Xa está dispoñíbel no Portal da Lingua a serie documental infantil Dic, dac, docs, unha contribución audiovisual que amais de achegar diversión e “uns contidos moi coidados” para a rapazada, serve de elemento normalizador do galego.
Dirixida a nenos e nenas de 2 a 7 anos, os cinco breves capítulos que compoñen esta serie teñen a finalidade de facilitarlle á cativada a adquisición de vocabulario en galego. Cada capítulo está dedicado a un tema (a cidade, a horta, a casa, a granxa e os medios de transporte), que será o eixo a través do cal os pequenos descubrirán os elementos e as palabras en galego relacionadas con ese eido. Todos os capítulos están encadrados no ámbito galego e cunha referencia clara á xeografía e á cultura de Galicia.
Os autores son David Hernández e Álex Penabade. Conta co guión de María Reimóndez, a voz en off de María Roja e a música de Iván Blanco.