Formación á chegada de voluntarios/as do Corpo Europeo de Solidariedade

23 Mar 2021

Organizada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado de xeito telemático.

Durante os días 22, 23, 24 e 25 de marzo, un grupo de 7 mozos e 17 mozas, voluntarios/as do Corpo Europeo de Solidariedade (CES) están a realizar a súa Formación á Chegada, unha actividade enmarcada no ciclo formativo do CES que ten como propósito introducir aos participantes no país de acollida e nos seus proxectos.

Nesta formación participan un total de 24 mozos e mozas procedentes de Alemaña (4 participantes), Eslovenia (1) Estonia (1), España (8), Francia (1), Grecia (2), Holanda (2), Hungría (1) e Italia (4). As persoas voluntarias, mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, realizarán durante un periodo de ata un ano os seus proxectos en Galicia (18), Baleares (4) e Castela e León (2).

Estas actividades formativas á chegada das persoas voluntarias están organizadas pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, en colaboración co Injuve, como membros da Axencia Nacional Española do programa europeo CES.
Mediante esta formación impartida en liña, as persoas participantes obterán as ferramentas necesarias para o desenvolvemento do seu voluntariado, ademais de coñecer o papel dos axentes implicados nos seus proxectos, potenciar habilidades sociais e comunicativas, establecer redes de contactos con outros voluntarios e voluntarias e crear, en definitiva, un punto de encontro baseado no intercambio cultural achegándose á cultura en España e progresando na aprendizaxe do idioma no que realizarán a súa actividade.