Aplicación móbil para deixar de fumar

17 Set 2021

A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC acaba de poñer en marcha unha nova intervención para deixar de fumar dende a casa.

A través de sesións nunha plataforma en liña e co apoio dunha App, o paciente “segue o tratamento comodamente, semana a semana, dende a súa casa coa axuda dun terapeuta”, sinalan dende a Unidade. O Programa para Deixar de Fumar é gratuíto e lévase a cabo en formato grupal. Para participar, só hai que apuntarse e dispoñer dun dispositivo electrónico con conexión a internet (tableta, computador ou teléfono móbil) “dende o que poidamos vernos e escoitarnos, así como un teléfono móbil para poder descargar a App”, explican.

O devandito programa de tratamento consta de oito sesións que se desenvolven a través da plataforma en liña, unha vez á semana, cunha hora de duración.

Nelas aplican o tratamento psicolóxico que levan a cabo dende hai anos no Programa para deixar de fumar.
Semana a semana, os participantes farán unha redución gradual da cantidade de nicotina que consomen, establecendo cada semana o número de cigarros que poden fumar diariamente. “Desta forma, pódese deixar de fumar sen ter os síntomas da síndrome de abstinencia como son enfado, ira, tristeza, ou ansiedade”, matizan.

Pode obterse información máis detallada deste tratamento no teléfono 881 81 39 39, a través do enderezo electrónico elisardo.becona@usc.es ou ana.lopez@usc.es

https://www.usc.gal/es/servizos/tabaquismo/