Premio Otero Pedrayo para estudantes de ESO e bacharelato

22 Out 2021

A Fundación Ramón Otero Pedrayo, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca o Premio Anual para alumnado de ESO e bacharelato correspondente ao curso 2021-2022 para contribuír ao coñecemento da personalidade do escritor e a perpetuar a súa memoria e obra entre as mozas e mozos galegos.

Poderá participar calquera estudante ou grupo de estudantes de educación secundaria obrigatoria ou bacharelato, matriculados en calquera centro de Galicia no presente curso académico.

Tipo de traballos:
- Traballos escritos: deberán estar redactados en lingua galega e presentaranse en soporte impreso e dixital, a dobre espazo, letra Arial 10 e cunha
extensión máxima de 15 folios, incluídos gráficos, debuxos, imaxes e calquera outro material que se considere pertinente.
- Traballos audiovisuais (vídeo, podcast etc.): non deben superar os 20 minutos (incluídos os títulos de crédito) e empregarán unicamente a lingua
galega. Entregaranse gravados en soporte electrónico seguindo as indicacións do punto seguinte.

Os traballos enviaranse por correo certificado á Fundación Otero Pedrayo, Casa Museo Otero Pedrayo, Cima de Vila, s/n, 32172 Trasalba, Amoeiro, Ourense. Irán sen asinar, identificados cun lema ou pseudónimo e acompañados dun sobre pechado, que no exterior mostrará o mesmo lema ou pseudónimo e no interior incluirá un papel no que se fará constar o nome completo do centro educativo, o nome e apelidos do participante ou participantes no traballo e un teléfono móbil e correo electrónico de contacto.
Os traballos audiovisuais enviaranse nun soporte dixital (CD, DVD ou USB) en formato mp3 ou mp4 e identificados do mesmo modo que os escritos.

Concederanse os seguintes premios:
Categoría individual:
- Premio ao mellor traballo escrito ou audiovisual realizado por estudantes da ESO.
- Premio ao mellor traballo escrito ou audiovisual realizado por estudantes de bacharelato.

Categoría de grupo:
- Premio ao mellor traballo escrito ou audiovisual realizado por estudantes da ESO.
- Premio ao mellor traballo escrito ou audiovisual realizado por estudantes de bacharelato.

O premio individual consistirá nun ordenador portátil e o premio de grupo nunha viaxe de estudos dunha xornada de duración, na que se abordarán contidos relacionados coa Xeración Nós e na que participará o grupo-aula gañador e ata tres docentes que colaborasen con este. Ademais, o profesorado, en representación dos centros premiados, recollerá unha colección de libros para a biblioteca do centro e un diploma acreditativo.

O prazo de presentación estará aberto ata o 15 de xaneiro de 2022.

Máis información

http://fundacionoteropedrayo.org/