta edición son: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (esta última comprende as modalidades de pintura e escultura). Fai falta destacar, como novidade neste 2022, o cambio de nome de grafiti a arte urbana para dar cabida ás diferentes expresións neste ámbito, así como a inclusión da modalidade de música clásica dentro de música.