Sophias

18 Nov 2022

O Consello da Cultural Galega presentou un novo proxecto cultural e tecnolóxico que aposta de cheo polos novos formatos do audiovisual e que reivindica a importancia das filósofas (moitas delas invisibilizadas ou ocultas polas figuras masculinas que estaban ao seu carón) e a vixencia do seu pensamento.
Trátase da serie web Shopias, protagonizada por grandes pensadoras como Simone Weil, Simone de Beauvoir, Hannah Arendt, Judith Butler ou a galega María Xosé Agra, entre outras.

Sophias toma o seu nome do concepto grego de sofía, que significa sabedoría, para darlle resposta á demanda dun grupo de profesoras e profesores de Filosofía de dispor de contidos audiovisuais para introducir o pensamento das mulleres no ámbito escolar. O proxecto escolma autoras destacadas da historia do pensamento e céntrase nos temas de debate que abriron para “contalos nun formato breve e nunha linguaxe audiovisual contemporánea”.

A serie web está protagonizada por Marta (interpretada por Marta Pérez) e María (María Roja), dúas compañeiras de traballo que, nos seus encontros, atopan sempre un motivo para filosofar coas ideas das mulleres que forman parte da historia do pensamento.

O primeiro capítulo, titulado “Póker de sabias, aborda as filósofas da época antiga e medieval, como Aspasia de Mileto, Safo de Lesbos, Hipatia ou Hildegarda de Bingen.
O segundo, Iluminadas, afonda nas voces de Mary Wollstonecraft e Olympe de Gouges, invisibilizadas en favor de Rousseau ou Kant, referentes do Século das Luces.
O terceiro capítulo é A filósofa do sacho e céntrase na pensadora e activista Simone Weil, que, malia o seu falecemento cando tiña só 34 anos, deixou unha obra extensa e profunda marcada pola revisión do marxismo e a mística.
Simone de Beauvoir protagoniza o cuarto capítulo, Movendo os marcos, no que se propón unha reflexión sobre como vería a pensadora máis coñecida da historia os avances presentes en igualdade.
O quinto capítulo, Hannah, introduce o pensamento de Hannah Arendt, filósofa do século XX que reflexionou sobre a deriva social cara os totalitarismos.
O capítulo sete repasan as ideas de Judith Butler respecto á identidade sexual e os tipos de violencia, temas que centran algúns dos seus traballos, pasando polo Entroido galego.
O proxecto tamén destina un capítulo, Cancelo Agra, a falar de María Xosé Agra, a muller máis importante da filosofía galega tanto polas achegas do seu pensamento, centrado na idea de xustiza e igualdade, como polo seu labor na documentación, investigación e divulgación dos movementos feministas e de diversidade de xénero en Galicia.

http://consellodacultura.gal/especiais/sophias/