Actividades de verán da Xunta de Galicia a través do programa Tece Redes

22 Xul 2022

A Xunta de Galicia programa este verán 300 actividades familiares, xuvenís e infantís coa campaña Tece Redes en galego.

A nova campaña TeCe Redes acolle tanto os proxectos presenciais como dixitais, que complementan a oferta no Portal da Lingua, como os mixtos, nos que se mesturan ambas modalidades, ou os que se realizan presencialmente. Todos eles inclúense no coñecido programa de dinamización do uso da lingua galega FalaRedes, en activo durante o ano.

Entre as accións programadas, moi pronto poderemos gozar do cine na rúa con filmes como a produción galega Valentina ou Bella e o circo máxico, dirixido a nenas e nenos e no que se trata o tema da amizade no contexto da igualdade de xénero e a diversidade.

Os máis cativos tamén se divertirán cos espectáculos O tranvía Leonardo, con monicreques e música; Toupiciencia Show e Lendo a Ciencia: Festiencia & Festiletras, nos que se fomenta a divulgación científica en galego; O porco de pé, que leva ao teatro a novela de Vicente Risco, ou Xela contra o dragón Traga-verbas, espectáculo que trata a importancia do uso cotián da lingua galega e da conservación da nosa identidade.

Picadiscos Marifaltri, Festa Maimiña, Viaxe á prehistoria. Unha aventura inmersiva na procura das nosas orixes, As Armadanzas, Ghop! e Falando a música chegan con espectáculos de música, baile, contos, obradoiros e teatro para que toda a familia comparta, escoite e se divirta en galego.

E a familia de irmáns máis coñecida polos nenos e nenas galegos, Os Bolechas, percorrerán as nosas rúas con distintos shows de monicreques, pasacalles e actividades interactivas.

As rúas de Galicia encheranse de actuacións musicais da man de artistas galegos de renome como Lucía Pérez, Xacarandaina, SÉS, María do Ceo, Terbutalina, Susana Seivane, A Roda, A Banda da Loba, Roi Casal, Antonio Barros e Ialma, Antonio Luz, os grupos DOUS-Fernando Abreu & Pablo Carrera e o de Percusión ODAIKO e o espectáculo Queiman Folki do Bruxo Queiman.

Tamén se realizarán os concertos do xa coñecido ciclo Novas Músicas en Galego no marco do festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 que terá lugar este setembro no Monte do Gozo.

Presentación

https://www.cultura.gal/es