Galicia e Castela e León cooperarán na formación, coordinación e apoio á xuventude das dúas comunidades

15 Xun 2010
fotoA conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o conselleiro de Familia e Igualdade de Oportunidades de Castela e León, César Antón Beltrán, firmaron hoxe en Santiago un convenio de colaboración en materia de xuventude.

O acordo recolle accións conxuntas de formación, de participación e mobilidade xuvenil, de promoción de novos creadores e de apoio ás iniciativas de emprendedores.

Entre outras actuacións, recoñeceranse mutuamente as titulacións non formais e facilitarase o uso de espazos de creación artística á xuventude de ambas comunidades.

Mato e Antón inauguraron tamén unha exposición que recolle imaxes do Camiño de Santiago tomadas por catro mozos e mozas artistas de Castela e León e obras dos gañadores da especilidade de artes plásticas do certame galego Xuventude Crea. A mostra estará aberta no Centro Coordinador de Xuventude (Praza do Matadoiro s/n, Santiago) ata o 14 de xullo,

A Xunta de Galicia e o Goberno de Castela e León colaborarán activamente en materia de xuventude, de forma que abordarán conxuntamente accións de formación, coordinación e apoio aos mozos e mozas das dúas comunidades autónomas.

Con este fin, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o conselleiro de Familia e Igualdade de Oportunidades de Castela e León, César Antón, asinaron hoxe en Santiago un convenio de colaboración, acto no que tamén estiveron o director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, e o director do Instituto de Xuventude de Castela-León, Sergio Montoya.

Este acordo inscríbese no protocolo xeral de colaboración firmado a principios deste ano polos presidentes de Galicia e Castela e León, que persegue mellorar a coordinación e aproveitar as sinerxias entre as dúas comunidades veciñas. O convenio asinado hoxe recolle accións conxuntas en materia de formación, información, participación e mobilidade xuvenil, difusión e promoción de novos creadores, iniciativas de mozos e mozas emprendedores e coordinación en accións transfronteirizas.

No que se refire á formación, Mato e Antón destacaron que ambas comunidades recoñecerán mutuamente as titulacións non formais, de modo que se eliminarán os impedimentos burocráticos que puideran retrasar o acceso ao mercado laboral da mocidade. Ademais, nesta mesma liña, tamén se promoverá o acceso da xuventude de ambas rexións, en condicións de igualdade, ás escolas de formación xuvenil, e de cara a realización de prácticas, para obter estas titulacións.

Con respecto á información, o convenio prevé o intercambio de información dirixida á xuventude, especialmente aquela que pode ser máis relevante, como a relacionada coa emancipación. Tamén se levarán a cabo intercambios de boas prácticas nas redes de información xuvenil, sobre todo en aquelas que teñen que ver co medio rural ou coa xuventude en risco de exclusión. A isto hai que sumarlle a organización de encontros e xornadas de reciclaxe e adaptación profesional para os membros das redes autonómicas de xuventude.

O acordo contempla tamén, no ámbito da participación xuvenil, encontros e intercambios de membros de asociacións xuvenís e de consellos da Xuventude, así como seminarios de boas prácticas en participación e voluntariado. No eido da mobilidade, traballarase de forma conxunta para favorecer a mobilidade xeográfica dos mozos e mozas, entre Castela e León e Galicia, e tamén entre outras comunidades. Nesta liña de actuación farase especial fincapé no impulso do Camiño do Santiago, como nexo de unión entre as dúas comunidades autónomas.

As dúas comunidades colaborarán tamén na promoción e difusión dos novos creadores. Con este obxectivo, organizaranse conxuntamente certames e exposicións _terán tamén especial importancia os relacionados co Camiño de Santiago-. Ao tempo, facilitarase o uso de espazos de creación artística á xuventude de ambos territorios.

Xa no referido ás iniciativas de mozos e mozas emprendedores, apoiarase a súa internacionalización mediante misións comerciais conxuntas. Ademais, impulsarase a súa participación en encontros e feiras de negocios das dúas comunidades e organizaranse seminarios e encontros.

O convenio establece tamén acordos en cooperación transfronteiriza, para fomentar o coñecemento entre os mozos e mozas das diversas realidades dos tres territorios.

Tras a firma deste convenio de colaboración, Mato e Antón desprazáronse ata o Centro coordinador de información e documentación xuvenil de Santiago, para inaugurar a exposición fotográfica "Hitos del Camino de Santiago".

Esta exposición reúne fotografías de catro mozos e mozas fotógrafos, premiados en programas de arte de Castela e León, que mostran nove bens culturais situados no Camiño de Santiago ao seu paso por esa comunidade. A finalidade desta iniciativa é dar a coñecer aos peregrinos e viaxeiros estes lugares e os seus procesos de restauración.

Así, os lugares fotografiados son: o municipio de Belorado (Burgos); o monasterio de San Juan de Ortega (Baños de Colina, Burgos); a ponte de Itero (entre Itero del Camino, Burgos e Itero de la Vega en Palencia); o monasterio de San Zoilo (Carrión de los Condes, Palencia); a igrexa de Santa María de La Blanca (Villalcázar de Sirga, Palencia); a igrexa de la Peregrina (Sahagún, León); a ponte de Villarente (Villarente, León); a colexiata de San Isidoro (León); e a igrexa de Santiago (Villafranca del Bierzo, León).