Estou farta

17 Xan 2022

Carta de Alba Quintas de Ourense, publicada o domingo 16 de xaneiro na sección cartas ao director do xornal A Voz de Galicia:

"O meu nome é Alba Quintas e vou en cuarto da ESO. O meu principal obxectivo con esta carta é gritar a pleno pulmón que estou farta. Farta de mirarme ao espello todos os días comprobando se cumpro os estándares de beleza das mulleres no século XXI. Farta de que cada vez que me probo un vestido o primeiro que se me veña á cabeza é se é demasiado curto ou se ten moito escote. Estou farta de que cada vez que chega o verán éntreme unha repentina obsesión por que o único pelo que se me vexa sexa o da cabeza. Estou cansada de ir soa pola rúa e de que automaticamente o meu corpo se poña tenso se paso á beira dun home. Farta de oír comentarios sobre o corpo doutras mozas do estilo «que plana está» ou «vaia foca»; de escoitar a mozos dicir tremendas barbaridades sobre unha muller e xustificarse coa frase «é que con esa roupa vaino buscando ela soa». Estou farta de que os homes poidan ser sumamente pesados os 365 días do ano sen motivo aparente, pero se unha muller está encabuxada é porque «está de regra». Frústrame que cada vez que unha muller comete un erro conducindo dígaselle «muller tiñas que ser». Amólame que se menosprece ás mulleres polo feito de selo. Estou farta das frases como «non sexas  nenaza» ou «iso é moi de moza». Estou farta de que se nos sexualice, de que se abuse de nós, de que se nos escravice, de que se nos maltrate. Farta de que se nos arrinquen os dereitos das mans e de que se nos oprima por ter un aparello reprodutor distinto ao dun home. Farta de escoitar comentarios machistas a xente nova e que se lle reste importancia pola súa inmaturidade. Farta de violacións. Farta de vivir nun país considerado un dos máis seguros do mundo, pero no que morreron 43 mulleres por violencia machista no 2021. En resumo, estou farta de que, a pesar de todo o que loitamos as mulleres, non alcanzásemos aínda a nosa vitoria, a igualdade".