Máis de 300 mozos e mozas galegos participaron xa no programa de aprendizaxe e lecer ‘Aula Xuventur’ de Benestar

09 Mai 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe o albergue xuvenil de Gandarío onde se está a desenvolver a actividade ‘Camiño a Durban’

Nesta segunda edición do programa ofertáronse máis de 850 prazas dirixidas ao alumnado galego, distribuídas en 24 quendas, durante os meses de marzo a xuño

O Aula Xuventur estrutúrase en tres módulos diferenciados, en función da temática e das idades dos participantes: ‘Vive o mar’, ‘Multiaventura de Cine’ e ‘Camiño a Durban’

Un total de 321 mozos e mozas de catorce centros de ensino de toda Galicia participaron ata agora no programa ‘Aula Xuventur’ da Consellería de Traballo e Benestar, que combina aprendizaxe e lecer.BERGONDO

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe o albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo, A Coruña), onde se está a desenvolver a actividade ‘Camiño a Durban’, dentro do programa ‘Aula Xuventur’. Durante a visita, puido coñecer a opinión dos 42 mozos e mozas do Colexio Divino Salvador de Vigo que están a participar na iniciativa.

Nesta segunda edición do programa ofertáronse máis de 850 prazas dirixidas ao alumnado galego, distribuídas en 24 quendas, durante os meses de marzo a xuño, na procura de facilitarlles aos mozos e mozas unha experiencia educativa alternativa e complementaria do currículo escolar, cunha programación que combina a aprendizaxe e o tempo de lecer, á vez que se pon a disposición da mocidade galega a rede de albergues xuvenís de Galicia.

O Aula Xuventur estrutúrase en tres módulos diferenciados, en función da temática e das idades dos participantes: ‘Vive o mar’, ‘Multiaventura de Cine’ e ‘Camiño a Durban’. Todos os titulares do carné xove teñen dereito a un desconto.

‘Camiño a Durban’ está dirixido ao alumnado con idades entre os 14 e os17 anos que estea cursando 3.º e 4.º da ESO, 1.º de bacharelato ou 1.º ciclo de grao medio. Desenvólvese no albergue xuvenil de Gandarío, en seis quendas de tres días (2 noites), entre os meses de marzo e maio. Durante tres xornadas organízase un xogo de rol sobre educación ambiental, tendo como fío condutor o cambio climático, co obxecto de favorecer un achegamento ao concepto de educación ambiental e desenvolvemento sostible, sensibilizar da problemática do cambio climático, as súas causas, efectos e medidas paliativas.

‘Vive o mar’ dirixiuse ao alumnado con idades entre os 12 e os 16 anos e que estivera cursando Educación Secundaria. Desenvolveuse no albergue xuvenil das Sinas, en sete quendas de dous días (1 noite), entre os meses de marzo e abril. A finalidade deste módulo foi a de crear un novo marco de ensinanza lúdico-educativa, baseada na multidisciplinariedade de coñecementos e aprendizaxes sobre o medio mariño e o seu entorno.

‘Multiaventura de cine’ está dirixido ao alumnado con idades entre os 14 e os 17 anos que estea cursando terceiro e carto da ESO, 1.º de bacharelato ou 1.º ciclo de grao medio. Desenvólvese no albergue xuvenil LUG 2, en once quendas de tres días (2 noites), entre os meses de marzo e xuño. Busca achegar aos participantes ó cine como ferramenta de desenvolvemento de habilidades sociais, creatividade e autocoñecemento, complementado por actividades de deporte activo.