A Xunta subliña o labor que realizan os 500 correspondentes xuvenís que hai en Galicia para achegar información á xuventude

20 Xun 2022

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, achegouse ao Albergue Xuvenil das Sinas para coñecer ás 50 rapazas e rapaces que participaron no Encontro de Correspondentes Xuvenís con motivo do remate do curso académico. Alí, subliñou o labor que realizan os 500 correspondentes que hai en todo Galicia para achegar información de interese a xuventude.


Fabiola García explicou que o programa Correspondentes Xuvenís ten como finalidade facer partícipes ás mozas e mozos na difusión de axudas, programas ou actividades que son do seu interese. Deste xeito, alumnado de Secundaria, Bacharelato, de Formación Profesional e de Universidades forman parte da iniciativa co obxectivo de a achegar toda esta información aos seus compañeiros e amigos.


A conselleira de Política Social e Xuventude agradeceu o labor que realizan ano tras ano e salientou a importancia de que sexan os propios rapaces os que sirvan de altofalantes para a mocidade. Neste sentido, tamén quixo salientar o papel do profesorado por animar aos seus alumnos a participar neste programa de difusión.


Actividades do encontro
Medio cento de rapaces, de nove centros escolares diferentes que participan neste programa da Xunta de Galicia estiveron no Albergue Xuvenil desde o pasado venres. Durante a súa estancia desfrutaron de diferentes actividades de lecer como caiac ou veladas nocturnas, así como xornadas de formación para impulsar as súas habilidades e capacidades.

Últimas novas