A Xunta de Galicia ven de poñer en marcha unha versión actualizada do Celga 1 en liña, que permite por primeira vez a autoformación en lingua galega desde o Portal da Lingua Galega.
A nova ferramenta de autoformación en liña estará aberta de forma permanente, garantindo un acceso ilimitado á aprendizaxe do galego desde calquera lugar e a calquera hora. Na nova opción, non hai límite de prazas nin datas específicas de acceso e tampouco é precisa matriculación, polo que o acceso será tan sinxelo como cubrir un rexistro previo.
Este novo curso de autoformación pode seguirse sen necesidade dun titor, xa que as persoas usuarias van avanzando na aprendizaxe grazas aos exercicios de autorresolución e aos exemplos de resposta. Así, a través dunha interface de navegación sinxela, eficiente e intuitiva, o alumnado accede a cada unha das 12 unidades do curso divididas en catro bloques: comprender, explorar e reflectir, practicar e comunicar e viaxar.