Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María

19 Xan 2021

A IVª edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María vén de ser convocada pola Casa-Museo Manuel María. O certame dirixido ao alumnado galego de ensino non universitario (desde a ESO até segundo de Bacharelato, ESA e Ciclos Formativos) ten por finalidade a potenciación da creatividade artística a través da conxunción da palabra, o son e a imaxe, e o coñecemento e difusión da obra de Rosalía e Manuel María.

Temática
Os videopoemas consistirán nun vídeo baseado nunha composición poética en galego de Rosalía ou de Manuel María. O poema deberá aparecer nalgún momento do videopoema, ben sexa impreso, recitado ou en calquera outra opción que se considere.

Formato
Os videopoemas presentaranse en formato MP4 e non poderán superar os 3 minutos, incluídos créditos se os houber.
As obras deben ser orixinais e inéditas. En caso de usar música, textos ou imaxes alleas, deberán ser materiais libres de dereitos de autor.

Prazos
1. Os centros participantes deberán realizar a súa preinscrición antes do 26 de marzo. Deberán facela por correo electrónico en contacto@casamuseomanuelmaria.gal. A Casa-Museo confirmará ao centro a recepción da solicitude no prazo de 48 horas.
2. Os traballos serán enviados por calquera medio dixital á Casa-Museo Manuel María antes do 26 de abril, mais sempre deberá ser comunicado dito envío ao enderezo electrónico seguinte: contacto@casamuseomanuelmaria.gal
No corpo da mensaxe terán de sinalar o título do videopoema, a persoa autora ou  autoras, o nome do centro educativo e os datos de contacto postal e de e-mail.
3. A Casa-Museo comunicará antes do 11 de maio os videopoemas seleccionados como finalistas.

Premios
O xurado estabelecerá os que, ao seu xuízo, son os dous mellores traballos presentados, atribuíndoselles como premio unha tablet para cada un. Os premios son únicos, independentemente do número de persoas que participen na realización dos videopoemas premiados.
Todas as persoas participantes que fosen seleccionadas para a fase final recibirán un diploma por participaren así como un libro de Manuel María.

As bases do certame pódense ver na web da Casa-Museo Manuel María