Bo camiño!

27 Set 2021

O proxecto "¡Buen Camino!" ofrece unha visión virtual dos diferentes Camiños de Santiago con historias inmersivas que cobran vida con 108 exposicións en liña, máis de 4.750 fotografías e vídeos, 15 visitas virtuais en 360 graos e un vídeo único que convida ao usuario a experimentar de xeito sensorial a aventura de percorrer este recoñecido traxecto.

Entre as exposicións que se poderán gozar nesta nova experiencia que ofrece Google Arts and Culture atópanse, entre outras, as historias para coñecer máis sobre o Camiño de Santiago como este mapa ilustrado dos Camiños de Santiago en Europa con curiosidades sobre o Camiño ou Dez cosas que non sabías do Camiño de Santiago, onde as persoas poderán coñecer datos tan interesantes como De onde vén o nome de Compostela? Que papel xoga Francis Drake na historia xacobea? ou Por que tantos coreanos peregrinan a Santiago?

Tamén atoparemos historias que se centran nas persoas e a relación co Camiño de Santiago, entre as que destacan: Coñece a Yoon, un coreano namorado deste roteiro de peregrinación e que rexenta un restaurante en Santiago de Compostela, ou Persoas que traballan no Camiño, que mostra as historias de persoas cuxos traballos están vinculados ao Camiño de Santiago dunha ou outra maneira. Ademais, o proxecto mostra os Camiños de Santiago como roteiros de peregrinación accesibles a todo tipo de persoas e inclúe elementos como unha guía a través de pictogramas para facer o Camiño a Santiago, un camiño sen barreiras para facer o camiño con cadeira de rodas ou o Camiño da diversidade, con recomendacións para que todo o mundo poida gozar desta experiencia dunha maneira plena.

Así mesmo, todo o que se mergulle nesta aventura virtual poderá coñecer as marabillas culturais, naturais e arquitectónicas que rodean estes camiños a través de exhibicións como: Música galega: A banda sonora do Camiño de Santiago, unha selección de propostas contemporáneas a través das cales se poderán explorar as diferentes reinterpretacións da música de Galicia, desde a música tradicional ata o folk, o jazz, a electrónica, o trap e o rock; Fenómenos para reconectar aos viaxeiros cos seus cinco sentidos, unha viaxe de descubrimento sensorial no que os viaxeiros poderán seguir un rastro que se pode ver, oír, cheirar, tocar, sentir e vivir a cada paso; ou a exhibición Outros tipos de patrimonio arquitectónico ao longo do Camiño de Santiago, coa que se coñecerán algúns dos segredos máis sorprendentes e mellor gardados do patrimonio relixioso dos distintos Camiños, algúns famosos, outros curiosos e totalmente escuros.

https://artsandculture.google.com/project/caminos-de-santiago