Xuventude convertirá sete prazas de Santiago en sete ‘Teatros de pedra’ con diversas representacións artísticas da mocidade galega

01 Ago 2012
  • O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe no Concello de Santiago a programación de dinamización artística ‘Imaxina Atlántica: Teatros de pedra’
  • Entre as actividades programadas, que se desenvolverán ata o 13 de agosto, destaca a creación dun percorrido turístico alternativo na cidade a través das artes da música, escultura, graffiti, expresión corporal ou a danza
  • Os protagonistas serán 9 mozos e mozas, todos eles creadores, co obxectivo de fomentar un punto de encontro da mocidade con inquedanzas artísticas
  • Con esta iniciativa darase a coñecer a Europa Atlántica, a cultura galega e intentarase recuperar lugares emblemáticos de Santiago

teatros_de_pedraSete prazas de Santiago converteranse nos próximos días en sete ‘Teatros de Pedra’, onde 9 mozos e mozas creadores desenvolverán diferentes representacións artísticas para dinamizar estes lugares emblemáticos da cidade e, desta forma, dar a coñecer a Europa Atlántica e a cultura galega.

Trátase da iniciativa ‘Imaxina Atlántica: Teatros de pedra’ que organiza a Dirección Xeral de Xuventude ata o 13 de agosto, cuxa programación presentou hoxe no Concello de Santiago o responsable da área autonómica, Ovidio Rodeiro, acompañado polo concelleiro de Xuventude, Adrián Varela.

Entre as actividades programadas destaca, así, a creación dun percorrido turístico alternativo na cidade a través das artes da música, escultura, grafiti, expresión corporal ou a danza, entre outros, nas prazas de San Finz, A Sal, Oliveira, Teatro, San Roque, San Miguel e Inmaculada e en Entremuros e rúa Campás de San Xoán. Deste xeito, nos distintos emprazamentos mostraranse aos viandantes a través da da luz, o son e doutras expresións artísticas os aspectos máis peculiares da cultura galega e doutras partes da Europa Atlántica.

“O que pretendemos é promover e estimular a creación de artistas novos dentro dos parámetros da arte actual e promover o intercambio urbano a través dos artistas”, apuntou Rodeiro, ao tempo que resaltou a importancia de crear actividades artísticas relacionadas coa mocidade e fomentar un punto de encontro entre mozos e mozas creadores e non creadores, “pero con inquedanzas artísticas que fagan unha posta en común”.

Rodeiro sinalou, ademais, que esta actividade está enmarcada no proxecto ‘Imaxina Atlántica: espazo atlántico, territorios creativos innovadores’, aprobado ao abeiro do proxecto ‘Espazo Atlántico’, no que participan rexións de España, Francia, Reino Unido e Portugal.

“As actividades que compoñen o proxecto, ademais de seminarios técnicos internacionais, apostan polo intercambio de mozos e mozas profesionais e a creación de circuítos turísticos e culturais”, afirmou o director xeral.

Os diferentes teatros

O teatro da Praza de San Finz recollerá unha mostra de escultura en papel maché e ganchillo con tres temáticas diferentes: a chegada do Apóstolo Santiago na barca; o avistamento da estrela polo monxe Paio; e, por último, haberá unha recreación das mulleres na Praza de Abastos con referencias á cultura gastronómica galega.

Na Praza da Sal, a través do grafitti, os artistas levarán a cabo unha recreación da maxia e misterio da cultura galega a través do túnel do tempo e na Praza da Oliveira, dedicada á especialidade de videocreación, usarase o olivo como fondo para realizar unha recreación da historia do aceite de oliva en Galicia.

Continuando co percorrido artístico e turístico, en Entremuros establecerase unha instalación interactiva co espectador que poderá aportar un elemento diario á rede de comunicación que se exporá: fotografías, notas ou cartas, entre outros. Ao final de cada xornada, todas elas serán expostas nun blog. Ademais, os viandantes poderán contemplar unhas proxeccións de sombras de personaxes que atravesaban as sete portas da cidade de Santiago. Este teatro prolongarase ata a Agalia de Abaixo e a Praza do Teatro.

Na Praza de San Roque a temática será a música e a pintura a través de grandes murais que embelecerán os muros e a fonte, de onde emanarán personaxes musicais que lembran as cancións do Camiño de Santiago.

A canción tradicional será a protagonista na Praza de San Miguel a través dunha participante de orixe arxentina e a expresión corporal destacará na rúa Campás de San Xoán cunha performance que ensinará o paso do tempo no Camiño de Santiago.

Por último, na Praza da Inmaculada haberá unha intervención multidisciplinar de todos os participantes do programa. O resumo de todas as creacións artísticas converterase nun gran soño atlántico.