A formación práctica (FCT) en circunstancias de Covid-19

24 Nov 2020

A Consellería de Educación publica instrucións para o desenvolvemento do período de formación en empresas nas ensinanzas de formación profesional, ensinanzas artísticas e ensinanzas deportivas, na situación excepcional actual de pandemia derivada da COVID-19.

Desenvolvemento ordinario
Sempre que sexa posible, o período de formación práctica en empresas desenvolverase nas condicións e coa duración fixadas na normativa de aplicación para cada ensinanza.

Medidas extraordinarias
Nos casos en que non sexa posible a realización do módulo de Formación en centros de traballo nas condicións fixadas na normativa de aplicación para cada ensinanza, como consecuencia das circunstancias excepcionais derivadas da pandemia orixinada pola COVID-19, poderase establecer algunha das medidas seguintes:

1. Desenvolver o módulo de FCT parcialmente de xeito telemático, desde o domicilio ou desde o propio centro educativo, sempre que as instalacións e o equipamento o permitan, a empresa o considere viable e sexa posible desenvolver as competencias asociadas ao título.

2. Reducir a duración do período de formación en centros de traballo ata o mínimo de horas establecido: 220 horas no caso de ciclos de grao medio e de grao superior, 130 horas nos ciclos de grao profesional básico e, nos cursos de especialización, a duración indicada en cada real decreto. Así mesmo, no caso dos programas formativos establecidos na Comunidade Autónoma de Galicia, a FCT poderase reducir a 65 horas.

Ademais, cando iniciado o módulo de FCT non sexa posible rematalo polas circunstancias excepcionais, este considerarase completado sempre que o tempo de realización das prácticas sexa igual ou superior ao mínimo indicado no parágrafo anterior.

De non ser posible completar o mínimo de horas indicado no punto anterior ou cumprir na súa totalidade o programa formativo establecido para a realización do módulo de FCT, poderase:
– Realizar no propio centro educativo, se é posible, o desenvolvemento de actividades prácticas que complementen a totalidade do programa formativo.
– Desenvolver actividades asociadas ao ámbito laboral que complementen o programa formativo.

3. Cando non sexa posible o desenvolvemento do módulo de FCT nun centro de traballo, nos centros educativos realizaranse actividades asociadas ao ámbito laboral que se aproximen o máximo posible á realidade profesional

4. Flexibilizar o desenvolvemento do módulo de FCT:
Anticipar a realización do módulo de FCT, de xeito total ou parcial.
Ampliar o período de desenvolvemento da FCT ata o 31 de agosto de 2021.

Proceso de selección do alumnado e renuncia para a realización da FCT nas ensinanzas de formación profesional:
No caso de que o número de prazas dispoñibles nos centros de traballo non sexa suficiente para a totalidade do alumnado dun grupo proposto para FCT, realizarase unha selección tendo en conta a nota media dos módulos avaliados antes da formación en centros de traballo

Máis información en www.edu.xunta.gal  e no teu centro educativo