Diego Calvo ensalza o labor de colega na loita pola inserción social do colectivo de lesbianas, gays, bisexuais e transexuais de Galicia

17 Xun 2010
O delegado territorial da Xunta, Diego Calvo, e o director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, destacaron a labor que ven realizando o Colectivo de Lesbianas, Gais, Bisexuais e Transexuais de Galicia (COLEGA) na loita contra a discriminación e pola integración en tódolos ámbitos da sociedade dos seus membros.

Durante a presentación dunha análise realizada por COLEGA sobre a situación do sector poboacional do colectivo de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais (LGBT), a realidade das súas demandas e peticións de información que recibiron nas súas oficinas no primeiro semestre de 2010.

Os representantes autonómicos resaltaron que, neste senso, Galicia vai na boa dirección, pero que aínda queda camiño por percorrer para lograr a completa normalidade da orientación sexual nos ámbitos social, familiar e laboral. Dende a Xunta tamén incidiron no incansable exercicio pedagóxico que realizan entidades como COLEGA. Neste aspecto, tanto Calvo como Rodeiro coincidiron en que a orientación sexual non é ningunha traba nin impedimento para o completo desenvolvemento social e persoal dos seres humanos.

O presidente de COLEGA Galicia, Rafael Moral, amosou a súa "moderada satisfacción" polas melloras na xestión dos servizos socio asistenciais e socio sanitarios e anunciou que, a través do programa ‘Quérote’, están a preparar un protocolo de derivación común, controlado por un observatorio de carácter rexional e participado por entidades educativas, xuvenís e socio asistenciais, có que pretenden garantir unha maior accesibilidade e transparencia dos LGBT galegos aos programas de atención.

No que se refire ao informe, e á vista dos resultados, os datos que máis preocupan ao colectivo LGBT son a falta de coñecemento por parte dos seus membros da realidade do VIH e das enfermidades de transmisión sexual; a dificultade de inserción laboral e a alta taxa de fracaso escolar, ou a vinculación excesiva a economías sumerxidas e de baixa cualificación.

Rafael Moral, informou aos representantes da Xunta de que, no que vai de 2010, COLEGA recibiu 387 consultas nos seus puntos de información, a maioría -294- relacionadas con temas sanitarios como o VIH e as enfermidades de transmisión sexual. Asemade, alertou do incremento da prostitución masculina ocasional por parte de menores de 26 anos, que pasou dos 27 casos rexistrados en 2009 aos 43 que se coñecen na actualidade.

Outro dos problemas que preocupan a COLEGA é o acoso on-line que sofren os xoves LGBT, que chegou a ser a terceira causa de contacto nas súas oficinas, e do que xa deron constancia á Dirección Xeral de Xuventude.


Con todo, os obxectivos de COLEGAS pasan por homoxeneizar e mellorar a derivación dos sectores en alta exclusión social por causa de orientación afectivo sexual e identidade de xénero, así como a promoción de información de calidade, non nesgada nin partidista. Ao mesmo tempo, a Xunta de Galicia fai unha aposta firme e decidida pola posta en marcha de políticas públicas que garantan os dereitos persoais e socias de cada un dos nosos cidadáns, sen tolerar ningún tipo de discriminación.