Foro de Correspondentes Universitarios para impulsar novos programas destinados á xuventude

25 Feb 2021

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado puxo en marcha un foro de Correspondentes Universitarios para seguir mellorando os programas e iniciativas para a mocidade, así como recoller inquedanzas fronte a situación que se está a vivir na actualidade.

O principal obxectivo deste foro é conectar os participantes do programa Correspondentes Universitarios, que este curso 2020-21 acadou o seu récord con máis de 150 mozos e mozas participantes, para recoller impresións e suxestións da mocidade, definir estratexias e deseñar novas iniciativas nas que se motive á participación da xuventude.

Neste encontro, no que participou a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo alumnado e representantes da Universidade da Coruña, da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo.

Cada un dos grupos creados neste foro tiveron a oportunidade de explicar como lles está a afectar a pandemia sanitaria provocada pola covid-19. Ademais, achegaron percepcións de diferentes programas que se levan a cabo desde o Goberno galego e realizaron propostas de mellora en base aos intereses da xuventude.

Beneficios dos mozos e mozas correspondentes

Cómpre lembrar que as funcións destes correspondentes son colaborar cos centros na difusión de información relacionada coa situación sociosanitaria derivada da covid-19, xestionar regularmente un taboleiro ou sistema de divulgación, e asistir ás reunións de coordinación que se convoquen, entre outras cuestións.

A estes mozos e mozas correspondentes recoñeceráselle o tempo dedicado como persoas voluntarias. Neste sentido, as universidades expediranlles unha certificación a aqueles que acrediten a súa participación para os efectos da solicitude de créditos e poderán participar gratuitamente, durante unha fin de semana, nun encontro autonómico de correspondentes (incluíndo o aloxamento, a mantenza e a programación de actividades), sempre e cando a situación sanitaria derivada da crise Covid-19 o permita.