Fabiola García celebra os "referentes novos cheos de talento e creatividade" que se deron a coñecer en máis de dez anos de Xuventude Crea

11 Mai 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García celebrou durante a inauguración da exposición de Xuventude Crea no Mercado Municipal de Ribeira “os referentes novos cheos de talento e creatividade” dos que pode presumir Galicia. A mostra, que ten carácter intinerante, fai un percorrido polos últimos dez anos do certame e poderá visitarse en diferentes localizacións ata abril de 2022.

A exhibición, que se poderá ver cada mes nun lugar diferente ata chegar ás doce localizacións previstas, comeza en Ribeira, onde estará todo o mes de maio, e continuará en Lalín, onde permanecerá o mes de xuño; Vigo, en xullo; Tui, en agosto; Noia, en setembro; Lugo, en outubro; Ourense, en novembro; e, por último, estará en Santiago de Compostela todo o mes de decembro. De cara ao 2022 especificaranse as datas nas que recalará nos seus seguintes destinos: as cidades da Coruña, Pontevedra, Ferrol e Chantada.

Durante o acto inaugural da exposición, a conselleira de Política Social explicou que os obxectivos principais deste programa son, por unha banda, coñecer algunhas das mostras máis senlleiras da creatividade xuvenil e, por outra, permitir aos seus artífices amosar o seu talento en varios lugares da comunidade.

Récord de participación

Fabiola García recordou que o pasado ano medio milleiro de mozas e mozos se presentaron ao certame, o que supuxo un récord de participación do programa. Este feito, xunto ao compromiso do Goberno galego de seguir a fomentar a creatividade e o talento da mocidade galega, leva á Xunta de Galicia a continuar apoiando estas iniciativas, posto que se trata dun dos principais escaparates para “demostrar ao mundo enteiro que as xeracións máis novas teñen unha enorme puxanza”, recalcou.

Neste sentido, a titular de Política Social lembrou que nos últimos anos se foron incorporando novas categorías ao abano inicial, ata chegar ás 14 actuais. Entre outras disciplinas, o certame organizado pola Consellería premia os mellores traballos en artes plásticas, banda deseñada, cociña, danza moderna, deseño de xoias, fotografía, graffiti, moda, música, poesía, teatro e videocreación. As últimas en sumarse ao programa foron as de creación de videoxogos e novela curta.