Fiestra: audiovisual galego como recurso pedagóxico

07 Out 2020

Fiestra é unha plataforma dixital que promove a utilización de audiovisual galego como recurso pedagóxico para a educación en valores nos centros de ensino de primaria e secundaria.

Fiestra pon a disposición dos centros de ensino un catálogo de curtametraxes galegas seleccionadas especialmente polo seu valor educativo. Cada unha das obras vai acompañada dunha serie de recursos didácticos cos que poder traballar nas aulas.

O catálogo de Fiestra está composto por obras audiovisuais galegas seleccionadas pola súa calidade e pola súa capacidade para seren utilizadas na educación en valores. Cada unha delas conta con guías didácticas elaboradas polo equipo pedagóxico de Fiestra e editadas pola Academia Galega do Audiovisual. Fiestra tamén pon a disposición dos centros unha serie de propostas didácticas para traballar de xeito conxunto no seu catálogo que irá medrando coa inclusión de máis obras cada ano.

As guías didácticas de Fiestra están organizadas por temas, de xeito que se un docente busca o tema co que quere traballar, saen unha serie de obras que tocan eses temas.
Dentro de cada obra está o visionado, a ficha técnica, información que permita coñecer mellor as obras e os autores, e despois temos a intervención pedagóxica proposta segundo a idade do alumnado.

Os centros de ensino poden acceder a estes recursos rexistrándose no formulario de inscrición. Só é preciso un rexistro por centro. Unha vez dado de alta, o novo usuario poderá acceder de xeito gratuíto aos contidos da plataforma durante tres meses. Unha vez transcorrido este tempo deberá ser aboada a cota anual de acceso ao servizo, que é de 50 euros, e ten unha validez de 12 meses desde o momento da alta. Quedan eximidos do pago da cota anual os centros de ensino público de primaria e secundaria da provincia de Ourense.

https://fiestra.gal/