Museo a ceo aberto: a arte urbana en Galicia

04 Mar 2022

Política Lingüística presentou a serie documental Museo a ceo aberto, realizada pola cooperativa O Cable Inglés ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22.

Museo a ceo aberto é unha oportunidade inmellorábel para achegarnos a un movemento creativo de transformación urbana que está a experimentar unha importante revolución en Galicia, non só como elemento artístico e estético contra o feísmo, senón tamén como recurso turístico e dinamizador dende o punto de vista cultural e xuvenil.

Estruturada en sete capítulos dunha duración aproximada de 20 minutos, esta serie mapea as principais mostras de arte urbana de Galicia, onde nos últimos anos foron xurdindo artistas, iniciativas e eventos que conseguiron xerar auténticas transformacións na paisaxe urbana das cidades, creando auténticos museos a ceo aberto.

A serie está dispoñible no Portal da Lingua Galega e na canle de Youtube da Secretaría Xeral de Política Lingüística.